Has elegido la edición de . Verás las noticias de esta portada en el módulo de ediciones locales de la home de elDiario.es.
Sobre este blog

Este blog es el espacio de opinión y reflexión de elDiario.es en Galicia.

Galicia, cidade única

Imagen de archivo de un tren en Galicia.

0

Galicia pode, e debe, ser considerada como unha cidade única. Unha vez concluído virtualmente o éxodo do campo á cidade, a poboación do país aséntase fundamentalmente nese arquipélago ou diamante de sete puntas que son as sete cidades.

Hai outras áreas moi poboadas, sobre todo á beira do mar -a ría de Arousa e a Mariña lucense- pero a liña que vai de Ferrol a Vigo máis as dúas capitais do interior e os seus entornos urbanos concentran o groso da poboación. As maiorías sociais, coas súas novas necesidades, e co seu propio dereito á cidade, están aí radicadas.

“As políticas de ordenación territorial deberan orientarse, en consecuencia, cara a integración da mobilidade e o patrón funcional do solo cun dobre obxectivo: por unha banda mellorar a eficiencia da rede de transporte e por outro a promoción do modelo de cidade compacta”. A cita é dun traballo académico sobre o Randstad neerlandés, pero vale exactamente para o caso galego. Coma nos Países Baixos, do que se trata é de actualizar un modelo policéntrico.

Trinta minutos

O tren cumpre, e debera cumprir moito máis, un papel de integración urbana. É o medio de transporte máis sostible, o máis eficiente e o menos contaminante. De feito, dende que, en abril de 2015, a duración da viaxe entre A Coruña e Vigo se reduciu, o éxito desa liña ferroviaria foi fulminante. Ese tramo non deixou de medrar en número de viaxeiros. Ao parecer, o tramo A Coruña-Vigo é o segundo máis usado de España en tren de media distancia. En comparación cos custes que supón usar a AP-9 o tren é unha alternativa excelente para os viaxeiros. Sempre, claro, que se poidan acomodar aos horarios de Renfe, non sempre racionais.

Pero en todo o demais, queda moito por facer. Acaso non sería posible conectar todas as cidades galegas entre si, de modo que non houbese unha tardanza de moito máis de media hora respecto á máis cercana? As do Eixo Atlántico xa o están. A Coruña está a 29 minutos de Santiago, e entre Santiago e Pontevedra son 38 minutos, unha cifra que se reducirá no futuro. Vigo e Pontevedra están a 16 minutos. De aí, o constante incremento de viaxeiros.

Pero a conexión ferroviaria de A Coruña con Ferrol é penosa. Unha auténtica vergoña. Dos tramos ferroviarios ese é o que debería ser abordado con máis urxencia. Ese investimento podería dárlle azos a unha área urbana de arredor de 600.000 personas. A “Cidade das Rías” agarda aínda a súa oportunidade: para Ferrol é un eixe de futuro.

A saída sur de Vigo en dirección a Porto é outro tramo decisivo. Galicia e Portugal compoñen unha única área económica e o futuro pasa por desenvolver economías de escala e aglomeración conxuntas. Portugal xa dá pasos que agardan unha resposta da beira galega e española.

Naturalmente, os tramos Ourense-Vigo e Lugo-A Coruña deben tamén ser implementados. Nos dous casos debera ser posible tamén reducir a duración da viaxe a pouco máis dos 30 minutos. Creo que poucos son conscientes do aporte que iso significaría para o desenvolvemento das respectivas cidades.

Tampouco se poden deixar de lado os servizos de cercanía, hoxe case inexistentes, que poderían alimentar o tráfico das outras liñas con enlaces axeitados. Trátase de articular internamente Galicia para que sexa un territorio máis viable, atractivo e equilibrado. Tamén máis competitivo na economía global.

Coser cidades

Creo que leva moita razón Xerardo Estévez cando insiste na idea de que hai que aproveitar este momento de parón na construcción, despois dos excesos da burbulla que pinchou en 2008,  para “coser a cidade”. Coser a cidade dentro de si mesma, vellos e novos barrios, pero tamén as cidades centrais coas súas contornas. A ausencia de presión urbanística neste interregno económico pode ser a ocasión para facer un urbanismo máis audaz, esixente e rigoroso. Ese urbanismo sería un aporte para a calidade de vida das maiorías sociais, pero tamén un ingrediente da competividade do país.

Santiago, por exemplo, xa non é a suma do casco vello e do ensanche, aínda que o debate público e a atención das administracións siga enlamada nesa visión obsoleta. A cidade medrou e das Cancelas, no norte, a Santa Marta, no sur, hai moito que facer para preservar un certo modelo de cidade. Para que exista continuidade urbana e unha activa vida social en todos os barrios. A rúa Rosalía de Castro está adquirindo unha centralidade como nexo que supón problemas a resolver. O mesmo sucede entre Vista Alegre e o centro urbano. Dende o tamaño das beirarrúas ata a iluminación, hai pequenos aspectos que, ás veces, marcan a diferenza.

A outra escala 

Por suposto, Milladoiro é, a todos os efectos, un barrio de Compostela, aínda situado nominalmente no Concello de Ames. Os dous concellos teñen que camiñar cara a súa integración. Pero problemas similares, suceden en todas as cidades. A Coruña é un continuum urbano con Oleiros, Culleredo, Cambre ou Arteixo. O mesmo sucede con Vigo: Porriño, Nigrán, Redondela ou Cangas, entre outras vilas, teñen enormes relacións funcionais coa cidade de cabeceira.

As cidades galegas teñen que ser pensadas a outra escala para resolver non só os problemas de mobilidade. Tamén os de carácter urbanístico e de ordenación do territorio coas súas derivadas sociais, a xentrificación e a guetificación. A crecente desigualdade está tendo uns efectos sobre a vida urbana que tal vez non estamos sabendo considerar. E, xa se sabe, en Galicia hai moita tendencia ao estudo pormenorizado do rural, case sempre de modo retórico, e a desatender as ricas tramas urbanas, no seu pasado histórico e no seu presente social, que urxen unha mirada proactiva. Parece que Minerva chega sempre tarde.

Unha anécdota breve: o historiador Isidro Dubert contábame como lle narraba a uns alumnos a historia de folgas e conflictos sociais nunha cidade irlandesa no século XVIII. Os alumnos respondían entusiasmados ao relato. Cando o historiador desvelou que se trataba de Ferrol, ese mesmos alumnos non daban crédito. Parece que en Galicia non hai historia, e menos historia urbana e historia das loitas dos traballadores.

Pero volvamos ao rego: contra certa tendencia libertaria a construír onde a un lle pete, moi propia dun país de pequenos propietarios, convén promover a cidade compacta. En Galicia úsase de máis o coche por mor desa urbanización difusa. Os custes de levar o tendido eléctrico ou canalizacións a lugares imposibles e esparexidos ao chou é social e ecoloxicamente moi elevado. Os barrios periféricos , ás veces orfos de servizos, non representan unha alternativa virtuosa e presentan obvios problemas de rápida degradación. O urbanismo, a socioloxía e a política teñen moito que dicir, se queren dicilo.

Sobre este blog

Este blog es el espacio de opinión y reflexión de elDiario.es en Galicia.

Etiquetas
stats