O aumento dos problemas de saúde mental, en concreto da depresión e da ansiedade, é un dos devires das sociedades neoliberais, agravado pola falta de investimento social ante o incremento das desigualdades. En apenas tres anos, no período 2011-2014, a incidencia da enfermidade mental en Galicia medrou case un 11%. Hoxe é a primeira comunidade en consumo de ansiolíticos e a segunda, despois de Asturias, en consumo de antidepresivos (Enquisa Nacional de Saúde do Ministerio de Sanidade). Galicia e Asturias sofren tamén o maior número de suicidios, sempre superiores aos trescentos cada ano, desde o inicio da crise económica.
Un de cada cinco galegos e galegas experimentará algún problema de saúde mental ao longo da súa vida, mais só un de cada tres recibirá atención médica. O 43,6 % das personas cun trastorno mental de intensidade grave ou moderado non acode a ningún servicio sanitario.
O Movemento Galego de Saúde Mental, integrado por máis de vinte colectivos sociais, colexios profesionais, sindicatos, e organizacións científicas e apoiado por catrocentos profesionais, denuncia “a situación alarmante” na que se atopa a atención á saúde mental. Rosa Cerqueiro é psicóloga clínica no Servizo de Psiquiatría da área sanitaria de Pontevedra e voceira do movemento. Reclama un novo enfoque baseado na prevención e nos dereitos e sinala o actual goberno da Xunta como responsábel dunha “desplanificación”. “Temos a metade dos recursos recomendados hai vinte anos”, sostén, “mentres se produce un incremento excepcional do consumo de psicofármacos, falta orzamento e persoal e vulnéranse os dereitos das persoas ingresadas”.
Os datos indican que os problemas de saúde mental en Galicia son máis complexos e apremantes que no resto do Estado, pola magnitude da prevalencia e a saturación ou inaccesibilidade nos servizos de atención. Os galegos e as galegas están á cabeza en consumo de ansiolíticos e antidepresivos e en mortes por suicidio.
O consumo de ansiolíticos aumentou entre os anos 2000 e 2012-2013 un 57% e o de antidepresivos un 200%, segundo datos da Axencia Española do Medicamento. Séguese un modelo bioloxicista, baseado na medicalización. Houbo unha escandalosa negación do número de suicidios en Galicia por parte da Consellería de Sanidade e o Plan de prevención quedou no mero papel.
No 2009, ao chegar á Xunta, o Partido Popular eliminou o Plan estratéxico en saúde mental 2006-2011 sen achegar un outro alternativo ao longo destes dez anos. Tivo consecuencias na atención?
Produciuse unha auténtica desplanificación da atención. Temos a metade dos recursos recomendados hai vinte anos. O Plan estratéxico 2006-2011 era importante porque facía análise de necesidades e asignaba recursos. Desmantelouse o sistema de atención e incluso negaron durante anos a necesidade dun plan, até que anunciaron que sairía no 2017, logo no 2018, no 2019, e aínda estamos a agardalo. En 2009 elimínase tamén parte da estrutura organizativa do Sergas, elimínase a Dirección Xeral e pásase a xefatura de servizo, todo enfocado a paralizar a acción. Por exemplo, despois de máis de seis anos de preitos, Víctor Pedreira puido recuperar no 2019 a xefatura de psiquiatría do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra (Chop) porque a xustiza determinou que houbo parcialidade e desvío de poder na designación do seu substituto.
A saúde mental empeorou en Galicia na última década?
Si, a evidencia é que aumenta o problema. Galicia xa ía despacio na aplicación da Reforma psiquiátrica da Lei Xeral de Sanidade do 1986 e déronse pasos atrás.
Dos máis de 1.500 profesionais que se recomendaban hai vinte e tres anos no informe Propostas de desenvolvemento da atención á saúde mental en Galicia hoxe cóntanse só algo máis de 950. Propostas de desenvolvemento da atención á saúde mental en Galicia
É peor, porque aqueles do 1997 son datos conservadores tendo en conta que a prevalencia de trastornos mentais era entón menor. Seguindo aqueles datos, hoxe faría falla aumentar un terzo o cadro de persoal de psiquiatras e un 50% a dotación de psicoloxía clínica e enfermería. E a dotación en terapia ocupacional e traballo social abrangue apenas un 33% e un 27% do recomendado hai vinte anos.
O persoal está colapsado. Hai máis de 8.000 pacientes en lista de espera de psiquiatría, unha das especialidades con maior lista de espera. No 2014 tentaron pechar unha unidade de hospitalización psiquiátrica. No 2015 tentaron pechar quince camas, falseando datos de ocupación. Freouse grazas á oposición de usuarios e persoal.
Investir en saúde mental só da beneficios. Desde o punto de vista estrictamente económico, calcúlase que xera un retorno de tres veces o custo do tratamento.
Hai una relación causa efecto entre a situación de exclusión social e os problemas de saúde mental cando non se lle dá solución política á desigualdade e o segundo asúmese como unha cuestión estrictamente médica?
A OMS advirtíu de que os países cun sistema de protección social sólido poderían mitigar moito mellor o impacto da crise económica na saúde mental. A política de austeridade da Xunta e a mercantilización da sanidade derivaron nunha involución das políticas sanitarias, nunha peor atención dos pacientes, lonxe dos estándares recomendados, e das condicións laborais dos profesionais
Isto vese moito nos trastornos infantís e xuvenís. As unidades de consultas externas están saturadas, hai unha soa unidade de hospitalización psiquiátrica con sete camas. A Lei de enxuizamento civil di que os menores teñen que ingresar en unidades específicas e hai menores ingresados en adultos, o cal é moi grave.
Tampouco se toman medidas preventivas. Hai doenzas que debutan na adolescencia e que cómpre atender precozmente e máis aló do farmacolóxico para que non se cronifiquen. Mais consultas externas de infantil ten unha longa lista de espera, a consulta pode durar un máximo de media hora e o tempo entre una consulta e outra son meses.
Favorécese a privatización da atención á saúde mental?
Privatízase mediante convenios. Están a externalizarse cuestións de peso a través de fundacións e asociación, moitas das cales poden ter proxectos interesantes, pero exercen funcións que lle corresponden ao Sergas.
Por outra banda, acudir á sanidade privada é un dereito de libre elección, mais ao privar a moitos adultos e a moitos nenos e mozos da atención necesaria, do que debería ser una consulta cada semana ou cada quince días, ou o que requira o caso, déixase o dereito de recibir unha atención axeitada só a quen ten recursos económicos.
O enfoque en cuestións de saúde mental debería estar aliñado coa Convención de Nacións Unidas sobre os dereitos das persoas con diversidade funcional/discapacidade, que o Estado español ratificou no 2007?
Si, e hai una falla total de liderado para adaptar a planificación ás esixencias da OMS, da ONU e do Consello Europeo. Os organismos internacionais esixen que se adopte un enfoque baseado en dereitos e non se está a facer.
Un dos casos máis extremos é o Hospital Psiquiátrico de Conxo, que nunca levou de todo a cabo a reforma psiquiátrica. Hai sobre a mesa un informe demoledor dos técnicos do Mecanismo Nacional de Prevención da Tortura (que no Estado español recae no Defensor del pueblo, no marco da Convención das Nacións Unidas contra a tortura do ano 1984) despois dunha visita sen previo aviso en 2017. Falan de instalacións obsoletas, excesos nos tratamentos, infradotación de persoal ou uso abusivo e sen rexistros da contención mecánica para inmovilizar pacientes, a quen non se informa dos seus dereitos. Defensor del pueblo
O Mecanismo Nacional de Prevención de la Tortura fala nese informe dunha clara vulneración de dereitos e alerta da gravidade do estado da contención mecánica nese centro. En setembro do 2009 dálle un mes á Administración Autonómica para que responda e lembra as competencias que lle outorga a lexislación. A Xunta aínda non deu ningunha resposta. Nun primeiro momento incluso negaron a veracidade do informe no Pleno do Parlamento de Galicia.
En Galicia, en saúde mental, están a darse prácticas coercitivas que vulneran os dereitos humanos. Non hai rexistros do número de contencións, de por que sucederon, nin un plan de eliminación paulatina da contención, como se fixo noutros países. A situación é alarmante.
Ese uso alarmante da contención mecánica ten que ver tamén con cadros de persoal sanitario insuficientes?
Ten que ver con carencias de recursos asistenciais, de persoal, materiais, espaciais ou de actividades terapéuticas e ocupacionais. Hai unha orientación incorrecta da actividade asistencial, de garda e contención máis que de potenciar as accións psicoterapéuticas que logo teñan continuidade cando o paciente é dado de alta, e carencias de formación específica sobre procedementos non coertitivos.
Como se coida o libre exercicio de determinados dereitos, como o recén restituido dereito ao voto das persoas incapacitadas xudicialmente, cando se atopan en internamentos de longa duración?
Ás persoas ingresadas que manifestan a súa vontade de exercer o dereito ao voto se lles facilita. É necesario ser máis proactivos na transmisión dos dereitos, xa que ademáis de ser unha obriga, son medidas efectivas para a recuperación. Participar plenamente na sociedade é a verdadeira inclusión social.
Un dos mandatos dos organismos internacionais citados é traballar pola desestigmatización. Estase a facer?
Sobre desestigmaticación a Xunta non fixo gran cousa, fixeron máis o Colexio de Xornalistas e o Colexio de Piscoloxía. Como primeiro paso, non hai nada máis desestigmatizador que aplicar a política de contención cero, que rache con aquilo de que hai que atalos porque son violentos.
O sufrimento psíquico afecta máis ás mulleres. Experimentan un maior estigma e barreiras. Calcúlase, ademais, que un 80% de quen padecen unha enfermidade mental grave e teñen parella sufriron algún tipo de violencia. E viceversa, sufrir violencia conleva un deterioramento da saúde mental. As autoridades sanitarias teñen en conta esta cuestión á hora de planificar?
Non. De feito, desde o Movemento Galego da Saúde Mental insistimos na necesidade da incorporación efectiva da perspectiva de xénero na atención á saúde mental, co obxectivo de reducir as desigualdades e a discriminación de xénero, que con frecuencia trae consigo a re-victimización da muller.
Case tres de cada dez galegos e galegas viven en concellos pequenos. Que acontece coa atención á saúde mental da poboación do rural galego?
A atención sanitaria está demasiado centralizada nos núcleos urbanos. Supón un atranco na accesibilidade real porque deben percorrer distancias moi elevadas para teren consultas ambulatorias de atención especializada. Asemade, non sempre contan cos medios de transporte ou económicos para faceren traxectos de até 50-60 kilómetros.
Esta dificultade convértese en imposibilidade se a persoa necesita tratamentos máis intensivos, como os dos hospitais de día psiquiátricos. Hai un por cada área sanitaria e ubicados nas cidades.
En canto aos equipos de continuidade de coidados que prestan atención domiciliaria, fundamentais para persoas que necesitan maior atención, están limitados xeograficamente pola insuficiencia de persoal, que ás veces taballa a tempo parcial. O resultado: quen mais atención necesita, menos ten, se vive en núcleos rurais.