Galicia Opinión y blogs

Sobre este blog

Ansiedade (Taylor’s Version)

0

Bo día, ansiedade. Normalmente esperto un pouco antes de que soe a alarma e pésame a boca do estómago. Se a cousa é grave dura varios días. Descubro que estou nervioso en situacións normais, diarias, nas que nada fóra parece ir mal. Cústame pensar. Cústame aínda máis escribir, cumprir prazos. E máis aínda saber de onde saíu todo isto. Compároo cun animal que aniña onde quere e cando quere. Ultimamente, é unha praga.

A prensa, o goberno, as institucións e os grupos de WhatsApp saben xa que estamos diante dunha segunda pandemia: a da ansiedade, a dos problemas de saúde mental. Os síntomas e a intensidade son variables. Por suposto, como acontece sempre, en realidade o problema xa estaba alí. As miñas amigas xa ían a psicólogas e psiquiatras antes do confinamento, xa falabamos de ansiolíticos e antidepresivos, xa sabiamos que a sanidade pública estaba desbordada e que a súa última preocupación era intentar descubrir por que necesitabamos que nos sedasen. Ao contrario, a facilidade coa que se consegue un blíster disto ou daquilo segue sendo sorprendente. Case nunca había un seguimento. Case sempre segue sen habelo. O problema saltou da conversa privada ao debate público, coma unha pulga. O barullo agora é maior e as solucións son as mesmas. Segue sen haber culpables.

Unha vez ao día, a miúdo máis, vexo ou leo como a xente emprega as redes sociais para visibilizar os seus problemas de ansiedade, celebrar os seus avances na terapia, compartir publicacións sobre síntomas ou intentar articular un discurso colectivo que non nos culpabilice por sentirnos así. Todos os relatos son sinceros, non teñen por que non selo. Todos son necesarios, ou cando menos todo o necesaria que é calquera publicación en redes. Pero o conxunto, a tendencia, fala de algo moito máis grave: a tristeza está a piques de converterse nun valor social, en capital cultural, se é que non o fixo xa.

Cada vez máis, teño a sensación de que a ansiedade é un negocio rendible. Coma todos os debates que pasan do íntimo ao público, da clandestinidade á luz do día, a saúde mental entrou no mainstream e no mercado. Pasou o mesmo antes co feminismo, coa loita lgbt. Pasa tamén cos canons de beleza física. As pulgas do sistema son imparables, diminutas.

“Tes 50 euros? Temos a solución”, miña irmá e máis eu rimos por teléfono mentres falamos sobre psicólogos e infinitas listaxes de espera. Ser pacientes, usuarios, dános dereito a facelo. Canto falta para que alguén se anuncie así? Hai pouco, abriron a carón da miña casa unha tenda de aceite de CBD. Parece unha perfumería, unha tenda de tés ou unha Apple Store escasa de orzamento. O local enteiro está consagrado a esas pinguiñas que farán que durmamos mellor, que esquezamos problemas, que xestionemos o estrés. É un lugar baleiro cheo de carteis, é a solución que o capital ofrece ao máis común malestar contemporáneo.

Para alén diso, por suposto, poucos falan da privatización da saúde mental, dos privilexios. E cando alguén o fai, dous días despois, esquecemos de novo que o problema é estrutural e emocionámonos ao ver que Bella Hadid subiu a Instagram unha galería de fotos onde aparece chorando. Precisamos máis referentes ou precisamos unha mobilización? Antes de contestar á pregunta, seguramente un amigo, na terraza dun bar, morto de frío e fumando a distancia diga: e por que non compras unhas máscaras hidratantes ou exfoliantes?

Existen agora dúas versións da ansiedade: a que está sendo fagocitada polas redes sociais, a que se traduce en memes, a que lexitima o discurso viral dalgún influencer durante un par de días; e a da medicación polas noites, a que nos impide saír da casa, a que nos marea, a que logra que o que antes era fácil agora pareza case imposible. As dúas son reais, as dúas son a mesma, pero con sutís diferenzas. Pasa coma cos discos de Taylor Swift. Os vellos, aqueles dos que Taylor xa non é dona, e os novos, os regrabados. A diferenza, din moitos, é que nos segundos a súa voz soa máis real cando canta. Trátase diso, de cantarlle á escuridade, polas mañás, na cama, antes de que soe a alarma. Dicirlle ao mundo que non nos imos deixar enganar.