Has elegido la edición de . Verás las noticias de esta portada en el módulo de ediciones locales de la home de elDiario.es.
Sobre este blog

Este blog es el espacio de opinión y reflexión de elDiario.es en Galicia.

A mesa do chiste

A representatividade non comporta necesariamente igualdade.

1

Un galego, un catalán, un vasco e un asturiano sentan a unha mesa e falan de literatura. Un galego, un catalán, un vasco e un asturiano sentan a unha mesa e falan de gastronomía. De mobilidade. De música tradicional. De música electrónica. De física cuántica. De ornitoloxía. De enerxías renovables. De fútbol. Do tempo. A mesa do chiste ou o chiste da mesa —tanto ten— hai xa moito que deixou de ter graza, pero segue operando no modo en que tradicionalmente España dialogou coas súas colonias internas, cos nacionalismos históricos, co independentismo, co bilingüismo. Con calquera cousa que non fosen eles mesmos, con esa identidade que uns se esforzan á fin en ensanchar e outros adelgazan ata o extremo: tres franxas de cor nunha pulseira.

Vou falar daquilo sobre o que sei algo, desa cousa detestable que adoita ser a vida literaria dentro dos circuítos mediáticos e comerciais. Estes días celébrase en Madrid a décimo quinta edición do Festival Eñe, organizado por entidades privadas de renome —La Fábrica e o capitolino Círculo de Bellas Artes— e apoiado por numerosas institucións públicas. Dentro da súa programación estaba presente, por suposto, a tan en voga diversidade lingüística: dous coloquios con autorxs en catalán e un con autorxs en éuscaro. Quedan fóra o galego e o asturiano, seguramente por motivos de clase, pola nula proxección internacional das súas administracións autonómicas, quen sabe. Agora iso non importa. Interésame do asunto esa maneira castiza de centro-esquerda (e mesmo de esquerdas) de entender a diversidade coma nichos nun camposanto. Autores cataláns dialogan con outros cataláns. Autores en éuscaro tenden pontes con outros escritores en éuscaro. Se escribe vostede nunha lingua distinta do español, se a súa experiencia é outra, diríxase a aquel mostrador da esquina. Outro chiste malo, cruel, rancio: “eu non son racista, son ordenado”.

A representatividade non comporta necesariamente igualdade. Por suposto, haberá quen, querendo escapar ás lóxicas do poder, diga que non precisa destas mesturas, da equiparación. Por seguir coa literatura, por exemplo, é obvio que a literatura en galego non é literatura española, se ben o sistema literario galego (autorxs, distribuidoras, editoriais, librarías...) depende económica e, polo tanto, simbolicamente —se saímos do anecdótico— de que exista esa equidade no trato estatal. O risco de asimilación, de ser absorbidos ou anulados polo peixe máis grande do acuario está sempre aí, pero tampouco resulta agradable permanecer demasiado tempo no nicho: atrofia case calquera oportunidade de medrar que non sexa azarosa.

Afortunadamente, algo de todo isto podería estar cambiando precisamente agora. Faino na cultura —penso en iniciativas como as Afinidades Electivas levadas a cabo pola Dirección Xeral do Libro e da Lectura en librarías de todo o estado— e transfórmase tamén no goberno central. Case por primeira vez, a sensación de todos os que ata o de agora eramos relevados aos espazos claustrofóbicos das nosas reclamacións —que fan e fixeron parecer sempre falsamente egoístas—, sentimos que somos escoitados, que a nosa voz dialoga cos outros. A pluralidade parece, estalido a estalido, cada vez máis real. Como se agora si, por fin, na mesa do chiste se negociase e non rise ninguén.

Sobre este blog

Este blog es el espacio de opinión y reflexión de elDiario.es en Galicia.

Etiquetas
stats