Has elegido la edición de . Verás las noticias de esta portada en el módulo de ediciones locales de la home de elDiario.es.
Sobre este blog

Este blog es el espacio de opinión y reflexión de elDiario.es en Galicia.

Onda reaccionaria

Fotograma de la película 'Civil War', de Alex Garland (2024).

1

Debemos entender que as culturas políticas que protagonizaron a posguerra mundial quedaron moi atrás. Democracia cristiá, socialismo democrático, etcétera: todo iso non son máis que esqueletes desguazados, zombies sen calidades, fantasmas crepusculares. O mesmo vale para o comunismo. Meras sombras. Estamos nun cambio de rasante e canto antes abandonemos a mirada retrospectiva para mirar adiante, mellor.

Os rojipardos, igual que o trumpismo e a alt-right de todo o mundo, se burlan dun espantallo que chaman cultura woke. Pero ningún deses rojipardos pediría o carnet do Partido Comunista nin iría traballar a unha fábrica para impulsar o movemento obreiro coma os seus teóricos antepasados. Nese sentido, o rojipardismo é unha impostura: simplemente unha identidade autoproclamada. O que a alt-right busca, pola súa banda, é evidente: quebrar a xenerosidade, a conciencia política e a sensación de vivir nunha sociedade compartida. Woke, para eles, é o acrónimo de todo iso. Unha reviviscencia da nova esquerda dos anos sesenta que non están dispostos a tolerar no seu combate pola hexemonía.

Os items básicos da nova dereita estadounidense son os mesmos que os da extrema dereita de hai un século: restaurar a relixión, a familia e a nación como eixos dunha planificación ultraconservadora, xunto coa economía libertaria e a toma do Estado para impoñer a súa axenda. A guerra cultural versiona a Gramsci para gañar a hexemonía e desplazar á dereita o eixo das sociedades occidentais.

Está tendo éxito: o século XXI está vivindo unha onda reaccionaria global. Ese tsunami anuncia unha distopía ultradereitista. A percepción da distopía, tal e como se fai na cultura de masas, na que se identifica cun estado comunista totalitario, ao estilo do 1984 de Orwell, tal vez pasa por alto os escenarios apocalípticos realmente existentes que van aparecendo ante os nosos ollos. Non sabemos ata onde pode chegar esa onda regresiva. Pero o capitalismo, privado de límites e contrapesos, pode derivar na debacle do presente modelo social e no colapso das democracias. Representarse o peor para prever que suceda é un traballo vital da imaxinación política.

Agora mesmo está tendo lugar un xenocidio en Palestina. A guerra na Ucraína e a masacre de Gaza abren camiño á idea da posibilidade dunha guerra mundial. A crise climática provoca catástrofes mortais. A desigualdade aumenta creando novas fronteiras sociais. Xente que se cría dunha clase media asegurada constata con horror que era pura mentira. O espazo público urbano se privatiza: a lóxica do condominio -clases segregadas entre si- avanza facendo que España e Europa se latinoamericanicen.

Donald Trump no Madison Square Garden exime de comentario. Truco ou trato? Delirio ou parodia?. Pero, o que di, é só palabrería electoral? Burradas que nunca se traducirán en actos gubernativos do Estado máis poderoso da terra? Ese megalómano de chiste pode volver a ser o Presidente dos EEUU e a metade dos norteamericanos está con él. Á súa beira, os millonarios das plataformas, Peter Thiel e Elon Musk, líderes mesiánicos, heroes da tecnocracia tecnolóxica que nos vixía. Os dous, educados na Sudáfrica do apartheid, comparten a idea de que “democracia e liberdade son incompatibles”. Thiel, aínda máis que Musk é o candidato ao título de cabaleiro escuro.

Sobre este blog

Este blog es el espacio de opinión y reflexión de elDiario.es en Galicia.

Etiquetas
stats