Quen ten cu ten medo

0

Permítanme que me poña sentimental na miña última bitácora de campaña e bote a ollada atrás, á que escribín hai case dúas semanas. Lembran? Eramos uns nenos, as eleccións ían pasar case desapercibidas, a Xunta Electoral aínda non se decidira a abrir expedientes sancionadores ao PP por non distinguir entre a publicidade institucional e a campaña polo voto, e Alfonso Rueda viña de declinar participar noutro debate cos representantes das outras forzas políticas, aínda que, daquela, mandara unha adhesión.

O PP auguraba unha campaña plácida, apelando ao “sentidiño”, á Galiza que a eles lles funciona e, en xeral, a todas as ideas-forza xeradas pola axencia de publicidade que tanto nos dá que falar a Ismael Ramos e a min. Do outro lado, o caos, a ensalada de siglas, o “barullo” que tanto repetiu Rueda no único debate ao que foi, e que tanto repetiron os presentadores da TVG ao día seguinte dese debate. Das propostas do programa do PP moito non soubemos, porque se Galiza xa lles funciona, para que tocala?

Aconteceu que a campaña se lle revirou de todo ao PP: o “barullo” dos outros partidos que aspiran a gobernar a Xunta non pareceu nada embarullado no debate, as enquisas deixaron albiscar unha posibilidade real de cambio, e nin sequera os empresarios xesticulan demasiado ante un goberno de coalición e limítanse a estar máis neutrais do que adoitaban estar noutras campañas. Non me pidan que lles explique o movemento de Feijóo anunciando nun xantar con xornalistas que considerara a amnistía, e despois dicindo que 16 medios de comunicación mentían sobre o que lles dixera, porque non son politóloga nin estratega de campañas electorais, pero a simple vista non parece o mellor para centrar o debate na Galiza, nin no seu candidato, que non é el.

Ao final resultou que os da estabilidade, o programa e o sentido común eran os outros, e era Alfonso Rueda o que non collía na foto (visto o visto, nin na do seu propio partido). Así que alguén no equipo de Rueda debeu decidir que, ou enxurran o campo, ou quedan eliminados, e alá foron o sentidiño, a Galicia que funciona e a retórica Turgaliciana sobre rías que bican o mar e recunchos con encanto e tradición. A máquina de lama que é o telexornal da TVG empezou a dar noticias sobre a desaparecida ETA coma se estivésemos en 1989, e a vencellalas habilmente coa opinión que os líderes do PP teñen do BNG, sen máis contexto, reaccións a declaracións de parte ou asomo ningún de ética xornalística, que para iso a tele é deles. Ana de Bande volveu á carga nas redes nun vídeo que apela aos votantes do partido abertamente fascista para parar ao demo con cornos e rabo no que tentan converter a Ana Pontón. Supoño que nos dous días de campaña que quedan desde que escribo isto, o PP, La Voz de Galicia e a sempre fiel TVG subirán a aposta e chegaremos á xornada de reflexión tendo que mirar no váter antes de nos sentar por se hai un terrorista acochado dentro.

Debería rematar esta crónica explicando que as cousas están moi igualadas, que obviamente o PP ten medo de perder ou non pasarían a campaña dando bandazos, regando os votantes con axudas de última hora, e sacando temas de hai 19 anos da chistera, pero o que realmente me chama a atención é a facilidade coa que poden poñer toda esa maquinaria en marcha desde un despacho en San Caetano e a normalidade coa que todos os chamados ás urnas o asumimos. Eles teñen medo porque saben o que poden perder o domingo. E nós, sabemos todo o que perdemos nestes últimos catorce anos?