Galicia Opinión y blogs

Sobre este blog

Vacacións (pagadas) no mar

0

Entre a miríade de estupideces que estamos a ver na longa precampaña das eleccións galegas, inclúese a colección de Alfonso Rueda Ciclista, Alfonso Rueda Humorista e Alfonso Rueda Operador de Telemarketing, porque, como BarbieTM, o noso presidente pode ser o que queira (cando menos na sempre amable programación da RTVG), malia que cada novo anuncio da Xunta parece entrar con forza na lide para ocupar o podio da infamia populista.

Esta semana atopámonos coa imaxe da conselleira de Política Social, Fabiola García, na cuberta dun magnífico cruceiro Costa (como en Costa Concordia) pasando revista a unha ringleira de hamacas, como parte dunha campaña da Xunta para que gastemos os nosos cartos na “aventura de ver mundo”. O de gastarmos os cartos non é porque a señora García nos dea un consello de balde (por exemplo, o famoso adaxio extremocentrista de que “viaxar cura o nacionalismo”) senón porque o que anuncia a tal campaña é, precisamente, que a consellería de Política Social vai gastar os nosos cartos en subsidiar a empresa de cruceiros. Ela explícao con moita máis graza ca min: di que vai ofrecer “a cada xeración de galegos a oportunidade de desfrutar ao máximo de cada etapa, viaxando e aproveitando o tempo libre”, e para tal fin, imos financiar entre todos as viaxes en cruceiros Costa para os maiores de 65 anos e os menores de 30. A xeración do medio está a traballar, ou a procurar traballo, e non ten tanto tempo de desfrutar ao máximo de cada etapa, pero non se preocupen, malo será que non nos caia un desconto para facer o camiño de Santiago en tuk tuk ou para ir esquiar a Baqueira Beret, de aquí ás eleccións aínda quedan cartos para gastar.

O entusiasmo que despregaba nas fotos de prensa o director de vendas da compañía, que vén de asegurar como mínimo un aguinaldo xeneroso este fin de ano, palidecía a carón do da propia conselleira. Normal, con estes días de vento e choiva que levamos, non hai que ser maior de 65 nin menor de 30 para preferir estar nunha sesión de fotos na piscina dun cruceiro atracado en Xénova (a vila italiana) que, poñamos por caso, no Centro de Atención a Persoas con Discapacidade (CAPD) da Coruña, tamén dependente de Política Social, ou nunha das residencias de maiores que, baixo a tutela da conselleira, implantaron un novidoso programa piloto para que vellos sen patoloxías máis alá da propia idade convivan con pacientes psiquiátricos ao coidado de persoal eventual non especializado. Digo novidoso xa que ninguén ousara antes propoñer tal disparate, pregúntense por que.

De todos os anuncios que podía facer a señora conselleira no exercicio das súas competencias, sería interesante que explicase por que a Xunta non construíu nin unha soa das residencias de maiores que o anterior presidente prometera en 2017, ou por que lles ofrece cursos de autodefensa a traballadoras que teñen que coidar de persoas con discapacidade no canto de dotalas de medios e persoal, ou por que segue a adxudicar o coidado dos nosos vellos a DomusVi e San Rosendo, en cuxas dependencias faleceron a maioría de residentes mortos por COVID en 2020, ou por que da súa consellería saen os chivatazos que avisan a esas mesmas residencias cada vez que van recibir unha inspección. De todos os anuncios que podía facer, sen dúbida o máis atractivo é o que se pode facer posando xunto a un director de vendas na cuberta dun cruceiro, unha experiencia que, segundo a publicidade da propia compañía, deixa sen palabras.

O anuncio é atractivo, a empresa sólida (cotiza en bolsa) e os barcos seguros. E, se por un acaso, algún deses cruceiros que van facer de Galicia “unha terra aínda máis viaxeira” (como di a conselleira en enxeñosa alusión ao drama da emigración) ten a mala fortuna de bater contra as rochas e envorcar, non perdan coidado, que Fabiola García, xa o demostrou durante a pandemia, tamén sabe saltar a tempo a terra e poñerse a salvo como o famoso capitán Schettino.