Galicia Opinión y blogs

Sobre este blog

Privilexio bancario para unha entidade amiga

0

Asistimos atónitos á publicación dos dados dos beneficios (aínda provisorios) da banca española no ano 2023; só os cinco primeiros grupos declararon 26.000 millóns de euros (o total ascenderá aínda a unha cifra superior), algo así como o 40% do PIB galego. Son escandalosos por se teren dado nuns momentos sociais e económicos moi problemáticos para o conxunto das restantes actividades económicas, sen necesidade de citar os problemas dos traballadores con rendas persoais baixas. As causas que analisan os economistas especializados en actividades financeiras -mesmo despois do asombro- aglutínanse nunha ringleira de feitos que de forma concatenada poderían explicalo.

Comezaríamos pola remuneración ao 4% dos depósitos nos bancos centrais -procedente do BCE, é dicer, diñeiro público- que significou unha especie de doazón pública á banca privada europea por monto de 3,7 billóns de euros. Supuxo para a banca privada española 9.170 millóns de euros. Nun momento económico en que a media de remuneración dos depósitos dos utentes privados de banca en España é do 0,35%, así como é a consideración do risco e custos asociados de tramitación e control de préstamos e hipotecas, receber sen mover un dedo unha remuneración do depósito do 4% é un verdadeiro choio privilexiado.

Outra fonte do beneficio viría dada polos cobros de comisións até por entrar nas oficinas e respirar. Con esas tres liñas quedarían citadas as tres fontes principais de xeración de beneficios ordinarios, extraordinarios e hipertrofiados por exhibición de poderío. Non é preciso citar o aforro que ten suposto a clausura de oficinas, o ingreso extraordinario da venda de activos inmobiliarios, os aforros en custos salariais a base de despidos e de intensificación do traballo nos empregados que permanecen, a supresión de labores antes proprios da banca (tamén un aforro) e, finalmente, o contributo neto de gobernos amigos que mesmo no plano autonómico colaboran de maneira rumbosa.

É o caso de Abanca, que forma no noso olimpo estelar da banca un caso próximo e de historia ben coñecida. Ímonos referir nesta ocasión só a ese papel de intimidade entre o goberno autonómico e a citada entidade para amosar como se traballa en silencio, mais a favor. O goberno autonómico ten o costume de sementar con subvencións, axudas, dádivas, esmolas, donativos e demais óbolos a todo posíbel grupo de afectados por “algo” en condicións de receber e aceptar (a última coñecida en plena campaña é para gastos das mascotas) . A listaxe é numerosa e merecente de maior espazo. Só nos referiremos á coñecida como Tarxeta de Transporte para maiores de 65 anos.

Para poder escrebelo fixen traballo de campo. Esta tarxeta oferécese aos maiores galegos de máis de 65 anos e debe ser adquirida -en exclusiva- nas oficinas de Abanca. Este é o primeiro feito rechamante, xa que na propaganda/información da Xunta sobre a tarxeta non informa de que é previo, á obtención de tal vantaxe, se facer cliente dese banco. Se unha cidadá ou un cidadán non quer, por exemplo por alerxia, non se facer cliente desa entidade, queda por definición excluída/o. E a segunda parte graciosa do asunto é que os empregados bancarios están moi ben instruídos fronte ás protestas de non querer se facer clientes, e explican que non se “consideran” clientes. Aí entrei en acción e digo: ben, déme logo a tarxeta, sen me facer clienta. Responde: ten que cobrir este formulario (mellor dito, xa llo cubro eu); despois, asina, e escanéase o carné de identidade (queda coa copia) e xa está.

Espero para asinar e entrégame un documento que di exactamente o que eu non desexaba -por esa alerxia- chamado: “Ficha de cliente”. Os dados son os esperados nunha ficha dese tipo: nome, enderezo, documento de identidade, domicilio, correo electrónico, teléfono móbil e unha ringleira de especificacións relativas ao tratamento de dados que, estando fóra de alerta, dirías que si, a case todo. 4 folios máis e aparece outro documento específico para persoas –‘raritas’– que negamos autorización para que fagan uso dos dados proporcionados para nengún fin dos especificados: outros dous folios. Aínda hai máis: pago dous euros por emisión da tarxeta que non é tal, para o transporte, senón que asino un contrato de Tarxeta (esquecín dicer que está todo en español) de Transporte Metropolitano Dual (boa denominación), que funciona como unha tarxeta moedeiro coa conseguinte obriga de carga, recarga e reintegro en caixeiros cun prazo fixo, so penalización de perder o saldo por falta de uso (en dous meses sen cobro queda o banco co saldo).

A Xunta de Galiza aparece no contrato da tarxeta como empresa colaboradora (??), non as titulares dos servizos de transporte e na entidade bancaria non proporcionan máis información do funcionamento, limitándose a te remitir a unha páxina web da Xunta. Non sabemos os miles de clientes que ten en Galiza o banco que veu despois das caixas galegas. Tampouco chegamos a investigar cantos casos como este, semellantes ou parecidos, poidan existir con acceso exclusivo a un colectivo de cidadáns, que son entregues como mercadoría. O número, ademais, non é relevante porque faltaría coñecer a clasificación por idades. Mais é seguro que no colectivo de 700.000 galegos (a Xunta dixit) obxectivo do beneficio de descontos no transporte interurbano haxa algúns -como era o meu caso- non clientes da entidade.

Poñer o monopolio da xestión, entrega e funcionamento das tarxetas moedeiro nun só banco significa unha falta total de equidade e de respecto pola competencia leal entre entidades privadas. Mesmo é unha bulra absoluta dos dereitos de acceso nun mercado, chamado, libre para os usuarios. E todo isto sen se engurrar un pelímetro. Falar de privilexios bancarios despois do manexo das cifras de beneficios da banca que citabamos máis arriba, é novamente escandaloso no caso que nos ocupa: aquí (na citada entidade residida en Galiza), víronse superados polo crecemento dos beneficios entre 2022 e 2023: nada menos que os de 2023 triplican os do ano anterior. Isto chámase gaño extraordinario, hipergaño e gaño desaforado.

A historia do crecemento ano a ano dos beneficios das compañías multinacionais mundiais non contempla -salvo excepcións en circunstancias insólitas- un crecemento con esa tendencia, e neste caso, que se saiba, non houbo ningunha descoberta dunha mina de ouro. Non houbo nada que nos faga pensar que as funcións financeiras do banco emprenderan un camiño de se involucrar en proxectos vinculados á vida económica produtiva do país ou que a obra social competise con calquer outra dos outros bancos españois; mesmo: ula, a obra social?