Este blog es el espacio de opinión y reflexión de elDiario.es en Galicia.
Todos somos continxentes
Hai unhas semanas, a escola do meu fillo mandou unha comunicación ás familias para informar de que a titora do seu grupo de primaria ía estar 10 días de baixa e que a consellaría se negara a mandar substituta. As crianzas, dicía a mensaxe, non deixarían de estar atendidas por profesorado de apoio, pero pareceulles importante que soubésemos que estaban sen a súa profesora.
Como docente non me sorprendeu isto, a consellería de educación, por norma, non cubre baixas de menos de quince días, nin adoita cubrilas se comezan un par de semanas antes antes dun período de vacacións. Cando se aliñan todos os astros, é dicir, cando un docente causa baixa polo motivo que for, de máis de quince días iniciais e lonxe do Nadal, Antroido ou Semana Santa, a Esfinxe aínda nos solicita unha proba de fe máis para poder contar cun profesor substituto na aula: a consellaría só chama persoal das listas en martes e venres, así que é habitual que o alumnado pase unha semana enteira sen clase mentres agarda a que todos os engrenaxes da roda da burocracia encaixen no sitio.
Así que a mensaxe de que o meu fillo ía estar polo menos dez días sen titora (leva un mes) non me sorprendeu, aínda que agradecín a comunicación. Como a dirección do seu centro dicía, é importante trasladar esas cousas ás familias. No caso das baixas médicas, a lóxica burocrática entra en terreos pantanosos: a consellaría de sanidade indica que a primeira revisión dunha baixa debe de ser, como moito, á semana, e a de educación que só se substitúen as baixas iniciais de quince días, o que vén sendo unha proposición errada, ou un Catch-22, se son vostedes fans de Joseph Heller. Non falo de escenarios teóricos, este curso o alumnado da miña titoría botou tres semanas lectivas sen varias materias, até que a dirección insistiu para que mandasen alguén. O ano pasado foron case dous meses.
Coñezo un director que colleu un día de asuntos propios para vir a Santiago a chantarse na consellería e dicirlles que non se ía mover de alí até que lle mandasen substituta de inglés, que levaba a rapazada case dous meses sen clase. Coñézoo porque eu era a substituta que mandaron, e ás poucas semanas púxenme de parto, así que supoño que o alumnado acabaría o curso outra vez sen profe de inglés, porque no caso dos permisos de maternidade e paternidade é a propia consellaría a que se informa a si mesma desas vacantes, e chegados a esta altura do artigo supoño que a ninguén lle sorprende que non o fagan con moita présa. Despois de todo, no famoso tiktok de Alfonso Rueda e os seus vingadores, a maioría dos conselleiros facían o símbolo dos cartiños cos dedos, non o dos atributos de San Casiano, o mestre mártir.
É curioso que, nunha profesión coma a nosa, na que, na maioría dos casos, o profesorado substitúe materias ou ciclos nos que son especialistas, non se chame para baixas de curta duración, como acontece noutros ámbitos. O Sergas ten unha lista pool para cubrir ausencias curtas de carácter urxente, e por certo tamén un vergoñento récord de contratos dun día porque os seus servizos non poden estar sen persoal, tanto ten que o persoal non traballase nunca no servizo en cuestión e que probabelmente traballando un só día aí e cambiando a outro non sexa de moita axuda. No entanto, para que unha profesora substituta faga o seu traballo só precisa saber en que punto do temario quedou a titular, por iso o de non substituír ausencias que se prevén curtas só pode obedecer á lóxica dos cartos e á firme crenza de que as familias galegas somos parvas.
Para o PPdeG único día do ano no que o profesorado vira totalmente imprescindíbel é, precisamente, o día no que hai unha folga convocada. O resto do curso todo somos continxentes, como berraban os veciños de Amanece, que no es poco. Aquí o necesario sería o proxecto educativo, que tampouco aparece por ningures. Pensan que aforran cartos porque pensan que as políticas públicas son un gasto e non un investimento, e canto menos gasten en profesorado máis poderán gastar, que sei eu, en Xacobeos. Despois de todo, para poñer cañas polo salario mínimo non importa moito se un deu o temario enteiro de xeografía de 2º ou quedou pola metade. Eu só soño co día no que consigamos darlle a volta a esta lóxica extractivista, e Alfonso Rueda acuda, rodeado de prensa, a entregarlle un diploma xigante á profesora número 100.000.
Sobre este blog
Este blog es el espacio de opinión y reflexión de elDiario.es en Galicia.
1