Este blog es el espacio de opinión y reflexión de elDiario.es en Galicia.
Os 'fixers' do sistema educativo (unha modesta chamada á revolución)
Case un mes despois de que o anunciase o Diario Oficial do Presidente da Xunta na súa edición en papel (LVG, polas súas siglas), o Diario Oficial de Galicia recolleu os cambios que a consellería de educación introduciu por sorpresa no calendario escolar deste curso. Ditos cambios veñen a reverter os cambios que a consellería de educación introducira por sorpresa no calendario escolar o curso pasado, co cal volvemos ao statu quo ante LOMLOE, que dirán os historiadores do futuro.
Permítanme determe neste punto e facer un “en episodios anteriores” para o público lector que ten a fortuna de non ter que seguir ao detalle as evolucións do calendario escolar: en pleno curso 2021/2022, tras a aprobación da nova lei de educación, a nosa Consellería de Educación decidiu modificar o calendario escolar en curso para adiantar a convocatoria ordinaria de exames do ensino secundario a comezos do mes de xuño, e adiantar á súa vez a convocatoria extraordinaria (o que popularmente coñeciamos como “exames de setembro”) a finais do mes de xuño. No medio desas dúas datas, tres semanas de horario lectivo no que: a) o alumnado que xa aprobara todo na convocatoria ordinaria debía seguir asistindo a clase sen posibilidade de ampliar ou adiantar materia; b) o alumnado que non aprobara todo na convocatoria ordinaria debía asistir a clases de recuperación e c) o profesorado debía aplicarse nas técnicas mongois de canto difónico e impartir simultaneamente as clases de repaso para os aprobados e recuperación para os suspensos.
Como era de esperar, polo menos para calquera que non levase máis de trinta anos sen pisar un centro educativo, a medida foi un fracaso estrepitoso: o alumnado que xa aprobara non entendeu por que tiñan que seguir vindo a clase para non aprender nada novo, as profesoras non puidemos atender debidamente o alumnado que precisaba reforzo para as recuperacións, e estes estudantes desmotiváronse porque se vían sen tempo para preparar a convocatoria extraordinaria. Disparouse o absentismo entre o alumnado e o desánimo entre o profesorado, e o curso 2022/2023 comezou coa certeza de que esta situación se ía repetir chegado xuño.
Agora o conselleiro afirma que cambiou de novo o calendario atendendo a un “clamor popular”, o mesmo que non escoita cando docentes e familias demandamos baixada de ratios ou profesorado de reforzo. Na miña impopular opinión, Román Rodríguez deu o brazo a torcer demasiado cedo, se chega a manter o pulso un par de cursos máis, o profesorado acabaría tragando, como tragamos con todo.
Taparlle as vergoñas á Administración
Levo poucos anos no ensino e xa son testemuña dun depauperamento acelerado da calidade educativa: o retroceso de dereitos laborais coa desculpa da crise económica, a perda de espazos e recursos polas medidas anti-Covid que despois nunca se recuperaron, o descenso no número de docentes, orientadores e especialistas, a sobrecarga de burocracia ineficaz... Saltamos por todos os aros que a administración nos pon diante porque pensamos que negarnos a facelo poría en perigo o bo funcionamento dos centros e prexudicaría ao alumnado, pero é que os centros xa non funcionan ben e o alumnado leva anos sufrindo as consecuencias. Cando tentamos dar dúas clases simultáneas no mesmo grupo porque así o decidiu alguén nun despacho, cando adaptamos as programacións ás esixencias dun programa informático no canto de pedir que se adapte o programa a criterios pedagóxicos, cando deseñamos actividades que se poidan facer cunha clase de trinta estudantes no canto de pelexar por clases de vinte, cando arrastramos a gripe como podemos porque sabemos que a administración non cubre baixas de menos de quince días, non lle estamos a facer ningún favor ao alumnado. Resolver as eivas deste sistema educativo tan só coa nosa forza de vontade é como tentar deter un tsunami cunha cortina de ducha. O que estamos a facer en realidade é taparlle as vergoñas á Administración.
Somos os fixers do sistema educativo, contemos como podemos as consecuencias nefastas das decisións políticas o mesmo que Tom Hagen lles facía o traballo sucio aos Corleone, e iso convértenos en cooperadores necesarios da desfeita.
Non é doado deixar ese hábito, sobre todo cando pensamos que o facemos polo alumnado, pero o certo é que axudamos a consolidar un sistema cada vez menos preocupado polo pobo ao que di servir. Do que si se beneficiarían as familias é dun maior coñecemento das eivas dese sistema: do mesmo xeito que as informamos de como lles vai aos fillos na escola ou das actividades extraescolares que se van realizar, non nos debería dar vergoña telas ao día dos recortes, os cambios de humor da consellería e as voltas e reviravoltas que dan para deixar os seus fillos sen recursos, porque a cooperación de toda a comunidade educativa é fundamental para frear este desmantelamento consciente do ensino.
Malia estarmos moitas veces na primeira liña, cómpre lembrar que a batalla polo ensino público non é só nosa, é do pobo.