La portada de mañana
Acceder
16 grandes ciudades no están en el sistema VioGén
El Gobierno estudia excluir a los ultraderechistas de la acusación popular
OPINIÓN | 'Este año tampoco', por Antón Losada
21 de marzo de 2021 06:00 h

0

Cando eu era neno, o verán era coller o coche para ir á praia os domingos a Covas, en Viveiro. No catro latas -daquela a xente do común gastaba sempre unha retórica antipretenciosa- traspasabamos o alto da Gañidoira para achegarnos á costa. Ás veces parabamos nalgún recanto no borde da ría, mirando o mar, ese infinito. E aínda que os humanos conservamos apenas nada do olfacto que hai unhas ducias de miles de anos tivemos, o recendo mentolado do eucalipto impoñíase coma unha nube agradable, leve e suave. Si, coma tanta xente da Galicia interior, eu cría que o eucalipto era unha árbore costeira, case sureña e afrodisíaca.

Ubicuidade do eucalipto

Iso era, naturalmente, antes. Antes de que o eucalipto alcanzase en Galicia o don da ubicuidade, e colonizase, insidioso, ata as elevadas cotas da Terra Chá, altiplanicie que, polas súas xeadas no inverno, era refractaria a esa especie. A variedade nitens saltou ese obstáculo.

A día de hoxe, hai máis eucaliptos en Galicia que en Australia. Dese continente, pensábase, trouxera as sementes Frei Martín Rosendo Salvado. Parece que o dato non é veraz, pero segue sendo certo que o Bieito de Tui foi un grande home que dedicou a súa vida a demostrar -había que demostralo!- que os aborixes eran tan humanos como os presos políticos irlandeses ou os presos comúns británicos que Gran Bretaña usou para fundar Australia. Albino Prada, tudense voluntario, dedicoulle unha breve biografía ao frade.

Máis eucaliptos que en Australia? Polo menos iso estimaba o Sindicato Labrego Galego nunha palestra sobre incendios hai catro anos. En todo caso, o eucalipto exténdese, imparable, como unha mancha de aceite sobre unha superficie lisa. Esta frondosa ocupa xa 400.000 hectáreas de bosque en Galicia, o dobre do que prevía a Consellería do Medio Rural para 2032. O 25% da área arborada do monte de Galicia é de eucalipto e a porcentaxe segue medrando, á sombra da demanda de Ence que é o principal comprador.

Monocultivo inflamable. Factor 30-30-30

O eucalipto, monocultivo de medre rápido e rotación curta, consume a auga dispoñible, acidifica o chan e faino enormemente inflamable. En determinadas condicións, con 30 de temperatura, 30 de humidade, 30 de vento, o monte pode conveterse nunha trampa mortal. Foi o que pasou no incendio de xuño de 2017 en Portugal no que 63 persoas se viron atrapadas e perderon a vida. Aquí nunca sucedeu unha desgraza desa magnitude, pero si que se perderon vidas en circunstancias similares. E pode volver suceder.

Os eucaliptos arden máis, e ademais prexudican a biodiversidade. Os bosques de carballo, castiñeiro e piñeiro son máis amables cos seus veciños, pero o eucalipto é máis reacio a compartir o seu espazo con outras especies. O seu aroma embriagador pode enganar os sentidos. Ante o eucalipto un pode sacar o sombreiro e aprezar as súas marabillas e ata sentir a tentación de aganduchar polas súas pólas coma un koala, pero sería unha auténtica desgraza que a paisaxe galega só consistise nunha monótona sucesión de eucaliptais.

Pero, que hai da súa rendibilidade? Galicia, cada vez máis, é unha enorme finca en mans de Ence, a fábrica de celulosa de Pontevedra. O eucalipto parece unha forma fácil e cómoda de gañar diñeiro nun país que, nas últimas décadas, deulle o adeus aos ríos, aos montes, aos regatos pequenos e ás figueiriñas que prantou. O 33,3% do chan dedícase a cultivo agrario en España; en Galicia, o 12,8%.

Pero, é realmente rendible? Os euros que se obteñen co eucalipto son tal vez un animal mitolóxico, ou unha variedade do modo en que o Duque de Chesterfield describía o acto sexual: “O pracer, momentáneo; a posición, ridícula; o gasto, excesivo”. Tal vez hai máis prestixio do fenómeno que trigo na hucha. No mellor dos casos, un propietario pode obter 600 euros por ano por cada hectárea de monte dedicada ao eucalipto, sempre e cando, claro, esas hectáreas non estean dispersas, nin en lugares de difícil acceso. Os expertos cren que o seu prezo vai a decrecer porque hai outras alternativas de abastecemento da industria pasteira en Brasil, Chile ou Indonesia.

Paga a pena o eucalipto non só para os propietarios senón para toda a sociedade galega? Parece difícil pensalo, cando os beneficios son fundamentalmente para Ence pero os custes medioambientais pagámolos todos, entre outras formas a través do enorme dispositivo anti-incendios que hai que soster. Non conviría explorar outros usos do monte, outros cultivos? Das facultades de bioloxía e de enxeñeiros forestais saen todos os anos fornadas de xente formada: non poderían conformar unha nova clase agrícola, cultivando oliveiras, cerdeiras, maceiras, ameixeiras, viñas ou unha infinidade de cultivos de horta, de tomates e fabas, fresas, flores, té ou que sei eu?

Por non dicir que é obrigado favorecer os cultivos de proximidade. O coronavirus mostrou evidentes debilidades da cadea de abastecemento das que Europa tomou nota. De feito, un aspecto esencial do Pacto Verde Europeo é o informe Farmers of the Future, encadrado na estratexia da UE Farm to Fork (Da Granxa á Mesa).

O rendemento económico e, por suposto, o social, desas opcións de cultivo multiplica en moito o do eucalipto. Pero en Galicia aínda pesa moito unha mentalidade que só concibe a vida rural dende a óptica da pobreza e esta é unha lousa no cerebro difícil de apartar. O eucalipto, que non dá moitos euros, non dá tampouco moito traballo, o que é a clave para moitos pequenos propietarios que herdaron esas terras pero non viven no campo. Levar unha explotación agrícola moderna implica dedicarlle tempo e esforzo, aprender moito e ser avispado. Hai que querer.

Pero claro que hai outras alternativas máis lucrativas. Farían ben tanto a administración como os particulares en darlle á cabeza para inzar o campo de novas granxas e hortas. Ademais, agora para gozar das amenidades da vida urbana non hai que vivir na cidade. Os transportes e Internet transformaron o significado do ocio.

O eucalipto xa non é unha opción

Por outra banda, se o economista Marcelino Fernández Mallo ten razón, “o eucalipto xa non é unha opción”. Os criterios estratéxicos da UE, que insisten na necesidade de fomentar a biodiversidade no medio natural, a necesidad de apoiar a economía de proximidade e a precaria situación do rural galego obrigan a substituír as plantacións de eucaliptos por cultivos agrarios e árbores autóctonas. Mallo escribe: “Poderá Feijóo seguir ignorando a realidade, poderá continuar confundindo e enganando, poderá reincidir na súa presión aos medios, poderá negar a evidencia durante un tempo, pero chegará o momento de asumir a razón e a lóxica: o eucalipto foi un desastre para o rural galego”.

Nunha célebre viñeta Jaume Perich parodiaba un anuncio do Icona –Instituto para a Conservación de la Naturaleza- moi popular nos últimos anos do franquismo que rezaba “si un monte se quema, algo suyo se quema” cun irónico “Algo suyo se quema... señor conde”. Conde de Polentinos é o señor conselleiro delegado de Ence. Pero non crea o amable lector que os aristócratas de hoxe renegan, como facía un dos asistentes á tertulia de Baroja, o señor de Olmos Albos, de ser “uno de esos miserables que se lo deben todo a su propio esfuerzo”. A iso só aspiramos hoxe, con pouco éxito, dous ou tres románticos que bendecimos a preguiza -loubado sexa Paul Lafargue- afundidos, para o noso desespero, nun océano de autómatas hiperproductivos, ou que din que o son, porque ao mellor é todo bóla e vanitas vanitatis...

O señor conde de Polentinos foi noticia porque, afanoso do seu traballo, emulando ao Rubius en You Tube, non tivo outra ocorrencia que afirmar que Pontevedra podería levar un susto fenomenal se non se lle conserva a moratoria, presuntamente ilegal, que Mariano Rajoy lle concedeu á fábrica de celulosa ata 2073. A Fiscalía está investigando o asunto, pero non é probable que por esa beira o señor conde se leve el mesmo un susto.

Poucos días despois uns traballadores acosaban ao alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Lores. Noutras ocasións foron ameazados e sinalados como diana membros do seu equipo de goberno. Son violencias e ameazas -Enceborroka chámanlle algúns- que a prensa tende a ocultar. A vara de medir a violencia, máis que seguir o sistema métrico decimal, aumenta ou diminúe dependendo con quen se use.

Temor de Ence

O factor que explica ambos acontecementos é o temor, parece que fundado, de Ence ter que pechar. Non só a que unhas palabras da Lei de Cambio Climático permitan anular o aumento ata 2073 do prazo da concesión obrigando á reversión da marisma de dominio público no que está instalada. Tamén existe o perigo, para a pasteira, de que os tribunais declaren ilegal a prórroga que, in extremis, os últimos días do seu goberno, xa en funcións -unha práctica filibusteira-, lle concedeu graciosamente Mariano Rajoy á empresa ampliando o prazo de permanencia no dominio público marítimo de Lourizán ata o ano 2073.

Pero a lei afirmaba que a suma das concesións e prórrogas -iso é o que se dirime- non poderían exceder de 75 anos, co que Ence tería que pechar en 2033. Foi esa norma a que o goberno de Mariano Rajoy, coas consabidas trampulladas legais, pasou polo forro. Xa se ve que alguns gobernos cando teñen que aumentar prazos son xenerosísimos. Milagres do capitalismo concesional.

“Vai en serio”

Veremos o que pasa, pero todo indica que, como avisa Feijóo, “desta vez vai en serio” -a saída de pasteira da ría- o que o anima a defender a Ence e ao eucalipto con uñas e dentes. A súa pretendida moratoria do cultivo de eucaliptos ten toda a pinta de ser pouco máis que fume, cerimonia da confusión e, en definitiva, un acto de propaganda e desinformación pensado para despistar e para dar a entender que vai facer o que non ten a menor intención de facer. Cando pase o tempo, xa ofrecerá un argumento ad hoc para xustificar as novas superficies forestais gañadas para o eucalipto. É un presidente no que, témome, como a leña verde, todo é fume.