Este blog es el espacio de opinión y reflexión de elDiario.es en Galicia.
Sospeitosos
Hai xa quince anos que tiven a miña única experiencia nun itinerario personalizado do Servizo Galego de Colocación. A orientadora laboral que me atendeu na entrevista persoal admirou o meu currículo e díxome que con tanta formación (un título e un par de idiomas) non entendía como non daba atopado traballo, o que dalgún xeito me deu idea da súa desconexión da realidade. Despois preguntoume se tiña fillos, e cando lle dixen que non, en seguida pasou a debullar as razóns polas que eu debía emigrar a un país de fala inglesa, dada a miña titulación. Non sei por que, fun moi sincera con ela. Díxenlle que xa vivira no estranxeiro cando era máis nova e non o pasara moi ben, que estaba moi unida á miña familia e que non quería marchar do país. Debeulle soar a capricho, porque pasou o resto da entrevista insistíndome en que emigrar era a miña mellor –se non única– opción, que ao non ter fillos non tiña ningún tipo de arraigo, e que os soldos eran moito mellores alá (aínda que nunca chegamos a concretar a que “alá” se refería). Eu aguantei estoica case toda a entrevista, temerosa de perder a prestación que percibía se a orientadora decidía non asinar o xustificante de asistencia. Só ao cabo dun anaco, cando me quedou claro que non faciamos máis que dar voltas sobre a mesma teima, ela que arre e eu que xo, decidinme a sacar o impreso da cita do meu cartafol de documentación e díxenlle “por favor, asíname o papeliño”.
Esta semana compartín unha versión condensada desa entrevista nunha nova rede social, e varios seguidores achegaron as súas experiencias propias: a un deles recomendáronlle buscar traballos en negro, a outra obrigárona a recibir un curso do que ela mesma fora profesora a risco de perder a prestación. Lembro a anécdota dunha amiga, intérprete en lingua francesa, á que aos poucos de anotarse ao paro comezaron a chamala para traballos de actriz... xa saben, tradutora e intérprete. Sei que cen anécdotas non fan norma, pero normalmente apuntan por onde van os tiros. Hai moitos anos que as oficinas de emprego galegas non son quen de aportar máis do 5% dos traballadores que se reincorporan ao mercado de traballo. É dicir, de cada 100 persoas sometidas a entrevistas humillantes, obrigadas a recibiren cursos nos que son expertas, que pasan por todos os aros da burocracia e aturan estoicas recomendacións de emigrar, de traballar en negro ou de montar unha PEME, para que lles asinen o papeliño, menos de cinco atopan finalmente traballo grazas ao Servizo Público de Emprego.
Agora, o conselleiro de emprego e o presidente Rueda anuncian triunfantes a aplicación dunha medida estatal para que as persoas paradas que non cobran prestación asinen un “acordo de actividade” que as obrigue a pasar por todos eses aros inútiles se non queren deixar de figurar como demandantes de emprego. Para Alfonso Rueda sería ideal poder sacudirse de enriba uns cantos centos de números nas listas do paro para maquillar as cifras de destrución de emprego, e a forma escollida para facelo é, máis unha vez, sementar a sospeita sobre a clase traballadora.
Di o conselleiro José González que a medida é unha cuestión de “ética” e que os traballadores teñen que amosar o seu “compromiso inequívoco” coa busca de emprego. Dio con ese xeito de insinuar as cousas que ten a dereita ultraliberal, eles poñen en marcha esta medida porque eles son os da ética e os que velan polo cumprimento das normas, vese que aos mortos de fame lles dá por apuntarse ao paro por amolar, xa se sabe que a clase obreira é todo picaresca e tentar cazar paguitas.
Comecei este artigo explicando que aquela entrevista fora a única a que acudira na oficina de emprego. Eu, para confirmar a estatística, tampouco atopei traballo por esa vía. Se vostede está nesa situación, moita sorte. Aguante estoicamente as parvadas que lle van dicir no seu Itinerario Personalizado, e non esqueza asinar o seu compromiso inequívoco para que José González non lle pida explicacións. Non vaia ser que sexa vostede un caprichoso que non quere traballar en negro, emigrar, ou deixar a un lado a súa formación para probar sorte coma intérprete no mundo do espectáculo.