Has elegido la edición de . Verás las noticias de esta portada en el módulo de ediciones locales de la home de elDiario.es.
Sobre este blog

Este blog es el espacio de opinión y reflexión de elDiario.es en Galicia.

Meritocracia

El presidente de la Xunta, Alfonso Rueda, en una imagen de archivo con el exconselleiro de Sanidade (segundo por la derecha) y la exgerente en Santiago, Eloína Núñez (segunda por la izquierda).

1

Dos mitos fundacionais sobre as persoas con cartos, sempre me gustou moito o dos fundadores de empresas tecnolóxicas que “empezaron nun garaxe” ou o dos herdeiros de grandes fortunas españolas que empezan na empresa “dobrando camisas” e van subindo chanzos corporativos a base de sacrificio, abnegación e traballar os festivos. O último en apuntarse a esta moda foi Dimas Gimeno, o falanxista herdeiro de Isidoro Álvarez que, nunha entrevista desenfadada do xornal El Mundo, trazaba unha liña recta e fulgurante entre os seus comezos como dependente de reforzo do El Corte Inglés e a súa poltrona no consello de administración da compañía. Cada pouco as empresas do Ibex cóannos publirreportaxes para recordarnos que non traballa quen pode senón quen quere, que con esforzo e ambición podemos chegar a presidir un holding empresarial multimillonario e, en definitiva, que o ascensor social existe e se chama meritocracia.

Certo é que iso da meritocracia vai por barrios, xa din todos os libros de autoaxuda e os gurús económicos de Tiktok que a xente pobre ten o mal vicio de endebedarse e non aforrar e así non hai que saia de pobre. Pola contra os que chegan a conselleiros delegados adoitan ter hábitos moito máis saudábeis, como estudar nas mellores universidades privadas, coñecer inversores de capital risco ou ser ex altos cargos da Xunta.

Esta semana tamén soubemos doutra meteórica carreira que, sospeito, rematará no consello de administración dunha gran compañía. O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, vén de colocar nunha subdirección da Consellería de Política Social a Eloína Núñez só catro meses despois do seu fulminante cese como xerenta da área sanitaria de Santiago e Barbanza. Se lles soa o apelido é porque a señora Núñez ten o bo hábito de ser curmá do ex presidente Feijóo. Non teño dúbida de que é unha desas persoas con hábitos altamente eficientes, porque antes da xerencia en Santiago xa pasara pola de Ourense, onde a metade do persoal hospitalario tamén se lle puxera en pé de guerra, e así e todo reuniu méritos abondos para seguir acumulando postos de responsabilidade, se iso non é meritocracia que veña Fraga e o vexa.

Digo que a colocaron nesa subdirección porque a designaron cunha comisión de servizo da que non imos coñecer os criterios, aínda que Alfonso Rueda tivo a ben aclarar que a curmá do seu xefe vén de pingas para o posto porque é necesario que o ocupe un funcionario e, mira ti, Eloína é funcionaria. Despois estarán os mal pensados que queiran insinuar algún tipo de nepotismo, cando do único do que estamos a falar aquí é de, xa o adiviñaron, esforzo, abnegación e meritocracia. O feito de que Núñez se apelide Núñez é puramente estatístico, porque os outros altos cargos do goberno galego non son parentes de presidente ningún e aí están, por méritos propios. Como a xefa de Núñez á fronte da Consellería de Política Social, Fabiola García, que comezou dobrando camisas no PP, como quen di, e xa leva en postos de responsabilidade desde o primeiro goberno de Feijóo na Xunta.

Despois estamos os ciumentos, os resentidos e os malpensados, que nos dedicamos a criticar o persoal só porque deixaron como saldo unha xestión nefasta á fronte de dúas das sete áreas sanitarias do país, ou porque están a reconverter as residencias públicas en aparcadoiros de pacientes de saúde mental. Velaí un dos malos hábitos que nos impiden ser o noso mellor eu e entrar nun consello de administración, esa manía que temos os pobres de desconfiar. Canto mellor nos iría se tivésemos hábitos saudábeis, como facer méritos na promoción interna do PPdeG, e confiásemos na meritocracia.

Meritocracia, que rima con collóns cadrados, en asonante.

Sobre este blog

Este blog es el espacio de opinión y reflexión de elDiario.es en Galicia.

Etiquetas
stats