Este blog es el espacio de opinión y reflexión de elDiario.es en Galicia.
Os ricos tamén choran, pero non é o noso problema
Hai unhas semanas rematou Succession, a serie de moda que nos conta as aventuras, desventuras e puñaladas da moi millonaria familia Roy, magnates ficticios da televisión conservadora e facedores (e desfacedores) de presidentes.
Segundo os opinólogos da televisión, Succession xa ten un sitio no Olimpo da enésima idade dourada da pequena pantalla, por iso me chamou a atención descubrir que esta última tempada tivo menos da metade de seguidores que, por exemplo, Game of Thrones, outro xigante da HBO. Pola proliferación de artigos sisudos que analizan todos os aspectos da serie, cheguei a pensar que todo o mundo estaba a vela, todos deixándonos levar por esa sensación apremante e eses primeiros planos que recordan ao frenesí das series de hospitais, coma se todas as personaxes estivesen a tomar decisións de vida ou morte a cada momento.
Non me sorprende que a lexión de Twitter discuta con máis ou menos vehemencia cal de todos os herdeiros Roy é o seu vilán favorito. Hai unha sensación de liberación no feito de torcer polos malos, por iso comemos con patacas todos os anti-heroes que nos botan enriba as plataformas televisivas desde hai anos (non así as protagonistas femininas, ás que sempre lles esiximos un nivel de humanidade e decencia meirande, a risco de convertelas nas personaxes máis odiadas da televisión). Pero neste caso tamén hai un desexo patético de comprendelos. Escoitamos con devoción cando as personaxes falan de OPAs, adquisicións, poxas e paquetes de accións, coma se tivésemos idea do que están a falar. Despois de cada episodio opinamos sobre quen sería o fillo ou filla mellor preparado para levar os negocios familiares, sobre se é conveniente que a empresa absorba outras grandes cadeas de noticias ou é mellor que a familia conserve o control das accións. “Vedes? Somos iguais, entendemos os seus problemas.” Como xa pasara con outro éxito de público, a británica The Crown, a idea inicial da serie engancha porque pasa por ser unha ollada crítica sobre o mundo do poder e os cartos, pero esa ollada achega tanto a cámara ao plano emocional, que acaba virando nunha especie de Os ricos tamén choran. No fondo estamos a ler un Hola! con pátina intelectual, compadecéndonos dos problemas familiares dos propietarios desas luxosas mansións.
O problema é que, ao contrario que aquela telenovela mexicana e que as revistas do corazón, Succession está moi ben escrita. Está tan ben escrita que debuxa as personaxes sen xeneralizar, fai que nos sexa doado identificarnos cos seus conflitos e fainos ver que os ricos non son unha (pequena) masa monolítica, que non se parecen en nada digamos Rupert Murdoch e Bernard Arnault. Poucas series que traten dos problemas das clases subalternas pintan as personaxes cun pincel tan fino. As series españolas teñen unha especial incapacidade para facelo, durante anos estiven convencida de que ningún guionista español estudara xamais nun colexio público (das series galegas non falo porque dun tempo para aquí parece que só hai dúas profesións posíbeis no universo TVG: Garda Civil ou narcotraficante. O que temos que facer para non ter que ir ao mar).
Esta disonancia provócanos a ilusión de que comprendemos mellor aos herdeiros dun conglomerado multimedia internacional ca os empregados que ocasionalmente saen tecleando nas oficinas de Royco Waystar, servindo unha mesa, ou limpando un despacho. Como ese pobre vendedor de froita ao que a persecución policial estraga o posto nos primeiros minutos dunha película de acción, esquecémolos no momento en que desaparecen da pantalla. Non nos preocupa o que lles pase a eses porque os arcos narrativos redentores nunca están onde están eles, onde estamos nós.
Rematou Succession, que nas súas catro tempadas conseguiu o fito de achegar o Financial Times e o Wall Street Journal ao pobo. É, malia todo, unha boa serie, eu non deixo de recomendala. E despois, por aquilo da dieta equilibrada, sempre poden ver calquera das excelentes producións da BBC baseadas en novelas de Charles Dickens, porque o certo é que eses problemas decimonónicos seguen a quedarnos moito máis perto á clase traballadora.