Has elegido la edición de . Verás las noticias de esta portada en el módulo de ediciones locales de la home de elDiario.es.
Sobre este blog

Este blog es el espacio de opinión y reflexión de elDiario.es en Galicia.

En eleccións, universidade gratuíta

Estudiantes universitarios en un aula.

0

Visto que as campañas electorais acaban convertidas nunha pelexa o subhasta de promesas a cada cal máis ousada posíbel, pode ser interesante examinar polo miúdo -igual que nunha disección- unha destas promesas feitas nunha sorte de regueifa (saíu en prensa) entre os representantes do PSOE e do PP. Dixo o segundo: se saio presidente, farei gratuíta a primeira matrícula da universidade galega de calquer estudante. E dixo o primeiro: pois eu todas as matrículas; todo: grau e masters. E, claro, xa non hai quen dea máis. De todos os xeitos, as promesas deste tipo feitas en campaña son denotativas da seriedade de quen as fai, do pouco respeito que profesan ao eleitorado e da baixa esixencia social que profesamos os cidadáns por permitir un xogo demagóxico, cando non totalmente irresponsábel.

Unha promesa de gasto como é esta debería ir necesariamente acompañada dunha cuantificación económica correspondente ao gasto orzamentario, así como dunha explicación do beneficio para o colectivo atinxido, xa que se supón que constitúe un contributo á extensión da capacidade social de se matricular na universidade. Non obstante, non é unha novidade: estamos afeitos a promesas e “doazóns” deste tipo que teñen case todas o carácter narcótico de compracer a unha parte do eleitorado con dádivas en lugar da salvagarda e garantía dos dereitos. Así, por exemplo, os maiores de 65 anos foron obsequiados cunha tarxeta -por certo, só negociada pola entidade financeira maioritaria en Galiza, herdeira privilexiada das caixas de aforro- para viaxaren gratis por toda Galiza. Seguramente é un ben social andar en autobús dun lado para outro gratis, pero isto só se debería dar unha vez que as necesidades deste colectivo estexan a coberto de maneira normalizada: por exemplo, que os dependentes con dereito a ser recoñecidos non tivesen que agardar un montón de meses pola resolución do seu expediente. Que a atención a domicilio fose un servizo universal ou ben que as prazas de residencias para este colectivo fosen públicas ou de control público...

Fronte a isto, viaxes gratis sen ton nen son a calquer lado e sen finalidade coñecida -sumándolle ás páxinas de publicidade pagada, que son propaganda-, só para dar a sensación de mellora na vida do colectivo.

As matrículas gratis na universidade son un dereito que teñen todos os bolseiros das convocatorias estatais e autonómicas. A concesión dirímese logo dunha convocatoria anual en BOE e DOG tendo en conta un baremo con dous eixos: a renda persoal disponíbel e o rendemento académico. Dar acceso mediante un sistema de bolsas aos estudos universitarios ou no seu caso de FP a estudantes con renda en tramos baixos non só contempla o custo da matrícula senón tamén as opcións de gastos en que se incorre por non traballar ao longo do curso académico. É un método xusto, xa que permite optar aos estudos universitarios a aqueles cidadáns mozos en condicións e vontade firme de estudar para se cualificaren, á vez que obriga, aos de rendas disponíbeis máis altas a contribuír -parcialmente- ao mantemento do servizo público, que son os estudos universitarios. Unha matrícula na universidade non paga máis que unha pequena parte do custo dos estudos, é dicer, aínda pagando do proprio peculio, é un servizo proporcionado a uns poucos para que a sociedade contribúa -vía orzamento público- á cualificación profisional dos mozos con interese e posibilidades de estudar.

Dicer que por facilitar con matrícula gratuíta ou barata a entrada na universidade se mellora a vida dos mozos ou da sociedade que o promove é un insulto aos estudantes que por má calidade dos estudos previos ou pola súa falta de harmoniosa integración no ensino nen sequer alcanzan a posibilidade futura de pensaren en se matricular. Dicer que o prezo da matrícula está conxelado non mellora para nada o resto de necesidades: de profesorado, doutros medios, de máis bolsas ou de saídas profesionais no país, acaídas. É sabido que, despois de cumprir os requisitos académicos no momento de se matricular na universidade, hai unha outra serie de elementos na decisión desa opción que son decisivos: poder optar a financiamento persoal ou familiar dun período de estudo que impede unha incorporación total ao mercado de traballo. O feito de poder prescindir dos ingresos salariais durante catro anos para se cualificar vén acompañado da existencia de perspectivas sociais acordes coa función da universidade: o normal é que esas expectativas acompañen ao estudante; se non, ha ser unha opción que non existe.

No noso país, a universidade deixou de ser foco atractivo para os rapaces mozos, como amosa o descenso do número de matriculados nos últimos 20 anos. Este descenso é contrario ao movemento xeral seguido nas universidades españolas nas que, a pesar da baixa poboacional desas idades, non caiu a matrícula, mesmo se incrementou de forma notábel, nas universidades privadas. Na Galiza, os últimos 20 anos (2002-2022) diminuíu o número de matriculados de forma aparatosa: case 40.000 matriculados menos. A taxa media de abandono sitúa as cifras do Sistema Universitario Galego entre as primeiras de todo o Estado (só superadas polas universidades das illas): un 14,7% . E o resultado medido nos soldos medios conseguidos polos egresados, nos 5 anos despois de rematados os estudos de grado, sitúa os nosos titulados nunha franxa de soldo igual ou inferior a 1.500 euros; se a emigración ao estranxeiro é o destino “natural” do 8,1% dos titulados galegos, non observamos que se melloren en nada as cifras de abandono. Estas características da dinámica dos estudos deberían ser elemento de preocupación para os gobernantes e deixarse da demagoxia do prezo da primeira matrícula. O abandono dos estudos universitarios o primeiro ano é un fracaso social dun custo escandaloso, que debería ser examinado e corrixido.

Outro elemento que citabamos é a consideración do aspecto redistributivo, polo tanto instrumento de equidade social das bolsas de estudos, e, neste caso, o esforzo da Xunta é cativo. Había no curso 2021-22 un total de 626.747 bolseiros en España, dos que 28.029 eran galegos. Non obstante, o que chama a atención é a curta participación da Xunta no financiamento de bolsas proprias: o Ministerio concedeu bolsas (curso 2021-22) para estudantes matriculados en Galiza por importe de 65,9 millóns de euros e a Xunta empregou ese mesmo ano 2,5 millóns de euros. Valorando estas cifras e tamén as propostas de acción positiva, non semella que a preocupación actual do goberno galego pase por mudar as tendencias de perda de función social da universidade. Con demagoxia non se conseguirá.

Sobre este blog

Este blog es el espacio de opinión y reflexión de elDiario.es en Galicia.

stats