Has elegido la edición de . Verás las noticias de esta portada en el módulo de ediciones locales de la home de elDiario.es.
La portada de mañana
Acceder
El Constitucional acusa al Supremo de sentenciar los ERE sin argumentos
Las denuncias por acoso dinamitan una investigación de la Universitat de Barcelona
Opinión - El porno es el nuevo demonio. Por Ana Requena
Sobre este blog

Este blog es el espacio de opinión y reflexión de elDiario.es en Galicia.

O problema da maioría: soportar a Ayuso sen votar por ela

Isabel Díaz Ayuso

0

Escribo isto un venres, horas antes de que Isabel Díaz Ayuso lle entregue a Javier Milei a Medalla Internacional de Madrid, un xesto que leva producidos xa dende o seu anuncio ducias de artigos en prensa, horas de comentarios feroces en faladoiros televisivos e radiofónicos e milleiros de chíos máis ou menos enxeñosos, molestos ou revanchistas en X. Durante o día e medio en que este artigo durma antes de ser publicado, sairán á luz outras tantas reaccións, esta vez acompañadas de imaxes. Ninguén falará doutra cousa. E todo isto, confésoo, satúrame.

Pola mañá, almorzo con Luis nunha cafetería do centro e escollo unha mesa a carón da fiestra que se abre á praza. “É hipnótico”, comenta el. E ten razón, é case imposible non prender na traxectoria dalgunha das persoas anónimas que van e veñen polas rúas de Compostela a esa hora. Son historias mínimas, duran apenas uns segundos, case non dá tempo nin para botar a voar a imaxinación. A cantos deles enganará Ayuso esta fin de semana? A algúns. Cantos saberán do seu arrogante xesto condecorando a Milei? A inmensa maioría. Cantos tiveron oportunidade de votar por ela nunhas eleccións? Ningún.

Cando chego a este punto de cansazo coa sucia guerra mediática entre a ultradereita e o socialismo epistolar de Sánchez ou os chíos arrogantes de Puente, pregúntome: quen é toda esta xente e por que teño que saber nada dela? Pásame especialmente con Ayuso e con todo o que ten que ver con Madrid. Como escritor en galego e persoa abertamente homosexual, a miúdo ocupo lugares en mesas e debates que teñen que ver coas marxes ou a periferia. Cando asisto a algunha desas mesas do chiste (“un galego, un vasco, un asturiano e un catalán sentan para falar de literatura”), pregúntome cada vez con maior intensidade por que vou ser eu parte das marxes ou a periferia dun centro que non sinto xa como propio e cuxa forza centrípeta depende duns intereses espurios que me son alleos e me anteceden no tempo.

Esta semana, o músico e activista Rodrigo Cuevas animaba a través dun vídeo nas súas redes sociais a facer caso omiso da visita de Milei e a fanfarria de Ayuso e a non caer na súa trampa sensacionalista, a non concederlles un lugar nas nosas conversas de sobremesa, minutos do noso tempo, parte da nosa paciencia. Eu, confésoo, estiven tentado a facer tal, a non escribir este artigo, a deixalo pasar. Pola contra, decidín aproveitar para repasar matemáticas e pensar nas dimensións da periferia que habito. Cunha sinxela regra de tres, cheguei á conclusión de que Ayuso é a presidenta electa dunha comunidade autónoma onde vive só o 7,5% da poboación española. Poboación moi rica e importante, si. Territorio cunha ampla e histórica concentración empresarial e institucional, tamén. Pero ésó o 7,5 fronte ao 92,5. Que pasa entón coa maioría?

Cando isto se publique, o rebumbio pola medalla xa terá amainado, ou non, non o sei. Seguramente Milei xa deixou arrombado o prendedor dourado con banda vermella nalgún lugar esquecido da súa maleta e estea a outra cousa, berrando carajo noutro país onde lle fagan algo menos de caso, quen sabe. Pero gustaríame que o que pasou esta semana fose unha oportunidade para pensarmos non só o lugar que lle dámos a extrema dereita nos medios, senón tamén que marxe de axencia lle outorgamos a algunhas figuras políticas que non gobernan sobre a maioría pero si reciben a maioría da atención. Porque a Isabel Díaz Ayuso pásalle coma a Feijoo, que non é presidenta do goberno porque non quere, porque os votos da xente son o de menos na ditadura que imaxinan.

Sobre este blog

Este blog es el espacio de opinión y reflexión de elDiario.es en Galicia.

Etiquetas
stats