Has elegido la edición de . Verás las noticias de esta portada en el módulo de ediciones locales de la home de elDiario.es.
Sobre este blog

Este blog es el espacio de opinión y reflexión de elDiario.es en Galicia.

Únase a liña de puntos

Una capa de niebla cubre gran parte de la ciudad de Vigo y de las rías bajas este lunes.

0

Segundo a última lista Forbes, os españois cos petos máis podentes teñen un patrimonio valorado en, aproximadamente, 196.000 millóns de euros; dese patrimonio os empresarios galegos superan os 97.000 millóns. Por suposto, o cosmos Inditex distorsiona as estatísticas, dado que só o seu fundador, Amancio Ortega, dispón dunha fortuna persoal de 81.800 millóns de euros.

Para aquilatar a cifra tal vez sexa conveniente reproducir este titular referido ao exercicio fiscal de 2023: “Galicia bate récord de millonarios: 8.800 contribuíntes tributarán polo seu patrimonio”. Esa noticia especificaba que, nun ano, a cifra de declarantes tiña medrado en 187 contribuíntes. O imposto sobre as grandes fortunas aplícase a aqueles que teñen bens e rendas superiores a dous millóns de euros. 8.800: é unha cifra a reter na cabeza se se quere entender.

Tamén hai uns días foi dado á luz un gráfico que mostraba que era Galicia, despois de Madrid, o lugar onde as retribucións dos grandes directivos eran máis elevadas. Outra vez é probable que Inditex se sitúe na base do dato, pero non se pode ignorar que o mapa non estaría completo sen mencionar outras grandes empresas, da construtora San José a Abanca ou Froiz, por mencionar algunhas de diferentes sectores. Seguramente, como suliña Albino Prada, a noticia que habería que poñer en destaque é que, tomados en conxunto, os galegos vivimos cun dez por cento menos dos ingresos medios do conxunto de España (21.268 / 23.697). Pero segue sendo certo que entre nós temos executivos moi ben pagados.

Segundo o Instituto Galego de Estatística (IGE) no ano 2022 a entrada de poboación foi casi o dobre da que saíu e rexistrouse un saldo positivo de 27.251 persoas. Duplica os datos de 2021. En 2023 a poboación extranxeira en Galicia supoñía o 5,2% do total de habitantes. Desta maneira, o peso da poboación extranxeira subíu en comparanza con 2022, cando representaba o 4,43% do total. Dez anos antes, a porcentaxe era do 3,98%. Por certo, as taxas máis altas de inmigración danse nos concellos máis despoboados. Asómbrense: algunhas estimacións xulgan que en 2070 o 40% da poboación de Galicia será non nacida no páis. Construír vivenda pública será crucial.

De feito, a diáspora galega tende a posuir un novo perfil, onde abundan titulados de alta calificación, mentres que os inmigrantes do exterior que veñen a Galicia tenden a ocupar traballos na construción, na hostelaría, no servizo doméstico e noutros traballos peor retribuídos e de menor consideración social. Nun estudo da Universidade de Vigo indicábase que, despois de acabar a carreira, un 76,6% dos seus licenciados traballaban en Galicia; un 13,3%, noutras comunidades -Madrid, sobre todo, e en menor media Barcelona, Canarias et altri-; e finalmente, un 10,1% fóra de España.

Hai uns meses, o empresario Daniel Hermosilla, CEO de Rodiñas, máis eu demos á luz un libro, Galicia, distrito industrial (Editorial Galaxia, 2024), no que se sostén que nas últimas décadas naceu unha constelación de empresas de alto valor tecnolóxico, capitalizadas e internacionalizadas. Para os lectores causa sensación –vai na terceira reimpresión, por certo- comprobar a tupida malla de empresas que existen, máis aló de Inditex, Stellantis ou do sector mar-industria. Dende o segmento do contract á aeronaútica, pasando polo frío industrial, a transformación do aluminio e da madeira, as enxeñerías do aceiro, as firmas informáticas ou a biotecnoloxía, hai moito máis do que unha certa mirada quere conceder. Ás empresas galegas veulles ben entender que o mercado é o mundo enteiro. David Cortizo, traballador de Galaxia, fixo esta apreciación: “Pode lerse como unha guía para atopar traballo”.

E así é. En efecto, o libro intenta ofrecer unha cartografía de empresas para mostrar, de modo ostensible, incontrovertible, a riqueza do tecido industrial. Esas empresas existen, non pode discutirse. Precisamente por iso, unha política industrial propia ten que tomar como obxectivo, máis que ofrecer gangas a multinacionais foráneas, meramente extractivas, que veñen e van, facilitar o desenvolvemento das que xa existen e teñen raíces. É moito o que se pode facer dende os clusters dos distintos sectores en orde a establecer relacións horizontais e colaborativas que permitan multiplicar a creación de valor engadido. Ese é o camiño. Operar no detalle.

O economista Santiago Lago facía notar, a propósito de Galicia, distrito industrial, que “nos últimos vinte anos o valor engadido industrial medrou en Galicia máis que na maioría das comunidades autónomas, incluíndo o País Vasco ou Cataluña”. Pola súa parte Xosé Carlos Arias indicaba que estamos asistindo a unha verdadeira revolución silenciosa na industria galega.

De feito, estamos asistindo á maior transformación industrial dende 1945, debido aos procesos de dixitalización, robotización, descarbonización, intelixencia artificial, etcétera, pero parece que non nos quedamos atrás. No xornal Praza Pública Marcos Pérez Pena sinalaba que “dende 2016 a industria galega aumentou a súa facturación nun 61% e as exportacións de alta tecnoloxía duplicaronse dende ese mesmo ano”.

En todo caso, únase a liña de puntos da lista Forbes e os salarios dos directivos ás cifras sobre inmigración ou aquelas outras referidas ao sector industrial: Galicia non é esa cousa extravagante e máis ou menos riquiña que moitos teñen na cabeza. A ubicuidade dos estereotipos fai moi díficil e complicado mostrar a rapidez e a profundidade das transformacións que está vivindo o pais. Facelo lexible máis aló dos tópicos e clixés é unha tarefa ardua, sen dúbida, pero hai que facela, supoño. Pouco a pouco espero que se vaia conformando un novo relato, máis parecido ao que somos e menos condescendente.

A min resúltame difícil comprender que xentes que pasan a vida mergulladas en Netflix, que collen o avión cada dous por tres para ir ás Canarias ou Edimburgo, que traballan nun hospital cun robot Da Vinci, ou en servizos financeiros, ou tal vez na universidade ou nunha fábrica de coches ou de aluminio, cando escoitan o ítem “Galicia” pensen non nun país urbano e industrializado, relativamente rico, senón, case instintivamente, nunha paisaxe agrícola. É unha disociación cognitiva notable, que merece unha explicación. Non pode sorprender que, circunstancia que causou certo debate no seu momento, o algoritmo represente á muller galega estereotípica como unha vella rural e non como unha rapaza moderna, como era o caso do modo en que representaba ás mulleres doutras comunidades. Na era da intelixencia artificial somos o que nos imaxinamos ser.

Sobre este blog

Este blog es el espacio de opinión y reflexión de elDiario.es en Galicia.

Etiquetas
stats