Has elegido la edición de . Verás las noticias de esta portada en el módulo de ediciones locales de la home de elDiario.es.
Sobre este blog

Este blog es el espacio de opinión y reflexión de elDiario.es en Galicia.

A revolución de existir: sobre unha fotografía de Colita

Isabel Steve, Colita, en una imagen de archivo.

1

“Manifestación gay, Barcelona, 1977”. Baixo este título parco, descritivo, recóllese no catálogo do Museo Reina Sofía o retrato que Colita fixo da primeira manifestación LGTB+ no estado español. Na imaxe, en primeiro plano, aparecen os corpos, a disidencia feita carne: nos xestos e a indumentaria un aquel hippy dos setenta que me custa asociar á nosa historia, pero que aconteceu tamén aquí, neses anos grises da Transición. Detrás das mans en alto debuxando o símbolo da paz, unha pancarta: “Nosaltres no tenim por, nosaltres som!”. Un ano despois —cumpríronse 45 o pasado 26 de decembro—, aprobaríase por maioría no Congreso dos Deputados a reforma de varios puntos da Lei de Perigosidade Social, herdeira directa da temida Lei de Vagos e Maleantes, onde se recollía que “serán declarados en estado peligroso, y se les aplicarán las correspondientes medidas de seguridad y rehabilitación, los que realicen actos de homosexualidad”.

Porén, esta é só unha data, un relato breve, unha imaxe intensa, un estalido público entre tanto silencio imposto. Observando con detemento a fotografía, en cambio, un pode sentir que unha manifestación como a de Barcelona no 77 é caudal de moitas augas, río de moitos fíos, tecido: infinitas vidas obrigadas a sometérense ata 1978 a terapias de reconversión e ao internamento en centros psiquiátricos ou prisións, vítimas e testemuñas do medo e a violencia máis cruenta; mais tamén, estou seguro, habería nese berro coral pola liberdade historias luminosas de amor e amizade difíciles de rescatar hoxe, pasos adiante, sorrisos. Toda esa esperanza nunha única instantánea. Grazas, Colita.

Por suposto, non todo mudou de repente en 1978. A Lei de Perigosidade Social seguiría vixente ata 1995 e a de Escándalo Público serviríalle ás autoridades para perseguiren e castigaren ao colectivo ata a súa modificación en 1983 e a súa derogación en 1989. Con todo, impúñase a vida e en 1978 o xornal El Pueblo Gallego titulaba “Primera fiesta gay en Galicia”. Foi en Samil. En 1979, A Nosa Terra traía en portada: “Nen menos, nen máis, homosexuais”. E en 1981 tería lugar na Coruña o histórico simpa de trescentas persoas na cafetería Manhattan Plaza en protesta pola expulsión dunha parella homosexual. Lean A defunción dos sexos de Daniela Ferrández para saber máis e sentir orgullo.

Hoxe pasei o día con Álex. Chamoume guapo nada máis chegar á estación de tren e fíxome sorrir: “Non son eu, é o abrigo”. Tomamos vermú nunha cafetería do centro, comemos pasta fresca —“un plan de luxo en Nova York”, dixo— e contamos os días que faltan para que marche de novo. Na sobremesa, conteille que precisaba escribir sobre a fotografía de Colita e que ás veces sinto que todo isto carece de sentido: tanto artigo sobre a clase asalariada e os dereitos LGTB+, sobre a desmemoria e a mercantilización. Un tras doutro, semana tras semana. El, como bo fact checker, correu a apuntarme que en España os crimes de odio seguen aumentando ano a ano pese a que, como se destacaba fai uns meses dende este mesmo xornal, sigamos nun contexto de infradenuncia: estímase que só se coñecen o 20% dos ataques. Case sempre vemos as caras da moeda e rara vez o seu canto.

Agora, repaso aquí as miñas notas: toda esa lea de leis e reformas, os fitos da xente anónima, os esforzos por non ser borradxs. Case cinco décadas despois, sinto que o noso logro continúa a ser existir. Esa era a miña grande esperanza pasase o que pasase nas elección xerais de xullo: que xa non poderían negarnos, que ocupamos demasiado espazo e non estamos dispostxs a renunciar a tanta vida, a tanto aire novo conquistado con dor e valentía respiración tras respiración, corpo tras corpo. Pero eles seguen intentando que desaparezamos, vano intentar sempre e dende todas partes: Ayuso e os seus recortes terroríficos en materia de dereitos LGTB+ —incluída a memoria histórica—, o nomeamento de Isabel García como directora do Instituto das Mulleres —“las mujeres trans no existen”, “dictadura queer”—, ou os ademáns ridículos de Ortega Smith e o seu pánico antes os homes que choran e non se arredan. A reprobación está ben, pero é inútil.

Afortunadamente, témonos as unhas ás outras e podemos volver aínda sobre as imaxes de Colita. Paseo collido do brazo de Álex pola cidade mentres falamos de todo isto. Rimos, fixámonos nalgún mozo e fáisenos noite. Seguramente aparecésemos nós tamén na foto distraída dalgún turista. Agarrados, sosténdonos. Todo o que hoxe facemos aquí, existindo, podería ser importante para alguén algún día. Nun segundo plano, a carón dun monumento. “Nosaltres no tenim por, nosaltres som!”.

Sobre este blog

Este blog es el espacio de opinión y reflexión de elDiario.es en Galicia.

Etiquetas
stats