O circo 'Inventio' chega á Coruña, Luís Zahera aterra en Ourense con 'Chungo' e Los Punsetes actúan en Santiago
Entramos nunha das semanas centrais do inverno, unha vez rematado o Nadal e co Entroido xa no horizonte. A actividade cultural renace despois do letargo vacacional e estes días teremos interesantes eventos como a xira da montaxe circense Inventio, que fai parada no Teatro Colón da Coruña, a presentación en solitario do gran Luís Zahera que chega con Chungo a Ourense ou a actuación de Luar na Lubre nesa mesma cidade.
Un dos grupos pop que destacou nos últimos anos, Los Punsetes, chega este sábado a Santiago, e a capital galega tamén vivirá a estrea dunha coprodución do Centro Dramático Galego, Relato para un incendio. As rabeleadas de Nadal seguen presentes nas actuacións do Ballet Clásico de Ucraína en Vigo e A Coruña cunha das obras máis coñecidas da danza clásica, O Lago dos Cisnes. Ambas cidades tamén reciben esta semana a Sinfónica de Galicia co violinista Bomsori Kim como convidado especial. E a arte aparece con novas propostas como a inauguración na Fundación Seoane dunha gran exposición do artista pontevedrés Xulio García Rivas. Moito e bo para combater a melancolía invernal.
Circo con temática xacobea. Teatro Colón A Coruña. Venres 13 e sábado 14
Comedia, drama, circo, danza, maxia, isto é todo o que promete o espectáculo Inventio, unha produción para toda a familia que aproveita a ciencia ficción para situarnos no último ano xacobeo do século, 2094, e ambientar nese tempo unha historia que dá lugar a acrobacias e números musicais protagonizados por un nutrido grupo de artistas de distintas disciplinas. Máis aló da temática, Inventio ofrece espectacularidade en abundancia para convencer a nenos e adultos. Aquí as entradas.
Para rir con Luís Zahera. Auditorio Municipal de Ourense. Sábado 14
É un dos actores galegos en estado de graza dos últimos tempos e agora, ademais de velo na pantalla, tamén o temos de xira teatral co seu espectáculo Chungo. Zahera en estado puro e nada máis que dicir, é imposible permanecer indiferente a un gran actor-cómico. Aquí as entradas.
Bomsori Kim e a OSG en Vigo e A Coruña. Xoves 19 e venres 20
O prestixioso violinista surcoreano Bomsori Kim acompañará á Orquestra Sinfónica de Galicia en dous concertos que terán lugar o xoves 19 no Teatro A Fundación de Vigo e o venres 20 no Palacio da Ópera da Coruña, con obras de Tchaikovsky e Shostakovich. Entradas Vigo.
Xulio García Rivas na Seoane. A Coruña. Ata o 9 de abril
Obras de gran formato do artista agoladense expoñen a partir do mércores día 18 nas salas centrais da Fundación Seoane na Coruña A influencia da pintura taoísta chinesa e o expresionismo abstracto están presentes en Manancial de Sombras, unha mostra que aposta por conectar o mundo interior do artista co espectador. Máis info.
Outras propostas
El buen hijo. A xove banda madrileña de pop El Buen Hijo chega esta fin de semana a Galicia para presentar os temas do seu primeiro disco. A sala Ruido de Ferrol (venres 13) e a cafetería Torgal de Ourense (sábado 14) serán as sedes destes concertos. Máis información e entradas aquí.
Estrea do CDG. O Centro Dramático Galego estrea esta fin de semana en Santiago unha coprodución con aAntena baseada na obra Relato para un Incendio de Ernesto Is. Máis info e entradas.
Os Punsetes en Santiago. A banda indie chega á sala Capitol de Compostela para presentar o seu sétimo disco, AFDTRQHOT. Aquí as entradas.
Luar na Lubre en Ourense. Sen dúbida son un dos grupos folclóricos emblemáticos do panorama galego. Agora chegan este venres día 13 ao Teatro Principal de Ourense. Aquí entradas.
Lago dos Cisnes. A obra coreográfica inmortal chega ao Auditorio Mar de Vigo (venres 13) e ao Palacio da Ópera da Coruña (domingo 15) coa compañía de Ballet Clásico Ucraíno. Entradas para Coruña aquí.
0