Has elegido la edición de . Verás las noticias de esta portada en el módulo de ediciones locales de la home de elDiario.es.
Sobre este blog

Este blog es el espacio de opinión y reflexión de elDiario.es en Galicia.

Apoderamento no traballo

En la imagen de archivo, trabajadoras de una fábrica conservera de pescado.

0

Pasou o día 8 de marzo, día da Muller. Foi mudado desde as primeiras celebracións -1975- que tiñan como suxeito as mulleres traballadoras. Mais é ese aspecto de traballadoras o que nos parece interesante desde a perspectiva da componente indispensábel -aínda que non suficiente- para procurar mulleres independentes nesta sociedade. Definir independentes no sentido económico é doado: ser quen de viver do proprio traballo, da propria renda e das proprias disposicións laborais que nacen da querenza particular. E é o mercado laboral o lugar de chegada e permanencia de todas as traballadoras.

Por esa razón, na procura da análise das condicións nas que se atopa o mercado laboral galego examinado coa perspectiva de xénero, citamos o Informe Situación laboral da mulleres en Galiza 2023, da autoría de Natividad López Gromaz, da CIG, que, como é sabido, é a central sindical maioritaria na Galiza. De feito, hai federacións cunha representación maior que a das outras centrais xuntas. Isto non é óbice para que, segundo foi tratado no Congreso dos Deputados (e deputadas!), lle sexa vedado/opacado o seu papel representativo nos órgaos estatais de debate sindical nunha nidia manipulación do respeito ao pluralismo sindical. O Estado español, por razóns históricas plúmbeas (carpetovetónicas), e por falta de vontade política, non fixo máis que comezar o camiño de admitir e recoñecer o carácter plurinacional deste Estado. Se imos nese camiño é, cando menos, un avanzo.

O Informe reflicte o estado da cuestión á altura de 2023 e, así mesmo, permítenos coñecer a evolución das grandes cifras e a tendencia observada.

A participación actual das mulleres na poboación activa galega é, por número, igualitaria. De tal forma que se esta característica fose definitoria da situación laboral diríamos: obxectivo cumprido. A 31 de decembro de 2023 había 411.219 mulleres dadas de alta na Seguridade Social en todos os reximes e con calquer tipo de contrato e xornada, cifra superior á dos varóns: 398.280 : igualitaria, diriamos na mesma proporción que na poboación xeral.

A medida que o Informe vai analisando as condicións de traballo, os sectores de afiliación, os salarios recebidos, o tipo de contrato, a duración do mesmo e a xornada van aparecendo como por arte de maxia as diferenzas que se manifestan, en primeiro lugar, no montante de rendas recebidas, nos contratos de menor cuantía e dereitos, nos sectores de actividade feminizados e hiperfeminizados e, finalmente, nas diferenzas na cuantía das pensións de xubilación. Así, vemos como máis da metade de mulleres traballando/afiliadas á Seguridade Social -207.568- cobran o SMI (salario mínimo interprofesional) ou menos: tanto menos como que hai 98.637 cun ingreso anual inferior a 3.012 euros.

Outras 132.306 reciben un ingreso equivalente ao SMI ou 1,5 veces o SMI, e finalmente 73.254 clasifícanse no tramo superior a 1,5 veces o SMI. É dicer, que da cifra inicial emerxe un colectivo moi numeroso de mulleres traballadoras (máis de 200.000) que con calquer outra condición laboral non son quen de lograr independencia económica como resultado do seu traballo. Hai catro actividades do sector servizos con presenza de mulleres superior á dos homes e en tres delas danse as taxas de fenda de xénero maiores de toda a economía: entidades financeiras e aseguradoras, servizos ás empresas, servizos sociais, servizos ás persoas e de lecer. Nos tres primeiros, a fenda de xénero é superior ao 23%. De tal modo que semella que canto maior é a presenza feminina nunha rama, maior fenda salarial de xénero existe. Nen sequer a igual ou mellor cualificación somos quen de fuxir da fenda salarial.

A fenda de xénero non é cuestión de idade, aínda que hai idades prexudicadas; en concreto, as máis novas e as máis idosas sofren unha discriminación maior que no tramo intermedio. Ao igual que diciamos que hai máis mulleres que homes en moitas ramas do sector servizos en xeral e algunhas parecen só femininas, a presenza feminina no conxunto das ocupadas galegas é igualmente significativa: case unha de cada cinco traballadoras ocupadas está no comercio e o 16,74% das traballadoras galegas ocúpase en sanidade e máis en servizos sociais.

En 2023, e a pesar da reforma laboral, continuou a tendencia anterior de incremento de contratos femininos a tempo parcial. De tal maneira que podemos afirmar que a xornada a tempo parcial é unha característica do emprego feminino: en 2023, o 22,6% das mulleres ocupadas tiveron contratos con xornada parcial, sendo nos homes só o 7,3%. E con outra perspectiva: de todos os contratos que hai no mercado laboral galego a tempo parcial o 75,7% están desempeñados por mulleres (sabemos o motivo: non atopan a tempo completo ou deben coidar dependentes). E, finalmente, a tradución destas condicións laborais á xubilación é automática: importe medio das pensións, menor base de cotización e menor número de anos cotizados, menores pensións. De feito, das cifras constatadas en 2023 resulta que os homes chegan aos 55 anos con 30 anos cotizados e as mulleres con 23,75.

Desta descrición que nos permite o citado Informe elaborado con cifras censais da Seguridade Social (non son enquisas nen percepcións subxectivas ou sentimentos), achegámonos a unha análise cualitativa moi preocupante e, asemade, iluminadora dunha realidade que se pretende opacar con outros asuntos epidérmicos. O apoderamento non é unha actitude individual, non é un logro de influencers con imaxe de aparencia de sobresaíren, non é cuestión de trunfar, en fin, non é case nada do que vende nos medios de comunicación e na cultura media difundida que se manifeste na imaxe.

Mesmo no caso de mulleres poderosas, o poder ten a ver coa posición social que ocupan: por clase social, por renda e por capacidade de acción sobre a vida dos demais. Recebendo un salario mínimo e con expectativas case nulas de cambiar de posición no mercado laboral ao longo da vida laboral, é imposíbel camiñar cara ao apoderamento, agás que isto signifique que, como ser humano en calquer condición, somos suxeito de todos os dereitos humanos. As condicións de lograr o cambio da situación das mulleres en xeral cara ao esvaído da subordinación é un problema social, político e económico. A muda desta situación debería encarar algo máis que a chamada igualdade no sentido e contido que actualmente ten. A dignidade como persoa ten caras poliédricas, certamente, mais comezando polo principio, cuns ingresos salariais por ano de 3.000 euros só falar de apoderamento, é un insulto. É imposíbel que nunha sociedade que non se ocupe de mudar as bases en que o mercado laboral se expresa para dirixilo nunha senda de igualdade, por non dicer de xustiza, poida predicar nalgún momento que traballa a favor do xénero feminino.

Sobre este blog

Este blog es el espacio de opinión y reflexión de elDiario.es en Galicia.

Etiquetas
stats