Has elegido la edición de . Verás las noticias de esta portada en el módulo de ediciones locales de la home de elDiario.es.
Sobre este blog

Este blog es el espacio de opinión y reflexión de elDiario.es en Galicia.

Os súper, as fábricas do século XXI

Trabajadora en un supermercado.

0

Quen pode dicer que non vai ao súper? Coñecemos só un grupo de persoas que non ten esa experiencia e son realmente moi poucas. Atreveríame a situalos no sector social dos que dispoñen e poden pagar do seu peto avión privativo. O resto dos mortais saben o que é ir de compras de forma obrigada para se abastecer, polo menos, de alimentos. Tamén é certo que forma parte de maneira tan cotiá e naturalizada que poucos reparan no significado económico desta actividade, quen constitúe a masa maioritaria de traballadoras e cales son as súas condicións laborais. Ocupámonos desta visualización.

En realidade, para ben ser, este artigo debería se titular “Un modelo de descualificación do traballo neste século, nesta fase do capitalismo”, pero isto non é un título, e coa ansia de sintetizar usamos o que figura.

Acabada en Europa a fase do capitalismo fabril e, con el, as enormes factorías, adóitase denominar -tanto en Europa como nos USA e, por extensión global, en todo o mundo- como capitalismo de acumulación financeira. Por sectores de actividade económica, é o sector servizos o de maior relevancia. A predominancia por número de empregos e a significación do PIB sectorial así como a evolución e crecemento en innovación xustifican a denominación mesmo coloquial de capitalismo dos servizos. É así só en parte. A fabricación de bens materiais continúase facendo en factorías fabrís: só que as factorías non están no mesmo lugar que hai 60 anos. Os procesos de produción actuais son, así, mesmo distintos dos realizados nas factorías despois da Segunda Guerra Mundial. Factorías desprazadas, tarefas segmentadas tamén, teñen desmembrado a composición do sector industrial, dando como resultado que unha parte do proceso produtivo hoxe separado e computado como pertencente ao sector servizos, realmente forma parte indisolúbel da industria.

Por exemplo, o deseño industrial, parte da tarefa de creación, innovación e desenvolvemento de prototipos industriais, contabilízase como servizos á industria, mais non como industria. Finalmente, convén sinalar que unha parte do desenvolvemento do sector servizos vive vinculado ás novas actividades de innovación e investigación, consumo realizado por persoas de rendas altas, transporte, turismo, actividades financeiras, de seguros... que continúan residenciados nomeadamente nos centros capitalistas/financeiros máis poderosos do mundo.

As fábricas de bens masa, os de consumo duradoiro, e mesmo os de tecnoloxía complexa, están maioritariamente en Asia e surten ao mundo enteiro de produtos e bens de todo tipo, características e condicións. No segmento dos alimentos e bens de consumo doméstico diario, independentemente do lugar de produción, tanto en Europa como en América, deuse unha concentración forte do segmento distribuidor, estando hoxe nas súas mans o futuro da produción material de bens de consumo básico. No Estado español chega contar cunha ducia de grandes cadeas de distribución para fotografar o peso da distribución. Na Galiza con tres distribuidores, tres compañías, retratamos o comercio de bens de consumo diario.

Todo o comercio emprega máis de 55.000 traballadores e o emprego no que adoitamos chamar coloquialmente súper (supermercados, tendas especialiazadas e hipermercados) reúne máis de 25.000. Se dicemos que unha soa compañía emprega de forma directa 8.216 persoas, estamos en condicións de afirmar que os súper actuais son as fábricas do século XXI. Ou, pola contra, non hai hoxe na Galiza no sector privado compañía algunha que empregue ese número de persoas, ocupe de forma permeabilizada toda a economía e teña -ollo!- unhas condicións de traballo semellantes ás do capitalismo nos seus primeiros tempos fabrís.

As características destes postos de traballo obedecen ao deseño do negocio froito dunha grande concentración empresarial e ao apoio de base nunha xestión singular da cadea de valor na que o emprego xoga o papel principal: maioritariamente mulleres e mozos de baixa cualificación (o requerimento do posto, máis que os traballadores), pertencentes a sectores urbanos populares, con escasa ou nula experiencia laboral previa e clasificadas de modo e maneira que sexa moi doado fragmentar tamén a organización sindical. É común que coexistan grupos de empregadas diferentes e xornadas con contratos diferentes. O contrato fixo a tempo completo convive con contrato a tempo parcial e por temporada. As traballadoras da propria empresa conviven con outros/as de subcontratas ou simplemente externos, e a clasificación dos postos é outra forma de tentar individualizar a relación laboral, conseguindo, máis unha vez, a separación de situacións e a desmembración do grupo de empregadas.

As empregadas de postos de baixa cualificación “gozan” da cualidade de intercambio autómatico: caixeiras, asistentes de venta, repoñedoras, atención ao cliente...; conviven con empregadas de oficios especializados (carnizaría, charcutaría, pescadaría, panadaría…), baixo control de xefes intermedios ou o xerente. As estratexias de xestión conseguiron a cuadratura do circulo: un uso intensivo de flexibilidade con formas de contratación novisimas, (atípicas) xornadas e salario elástico, externalización de certas tarefas e a citada polifuncionalidade (de caixeira a froiteira, de pescadeira a repoñedora). A flexibilidade consegue unha intensificación da carga de traballo que para si quixera Taylor nos seus mellores momentos, unha xestión de traballo que denominan os psicológos emocional, uns sistemas de avaliación orientados á responsabilidade individual e a autorregulamentación, cunha forte orientación á calidade do servizo (nominal): hai unha cadea de distribución moi poderosa que entrena ás vendedoras cun esquema no que os clientes son denominados “xefes”. Até ese escenario de creatividade formal!

Cando citamos a descualificación, non nos referimos á que posúen as traballadoras, senón a que a definición do posto e o ríxido exercicio das tarefas deseñadas así o esixe. O uso de forza de traballo maleábel, con pouco coñecemento doutras habilidades e con especial escolla do que se denominan habilidades brandas, moi moles, consegue que a interacción co cliente se basee máis na emoción que na eficiencia, na aparencia estética e no trato amábel que no coñecemento profisional, á vez que a heteroxeneidade e a individualización xoguen a favor da intensificación da carga de traballo e ao aforro en custos laborais.

O deseño científico en enxeñaría de xestión, a reprodución en ciclo continuo do tipo de distribución comercial e o número de traballadores, converten os súper no que denominabamos a fábrica do século XXI. E sen se facer visíbel. 

Sobre este blog

Este blog es el espacio de opinión y reflexión de elDiario.es en Galicia.

Etiquetas
stats