Has elegido la edición de . Verás las noticias de esta portada en el módulo de ediciones locales de la home de elDiario.es.
Sobre este blog

Este blog es el espacio de opinión y reflexión de elDiario.es en Galicia.

Hostalería en Galicia: a indemnización como un dereito

En la imagen, una terraza de un bar vacía.
20 de febrero de 2021 10:58 h

0

Imaxine que no peor dos seus soños vostede é propietario dunha finca de cuxa produción mensual depende o sustento da súa familia. Nese terrible soño, vostede atopa a súa finca arrasada por máquinas escavadoras que, para construír unha estrada, destrúen o seu sustento sen previo aviso. Entre suores na almofada, vostede diríxese ás autoridades para reclamar por ese atropelo. Aínda non conseguiu espertar e pode ver como lle explican que a estrada faise por interese xeral, que resulta urxente comunicar os pobos entre si e que a elección do lugar para facer a estrada é unha decisión dos técnicos e non dos políticos.

Vostede, que incluso soñando é un bo cidadán, recoñece a necesidade de resolver os problemas de comunicación e non dubida da calidade e certeza das decisións técnicas. Educadamente parabeniza á Administración polo seu desvelo polo ben común e, timidamente, pregunta se, ademais desa loable decisión, a administración vai resolver tamén as súas necesidades de traballo e sustento.

É entón cando o seu mal soño se converte en pesadelo. Porque toda a determinación técnica e legal que a Administración utiliza para facer estradas con decisión e firmeza convértese en cantos de serea, recomendacións paternalistas e nulos feitos para non atender o seu problema. O máximo que consegue son palmadiñas de apoio e o compromiso de “estudar a posibilidade de concederlle algunha AXUDA”. A esas alturas vostede xa espertou sobresaltado, temendo que os soños poidan converterse en realidade.

Cambie vostede finca por bar, incomunicación por COVID-19 e máquinas escavadoras por restricións e peche obrigado de locais, e terá unha idea aproximada do estupor no que vive a hostalería de Galicia hoxe.

Non son partidario de discutir as decisións técnicas que os gobernos tomen no medio dunha situación excepcional de pandemia e morte. Prefiro morder a lingua para non explicitar a miña opinión sobre a calidade política dos que forman os nosos gobernos porque en tempos de guerra creo mais importante a unidade ca discrepancia. Estou disposto a acatar o peche forzado dos meus negocios porque aínda me sobrecolle máis a morte de veciños e amigos do que os números vermellos das miñas contas bancarias. Pero o que non estou disposto a soportar é que me tomen por parvo e me traten como un súbdito de segunda, en vez de coma cidadán con dereitos.

Que ninguén esqueza que a hostalería non vive das axudas da Administración senón do seu traballo e esforzo. E, dada a experiencia recente, o que máis ansiamos é que a Administración fique o mais lonxe posible de nós.

A Administración non é a nosa nai e nós non somos menores de idade á espera de axudas graciables e apoios paternalistas por portarnos ben. O que reclamamos son dereitos que nos corresponden como cidadáns. Cidadáns aos que se ten privado, por unha causa xusta e en aras do ben común, do seu traballo e do sustento das súas familias. Non é unha cuestión de apoio e solidariedade, é unha cuestión de recoñecemento de dereitos e indemnización por cese forzoso de actividade. Non é o mesmo. Nin cuantitativa nin cualitativamente.

Os que falan de axudas e apoios, saben a canto ascende o gasto corrente mensual dun restaurante de 60 prazas? Saben canto supoñen, por termo medio, os gastos mensuais de arriado e electricidade dunha cafetaría de barrio? Por favor, non insulten a nosa intelixencia. A subvención adoita ser o recurso doado dun goberno que quere eludir as súas responsabilidades. Xa. Xa sabemos que somos moitos a reclamar e que os recursos son limitados. Como sempre. Pero para iso están o dialogo e a negociación. Negociación, non monólogo do goberno cuns alcumados “representantes do sector” con máis espírito de pedir esmola que de reclamar dereitos, e dispostos a exercer de palmeiros de canta ocorrencia gobernamental se poña sobre a mesa.

Porque unha negociación seria cun goberno como o galego, famélico de financiación pero con amplas responsabilidades competenciais e políticas, non pode quedar só na determinación dos cartos que se destinarán a hostalería. Hai mais ámbitos para a busca de solucións.

A que espera o Goberno galego para, en solitario ou coa colaboración do Goberno central, sentar os responsables das corporacións bancarias e esixir un ano de carencia na amortización dos empréstitos bancarios asumidos pola hostalería? Ou é que a banca se vai ir “de rositas” en todo este tinglado?

A que esperan os moradores de San Caetano para convocar aos alugadores de locais de hostaleira e propoñer a Xunta como avalista de pago de arrendos a cambio de quitas nos alugueiros? Por que non se utiliza o IGAPE como ente financeiro galego para establecer plans de pagos da hostaleira aos seus provedores, sufridores en silencio de toda esta catástrofe?

En vez de ir á Moncloa a falar de chorradas como o adianto do toque de queda, por que non se lle presenta a Madrid un plan de xubilacións anticipadas para a hostalería? É un sector no que traballadores e empresarios entrados xa nos 60 teñen que vivir co desacougo de non saber como van a completar a súa cotización para o merecido retiro.

A política é o nobre arte de servir ao pobo. Cada un dende as súas ideas e crenzas. Unhas veces acertase e outras non. O único imperdoable é refuxiarse no marketing e na impunidade mediática para xogar coa angustia da xente. Só dende o exercicio do cinismo se pode falar de “segundo plan de rescate para a hostalería galega” cando nin sequera se fixo o primeiro. 

Sobre este blog

Este blog es el espacio de opinión y reflexión de elDiario.es en Galicia.

Etiquetas
stats