Has elegido la edición de . Verás las noticias de esta portada en el módulo de ediciones locales de la home de elDiario.es.
Sobre este blog

Este blog es el espacio de opinión y reflexión de elDiario.es en Galicia.

Por que hai que acabar coa Xunta de Galicia

El presidente de la Xunta, Alfonso Rueda, tras el Consello.

1

Acostumáronos á derrota. Ás veces sinto que o Parlamento galego se consolidou como unha sorte de sociedade estamental. Que non hai cambio posible. Que “Xunta de Galicia” e “Partido Popular” son a mesma cousa e que se Ana Pontón chega á presidencia, vaille ter que cambiar o nome. Disto estou convencido. Os catro anos do bipartito entre 2005 e 2009 parécenme pouco menos ca unha ficción, algo que non lembro vivir malia a ter quince anos cando rematou. Pero é así como nos ensinaron: a través de grandes derrotas (dende o reino de Galicia á AP-9) e envoltos nunha sensación narcótica de inmobilismo histórico. Convencidos de ser un pobo incapaz de conservar viva a memoria de movementos sociais como o do Prestige. Imaxinades como sería isto dos pellets se aquelas estruturas do asociacionismo de base seguisen funcionando? Pero lamentarse só vale se busco a orixe do lamento. Do contrario, estaríame convertendo no estereotipo dun anuncio do Gadis, no publicista dos xogos de palabras que a Xunta debe ter xa en nómina (como dicía Patricia A. Janeiro no seu artigo da semana pasada). Sinto que é preciso falar da domesticación.

Ultimamente, está cobrando forza esta idea de que o galego non é un pobo reaccionario. Os medios de comunicación quérennos convencer con datos. Foino dicir Ana Pontón esta mesma semana a Madrid ao programa Carne Cruda, explicarlle á esquerda española que non somos nin parvos nin tan malos, que é outra cousa. E neste mesmo diario téñenlle dedicado máis dunha nova ao tema: nas municipais gaña a esquerda, nas estatais gaña a esquerda e nas autonómicas… Nas autonómicas sinto ás veces que non gaña ninguén. Que é case coma non telas. Pero existen, están aí. De feito están a caer.

Sábeo ben Alfonso Rueda, que nun mes sacou o carné de autobús, parcheou as rodas da bicicleta, mobilizou á familia, ao publicista, a Paula Prado e a Pili Pampín. Hai ano e medio uns aínda lle chamaba Feijóo e outros pixelábanlle a cara sen querer. E aí segue o pobre, mirándose ao espello no camerino e sendo incapaz de resultar convincente mentres repite o mantra do seu predecesor: “Galicia, Galicia, Galicia”, que era o mesmo que dicir “Feijóo, Feijóo, Feijóo” ou iso nos quixeron contar.

“Galicia funciona”, di Rueda no seu slogan electoral. E parece inseguro, pero mentres o di, a fórmula é a seguinte: Partido Popular = Xunta de Galicia = Galicia. E funciona, non vai funcionar! Ou como diría o outro: “E comprouno! Que traballo lle ía dar?”. Porque o problema non somos nós, senón esa idea tan manida de que as persoas pasan e as institucións permanecen. E o problema das institucións galegas é que existen nun estado ás veces deplorable: contra a vontade dos seus traballadores e a do sentido común.

Di o CIS que desta vez hai posibilidades, pero tamén que hai case un terzo do electorado que decidirá o seu voto na última semana da campaña. “O PP gaña porque a xente vota”, escoito dicir a miúdo. E entón vénme á cabeza o público do Land Rober e penso que aí está a clave, en toda esa chavalada camiño dos corenta que nalgún momento foi parte da xeración Xabarín. Asumir que votan ao PP porque si é demasiado simplista, laiarse polo gusto de laiarse. Habería en cambio que asumir que cando un ve a TVG hai un pouco de humor na súa axenda ideolóxica, un pouquiño de telexornal no seu panfleto, un algo de obxectividade na súa escaseza de rigor información e un case nada de servizo público na súa tiranía. E quen di a TVG, di case calquera outra cousa que funcione neste país con fondo públicos manexados pola Xunta.

Todo isto, para concluír que o 18 de febreiro, con sorte, acabarase non só esta falsa sensación de distopía que habitamos co Partido Popular, senón tamén coa súa Xunta de Galicia, con esta cousa moralmente corrupta, chea de listaxes negras, desinformación e falta de escrúpulos. E non falo de espertar de ningún sono, que de momento o nacionalismo romántico segue sen ser a seita á que me uniría. Falo de poñer guantes e ir fregar. De baleirar baldes e baldes de significado ata que sexa por fin outra cousa. Algo novo. Por fin, o que todxs queiramos que sexa.

Sobre este blog

Este blog es el espacio de opinión y reflexión de elDiario.es en Galicia.

Etiquetas
stats