Este blog es el espacio de opinión y reflexión de elDiario.es en Galicia.
Sobre o PPdeG
Cumpríronse -o ano pasado- dez anos da morte de Fraga, que coincidiron, por moi pouco, co centenario do seu nacemento. Non deixou de chamarme a atención a falta de interese que tanto o PP central coma o mesmo PPdeG mostraron na conmemoración. A efeméride pasou sen pena nin gloria. Os seus correlixionarios parecen ter esquecido a quen, no lugar común, era designado como “a figura política máis importante da dereita española na segunda metade do século XX” e que, sen dúbida, foi o presidente que modelou a autonomía galega. A Fundación Manuel Fraga está sen un só euro e as caixas amóreanse na súa casa natal sen que un só arquiveiro ou investigador intente poñer orde no seu legado.
Por que? Responder esa pregunta non carece de interese. O seu papel como redactor da Constitución podería ser posto en valor polos seus compañeiros de partido. A súa evolución, do falanxismo de orixe a unha especie de Cánovas del Castillo da nova Restauración, tamén. Pero ninguén, precisamente entre os seus, parece querer lembralo.
Pode estar a clave no Fraga último? É o Fraga presidente de Galicia o intragable para o novo integrismo centralista ? É o Fraga reformista, civilizado en Londres na súa etapa de embaixador, o inasumible para unha dereita que está involucionando?
Sendo Fraga quen era, e vindo de onde viña, intentou darlle un contido político á autonomía e facer que Galicia tivera peso e capacidade de negociación no marco estatal. No seu momento esa circunstancia causou grande desconcerto. De feito, a mera enunciación das iniciativas que puxo Fraga en circulación dános a medida exacta na que a Xunta de Galicia pasou a ser dende entón unha mera oficina de xestión.
Fagamos unha pequena recopilación dos temas que puxo sobre a mesa. A “administración única”: a idea de que a comunidade autonóma debería de ser a única forma que adquire o Estado en Galicia. O principio de subsidiariedade, que ten como función xeral garantir un certo grao de independencia a un poder local respecto dun poder central. A proposición da reforma do Senado para dárlle representación ás comunidades autonómas na gobernación do Estado. A participación das CC.AA. na elaboración da política da UE. A noción de “autoidentificación” como defensa da singularidade galega. E o último, pero non o menor, o pacto que deu lugar á Lei de Normalización Lingüística.
A lista deixa negro sobre branco o baleiro intelectual e político das administracións de Feijóo e Rueda: esa falta de peso político determinado pola necesidade de non molestar aos cenáculos madrileños. Dado que o destino final de Feijóo era aspirar á Presidencia do Goberno español convíñalle non incordiar aos que podían ser os impulsores da súa carreira persoal. Pero iso deulle á Xunta menos capacidade de negociar e, por tanto, de favorecer investimentos en Galicia. Rueda, no seu caso totalmente gratis, segue o mesmo camiño.
No período de Feijóo, e agora no de Rueda, non houbo o máis mínimo signo de que a autonomía política tivese algún valor. Descenderon a poboación e o PIB. O elemento “Galicia” foi adelgazando, na acción política e na sociedade, cada vez máis marcada pola ecosfera mediática madrileña e polo poder das redes, ata extremos irrecoñecibles. Toda a súa acción de goberno foi puramente reactiva e administrativa. Tampouco se rexistrou obra ou investimentos públicos significativos. Na desaparición das caixas, na absorción do Banco Pastor, no peche de diversas industrias... en todos os asuntos importantes a Comunidade Autónoma foi silente, mero espectador pasivo. Rueda está impulsando agora o Corredor Atlántico fronte ao Goberno central. Fai ben. Continuará a facelo se Feijóo é presidente?
Fraga tiña admiración por Franz Joseph Strauss e o modelo bávaro, dentro da Alemania federal, o que lembra que as concepcións da dereita non necesariamente teñen que partir dun esquema centralista. Intentou erguer un partido de masas, con alma, que intentara emular a penetración social do PNV en Euskadi. A identificación entre o PPdeG e a mesma autonomía ía implícita na política elaborada. Deses logros bebeu a hexemonía conservadora nos últimos lustros. Creo que iso é indiscutible, como o é que as propias maiorías de Feijóo debéronse, nunha certa medida, a non rachar ostensiblemente con ese modelo.
É posible que todo iso cambiara e que nas tensións da España actual o cabalo gañador, especialmente o de dereitas, teña que poñerse en liña e ser un mero poste de repetición das vareadas dogmáticas que os medios madrileños reparten urbi et orbi, soberbios e fatuos.
É posible. Pero, é seguro? Está o PPdeG convencido de que a súa é unha fórmula de éxito? O seu perfecto aliñamento coas consignas de Génova non entraña ningunha ameaza a medio prazo para o seu dominio? Ou dito doutro modo, cal é a funcionalidade política, para a sociedade galega, deste PPdeG? Unha acción de goberno con activos tan escasos e limitados pode perpetuarse no tempo?
Pode que algunhas cousas estean pasando desapercibidas para o radar non só do PP, senón da súa circunspecta, roma, burocrática e pouco imaxinativa oposición. As empresas, cada vez máis, viven nun mundo globalizado que lles dá independencia respecto do goberno galego. As caixas foron substituídas por Abanca, un banco privado no que a Xunta ten pouco ou nada que dicir.
Parece claro que o poder de intermediación do PPdeG é reducido en relación ao que foi. Na maraña de intereses creados hai moito menos para repartir e os vellos mecanismos clientelares teñen un nivel máis baixo de aceite. O elector conservador galego vai dende logo polo rego, e secunda a polarización, a ira inducida, o antifeminismo, o nacionalismo español e o que sexa necesario, pero non é evidente que a sociedade galega camiñe tan rápido por ese carreiro. O seu ritmo é outro.
Ademais, o PPdeG carece hoxe dese tipo de líderes con arraigo local, ou caciques, que tiraban para casa. Eses que no pasado tanto contribuiron a asentar o seu dominio -coa evidente excepción de Baltar fillo, moi lonxe das habilidades de seu pai. Tamén está orfo de figuras con perfil político. A nova caste de líderes son seres encastelados na administración. Birretes que, no mellor caso, teñen alma de opositores, no peor, de enchufados. En todo caso, en ningún sentido xestionan con eficacia os bens e servizos públicos.
En definitiva, a pregunta é: serve o PPdeG para articular os intereses locais? Non me refiro só -que tamén e sobre todo- aos xenéricos e abstractos, que producen bens e servizos e melloran o benestar e a atmosfera social, senón aos concretísimos do interese particular.
A economía galega é extraordinariamente aberta. O éxito ou o fracaso da súa sociedade tense que medir cos parámetros da súa inserción na economía global. Non estou pensando só en Inditex ou Citröen, en Coren ou a conserva, senón na malla de empresas que producen para mercados externos.
Hai unha certa Galicia que deixou de ser. Hai outra que, para ser personaxe, busca autor. A Galicia urbana, competitiva en produción industral e de servizos realmente atopa no PPdeG a forma política que saiba xestionar os seus retos dun modo proactivo? Realmente hai na Xunta actual alguén que saiba negociar prioridades co goberno central e reorientar a economía e a sociedade galegas? De momento, a inercia dálle ao PPdeG o control da situación, pero diría que o seu poder está perdendo base, ou depende, simplemente, do tornadizo humor popular.
Cumpríronse -o ano pasado- dez anos da morte de Fraga, que coincidiron, por moi pouco, co centenario do seu nacemento. Non deixou de chamarme a atención a falta de interese que tanto o PP central coma o mesmo PPdeG mostraron na conmemoración. A efeméride pasou sen pena nin gloria. Os seus correlixionarios parecen ter esquecido a quen, no lugar común, era designado como “a figura política máis importante da dereita española na segunda metade do século XX” e que, sen dúbida, foi o presidente que modelou a autonomía galega. A Fundación Manuel Fraga está sen un só euro e as caixas amóreanse na súa casa natal sen que un só arquiveiro ou investigador intente poñer orde no seu legado.
Por que? Responder esa pregunta non carece de interese. O seu papel como redactor da Constitución podería ser posto en valor polos seus compañeiros de partido. A súa evolución, do falanxismo de orixe a unha especie de Cánovas del Castillo da nova Restauración, tamén. Pero ninguén, precisamente entre os seus, parece querer lembralo.