Has elegido la edición de . Verás las noticias de esta portada en el módulo de ediciones locales de la home de elDiario.es.
Sobre este blog

Este blog es el espacio de opinión y reflexión de elDiario.es en Galicia.

Apenas tres frases sobre Ence

Papelera de ENCE en la Ría de Pontevedra, en una fotografía de archivo.

0

Hai tres frases de xente de ben –algún deles, de moi ben ata que deixou de selo– que resumen como poucas a historia recente do noso país. Unha é a atribuída a un coñecido editor xornalístico, en pleno concurso eólico do bipartito: “Un enfermeiro de Allariz non pode vir cambiar o marco económico de Galicia”.

Outra pronunciouna o ex director xeral dunha desaparecida caixa de aforros, compañeiro do editor naquilo que se chamou o lobby da Coruña: ·“É máis fácil comprar vontades e cambiar a opinión pública que facer un investimento para trasladar a empresa”. A empresa era Ence; o receptor da mensaxe, o alcalde de Pontevedra, compañeiro de partido do enfermeiro de Allariz.

A terceira frase, a que pon o ramo a esta historia, foi anterior a todas elas (premonitoria?) e a única que se pronunciou en público, nunha lendaria sesión do Parlamento de Galicia: “Aquí pasou o que pasou e sabémolo todos”.

O Tribunal Supremo vén de encargarse de que ese marco económico de Galicia siga como está ata 2073, avalando a prórroga de 60 anos a Ence concedida polo goberno de M. Rajoy… en funcións. É dicir, nese período en que se supón que ningunha administración debe tomar decisións que comprometan a seguinte. Neste caso, Mariano, cun pé xa fóra da Moncloa, decidiu hipotecar o futuro da súa cidade adoptiva durante 15 lexislaturas. E así quedará se Europa –sempre Europa como última esperanza– non pon algo de cordura.

Non hai que ir moi atrás para lembrar un momento en que existía un amplo consenso sobre a necesidade de sacar Ence da ría. Ata Feijóo defendía esa posibilidade cando estaba na oposición, empurrado por un Telmo Martín que quería levar a factoría a Marcón. Por certo, Telmo debe de ser a tal hora o único no PP que non mudou de postura. O seu xefe non tardou en converterse en máximo defensor do emprazamento actual, e despediuse da Xunta solicitando que os terreos ocupados pola pasteira fosen adscritos ao Porto de Marín, oportunamente presidido polo compañeiro de andainas de Mariano –e tamén de Alfonso Rueda– José Benito Suárez, o marido de Ana Pastor.

É complicado saber se o xiro copernicano de Feijóo e os seus foi froito dunha caída do cabalo de proporcións bíblicas ou ben se se debeu aos efectos da segunda das frases que explican como chegamos ata aquí: a que presume de compra de vontades.

Se esta hipótese fose a correcta, tampouco podemos poñerlle prezo. O que si imaxinamos é que, para que a estratexia resultase rendible, tiña que ser inferior a eses case 200 millóns de euros que a compañía tiña previstos para afrontar o peche do chiringuito. Un petiño que agora poderá dedicar a actividades máis lucrativas e que, ademais, se viu rapidamente incrementado pola espectacular suba na bolsa das accións tras o fallo do Supremo. Seguro que alguén fixo unha boa caixa aquel día. Máis que vendendo un monte de eucaliptos.

A Audiencia Nacional, acostumada a tratar co crime organizado –e tamén con ameazas pantasma– non dubidou en asegurar que Ence tiña que marchar. Que seguir escarallando a costa de Lourizán non era imprescindible para a súa actividade. Pero chegou o Supremo, co inefable Carlos Lesmes á fronte, e mandou parar. O expresidente do CXPX ten un máster en primeira persoa sobre prórrogas inxustificadas e seguro que empatizou coa pasteira do mesmo xeito que podería facelo con Sánchez Izquierdo.

Aínda que, de momento, todo isto é unha suposición: fíxose público que o Supremo apoia a permanencia pero non os motivos polos que o decidiu. Primeiro deixáronnos clara a súa postura; logo, xa argumentarán (á carta, se é preciso). Como na vella brincadeira, o alto tribunal semella ter un problema para cada solución.

Será outra vez Europa a que veña baixarnos a crista e lembrarnos que xogamos con regras do primeiro mundo e non dun feudalismo capitalista herdeiro das prácticas caciquís de toda a vida? Porque, detrás do pecado orixinal da prolongación da concesión –como aconteceu coa da AP9– hai unha decisión política. Ideolóxica. Mesmo, se miramos para quen senta no consello de administración de Ence, seguramente económica (e non como sinónimo de barata).

Alí sentaron ata antonte Isabel Tocino, compañeira de Lesmes no goberno Aznar, e Carlos del Álamo, o que fora conselleiro con Fraga. Unha en Madrid e outro en Santiago, ambos os dous portaron as carteiras de Medio Ambiente. O seu coa pasteira é a versión beta do romance entre Beatriz Mato e Greenalia.

Por iso, chegados a este punto, xa podemos pechar coa nosa terceira frase:

Aquí pasou o que pasou. E si: sabémolo todas.

Sobre este blog

Este blog es el espacio de opinión y reflexión de elDiario.es en Galicia.

Etiquetas
stats