Este blog es el espacio de opinión y reflexión de elDiario.es en Galicia.
A UE no medio da escaleira
Se hoxe, período previo eleitoral da UE, quixésemos percorrer a vista de dron o estado da cuestión na Unión, é dicer, definir o seu lugar no mundo e a situación interna no plano económico, é probábel que non puidéramos emitir un diagnóstico concluínte, deses que lles gorentan aos asesores dos gobernantes: unha frase única que funcione como unha consigna. A Unión non vai ben, nen mellorou a súa posición no mundo, nen será a solución dos problemas económicos dos Estados que a forman nen é o reservorio mundial de democracia das de fiar. Tampouco é válida a proposición contraria: a UE non é un desastre: isto é informulábel, aínda que só sexa pola esixencia lóxica de que non temos nada para comparar que nos permita esa valoración. Por tanto, esixímonos abordar a análise desde a complexidade da súa estrutura e funcionamento, así como tamén dos logros conseguidos fronte aos obxectivos marcados e non por comparación co ideal imaxinado desde as marxes.
Sostemos que o que ocorre na sociedade é un produto das relacións sociais, e estas, en cada momento histórico, están determinadas en primeiro lugar polo devir económico e, sobre este, o restante conxunto de relacións sociais, é dicer, as políticas, as do poder militar, as persoais, as interclase social ou inter-segmentos sociais, isto é, todas e cada unha das relacións sociais que deseñan a vida nas sociedades en cada época. Falar da Unión Europea sen ter en conta as relacións mundiais deste superestado, cos Estados Unidos, é parcial. Tratar da UE sen contar o papel chinés no mundo é parcial. E analisar a UE sen ter en conta o rol da inmigración/desenvolvemento demográfico europeo é inútil. E, finalmente, dada a complexidade dese superestado que é a UE sen coñecer máis ou menos profundamente as relacións intra-UE dos estados que a conforman, é novamente parcial.
Definimos a UE como un superestado, xa que son eses os elementos compositivos, e denominalo ‘super’ porque é que lle corresponde, dado o nível de desenvolvemento económico desta época. É como se dixésemos: os Estados nación correspóndense co capitalismo inicial. O superestado UE é proprio desta etapa do capital monopolista ou de dominio das compañías mundiais. Por negación: non existe un Estado único europeo, senón o xerme do que no futuro será. A cidadanía comunitaria única non existe, xa que somos cidadáns con documento identificativo de tal EM (Estado membro) recoñecida en igualdade de condicións -polo menos teoricamente- nos restantes membros. A definición de cidadán europeo (da Comunidade) é polo momento unha meta máis que unha realidade.
A moeda única, o euro, non é total na Unión senón que rexe en 20 dos 27. O Brexit supuxo un fracaso para consolidación da Unión económica e monetaria europea, independentemente de como lle sentara aos británicos. A ausencia de bon entendemento con Rusia ten derivado nunha desgraza semellante ás dos días das guerras mundiais: Europa, cun escenario de guerra física, e os Estados Unidos vendendo armas e consellos para un teatro bélico fóra do seu territorio: máis, á parte da guerra en si mesma, se algo significa é tamén un fracaso de política intra-continente. A relación na economía mundial dólar/euro está hoxe claramente a favor do dólar e os inicios do camiño favorábel á expansión (e valor relativo) do euro non foron máis que inicios.
No referido ao crecemento, na zona euro nos 20 primeiros anos deste século o PIB medrou 1,67 veces, e o PIB USA 1,99 veces. O PIB americano é hoxe case o dobre do comunitario. A fenda existente tamén existe no PIB/per capita: na zona euro medrou un 30% e na americana o 40%; ademais, no inicio do século XXI o PIB/per capita da zona euro era o 88% do de USA e hoxe é o 82,5%. E polo se refere ao poder do dólar só citaremos que o 59% das reservas dos bancos do mundo están en dólares, e só o 20% en euros. De non existir unha repunta moi significativa do poder mundial da economía europea e da chinesa, non semella posíbel cambiar a traxectoria observada. E os americanos coñecen perfectamente os principais problemas que significa para eles o crecemento chinés. Mesmo Janet Yellen, Secretaria do Tesouro dos Estados Unidos, expresou o seu temor nunha visita a Cantón da denominada sobrecapacidade chinesa que, segundo a visión americana, se intensifica en lugar de minguar. Isto explica a semellanza nas medidas protectoras da capacidade ianqui levadas a cabo polo goberno estadounidense (con Trump e sen Trump) e que en lóxica do sistema económico explican tamén no noso cercano superestado comunitario a igualdade de contido das políticas económicas formuladas despois das votacións entre os grupos socialista e popular na Comunidade. É dicer, en función das necesidades do crecemento dirixido ou capitaneado polos monopolios, a política económica aplícase co mesmo sentido de estado nos USA, na UE ou na República Popular (por lle gardar o nome oficial) de China.
Como queda reflectido do dito até agora, hai unha grande listaxe de preocupacións dos cidadáns que nen aparecen no horizonte dos temas a tratar nas eleicións. Non só dos cidadáns como traballadores, perceptores de salarios, senón algúns outros que por se referir ao capital, poderíamos pensar resoltos, e non están. Así, é o caso da mobilidade de capitais non oligopólicos ou de grande tamaño. Tema sen resolver. Non hai acceso ao crédito para pequenos emprendedores ou para empresas consolidadas a crédito en mercado aberto. Os fondos europeus procedentes de financiamento con facilidades extra ou directamente subvencións vehiculízanse a través dos estados membros sen romper nen tocar as súas composicións internas. De aí que na Galiza poidamos ter a rede máis absurda de comunicacións viarias por estrada e “gocemos” da hipoteca vital de nos mover sempre en transporte privado, con automóbel privado e con accidentes mortais privados. Chegamos por esta relación ao colmo da estupìdez social, iso si, con fondos comunitarios (ou visto doutro xeito, somos demandadores certos de automóbel).
Os asuntos políticos referidos á sanidade ou, mellor dito, á política da saúde nen están nen se esperan. Hai política europea de vivenda? Hai política europea de benestar dos vellos? Dos nenos? Hai política europea de desenvolvemento local? Hai política comunitaria de acollida de inmigrantes única e de longo prazo? Hai política fiscal harmonizada?
A UE está en construción e infelizmente o rol do Parlamento Europeo é tan limitado fronte á capacidade lexislativa da Comisión, que, como proceso que é, leva moi malas perspectivas para os cidadáns traballadores, sexamos galegos, ou de calquera outra nación, nacidos na UE ou inmigrantes.
Sobre este blog
Este blog es el espacio de opinión y reflexión de elDiario.es en Galicia.
0