Has elegido la edición de . Verás las noticias de esta portada en el módulo de ediciones locales de la home de elDiario.es.
Sobre este blog

Este blog es el espacio de opinión y reflexión de elDiario.es en Galicia.

Folga de médicos: o lado obscuro

La pegatina de la huelga de médicos del CESM en la bata de un profesional.

María do Carme García-Negro

0

A semana pasada deuse nos hospitais galegos o insólito feito dunha folga de médicos, seguida por un número indeterminado -aínda non temos dados oficiais ou fidedignos- mais que afectou gravemente á atención de doentes así como a dilación forzada de actos cirúrxicos e probas preoperatorias, mesmo nalgúns casos puidose dar perigo certo de falecemento de inatendidos. E cualifico de insólita porque, por primeira vez, a sociedade galega se enteirou de que os médicos como colectivo tamén son traballadores asalariados, teñen problemas sindicais e son quen de se póren en folga. Como novidade está ben facer un saúdo de benvida ao mundo real dos restantes traballadores, cos que, por certo, nunca houbo comprensión nen apoio nos seus conflitos.

E non é que faltaran ocasións para o manifestar, pero semellaba que desde unha especie de trono, por riba e por fóra dos restantes componentes da sociedade, era suficiente co pago recebido, co status social e co mantemento de certos privilexios que fixeron innecesario seren e sentírense traballadores asalariados. Neste caso, uníronse unha longa serie de circunstancias que funcionaron como unha alavanca nunha situación a piques de deflagar, e á soa insinuación ou convocatoria de folga por parte dun sindicato corporativo e minoritario na Galiza, estoura nunha folga ao tolo. As previas novas, como síntomas de malestar, víñanse coñecendo con distinto grau de intensidade desde hai moitos meses.

Tamén coñecíamos os cidadáns que as diferenzas entre malestar ía por estratos e servizos: en atención primaria é moi xeneralizado o descontento nos grandes centros das cidades; o paso da pandemia deixou tras si moitos problemas e desaxustes sen resolver; e a excelencia recoñecida duns servizos exemplares non casa co horríbel funcionamento doutros. As urxencias dos hospitais acumulaban problemas previos á pandemia e agora víronse sobrecargadas: é habitual nos últimos meses coñecer a saturación denunciada polos titulares de tal servizo de todo tipo e nível. Os desaxustes de dotación de persoal resolvéronse desde hai anos profundando cos concertos coa privada, usada como comodín dunha coxeira pública e agora, por riba, os médicos séntense mal retribuídos (que non negamos) e van a folga sen máis miramentos. O escenario perfeito para que sen máis consideración nen previos plantexamentos de conflito civilizado, desemboque nunha folga sentida por algúns como a guerra da súa vida.

Dáse o caso que os traballadores do público si teñen vivido conflitos laborais ao longo dos últimos anos. Un deles, e moi importante, foi a negociación para solventar a perda de poder adquisitivo desde os recortes da anterior crise (2008) e o logro relativo de suba salarial tímida levada a cabo polo Goberno do Estado. Mesmo no caso do Sergas é certo tamén que o goberno da Xunta deixou aparcado desde 2012 o painel de equiparación salarial ao persoal público proprio e os traballadores médicos foron tirando de privada para supostamente manter uns ingresos aceptábeis, e agora, sen utilizar a vía habitual de comezar por negociacións dunha táboa reivindicativa dada a coñecer/elaborada polos afectados dos servizos públicos (non por segmentos ou grupos corporativos), convócase folga de médicos.

A folga é sempre un último recurso e dependendo dos diferentes servizos públicos é levadeira ou non, dependendo das circunstancias. Mesmo nos casos máis complicados do exercicio do dereito dos traballadores á folga hai matices, casos e infracasos. Así, por exemplo, foi coñecido o caso dos servizos mínimos estabelecidos na folga dos controladores aéreos: o 100%. E non estaban en risco vidas humanas, senón unha parte importante das actividades turísticas e a reputación dun Estado destino de millóns de viaxeiros en avión. Mesmo nese caso de necesidade o exército podería asumir funcións de substitución e/ou apoio; citemos tamén o transporte de mercadorías por terra, os incendios, as catástrofes... mais non sabemos que se poida substituír un cirurxán, un especialista de servizo hospitalario en consultas, un oncólogo, un intensivista... ou nengún, por un membro do exército aínda que sexa do Estado Mayor. De aí que os cidadáns de a pé, no noso observatorio de conduta do público, esperaríamos que se poida compatibilizar -ou debo dicer que se debe- o dereito á folga con servizos mínimos cuase do 100%, e, á vez, afanarse duramente en resolver o conflito pola vía da negociación.

E aquí empeza o rol lamentábel do Sergas. O CESM, que é un sindicato corporativo, minoritario en Galiza, estou certa de que levou unha enorme sorpresa ao coñecer o seguimento da folga con servizos mínimos temerarios e cuns hooligans seguidores (uns médicos titulares e outros médicos en preparación) que nunca nada reivindicaran na vida, nen sendo estudantes. A mesa sectorial sindical constituída nas últimas eleicións -mesmo sabendo que a participación do colectivo médico no mesmo é cativo (dicíamos ao principio, non se senten traballadores asalariados, como o común dos funcionarios)- consagrou só 5 sindicatos como membros da mesma, dos que a CIG-saúde foi maioritario. O CESM ten 15 representantes, de 287, non está na mesa, e descoñecemos a presenza en hospitais, en plataformas dos centros, en debates e mais en reivindicacións; o caso é que oh, milagre! convoca folga e é maioritariamente seguida e descaradamente apoiada pola patronal, neste caso Sergas. Até tal ponto que as negociacións dunha folga indefinida levaron a pauta de encontros entre colegas (Sergas e CESM), deixando a fin de semana polo medio de dúas reunións, para descansar: nunha situación de cancelación de consultas de especialistas programadas con antelación, operacións, e todo tipo de intervencións.

As consecuencias, sen medida. A consideración do servizo público, derrotada. O traballo dos médicos que compatibilizan coa privada, a tope, e o prestixio da sanidade pública galega arrastada sen piedade. A penosa actuación patronal queda posta de relevo nos logros da folga: son asombrosos até nas denominacións: a retribución das gardas chámanlle prezo por hora, sendo distinto a cotío que os domingos e festivos; elimínase a diferenza do complemento específico entre dedicación exclusiva e parcial (e dicemos: quen vai ter estímulo a permanecer na pública, ou tamén, se é exclusiva só quer dicer iso, exactamente), eludindo completamente a solución da compatibilidade por outra vía e derrotando o principio, fácil de manter, o mesmo salario para idéntico traballo. E, finalmente, mais non menor: substituír a necesaria dotación de persoal con anovacións e contratacións no seo da sanidade pública por horas extras (gardas) para aparentar suba salarial. Calquer principio laboral en negociación colectiva prima a ampliación do cuadro de persoal sobre a creación de horas extras (as gardas). Mais así observamos, e así nos parece irresponsábel, a xestión dun conflito laboral porque nel quedou ferida a sanidade pública, un servizo que forma parte do estado de benestar e debería continuar con boa vida.

Sobre este blog

Este blog es el espacio de opinión y reflexión de elDiario.es en Galicia.

Etiquetas
stats