Ugia Pedreira estréase en solitario cun tratado de ecléctica folk: “Levo unha vida crúa, intensa e concentrada. Así é o disco”
A voz de cristal de Ugia Pedreira abre o disco Segmento Cantábrico. Evolúe entre arpexios de guitarra acústica e un sintetizador limpo, tan habitual das músicas do mundo. É unha balada, Ser 1 ser máis, en que resoan os métodos habituais da cantante. Pero nada máis pasar o ecuador, a electrónica aprópiase por sorpresa da canción. “Vivir con poucas cousas, mirarse para adentro, / pousarse nuns ollos, pasar o día enteiro / mirando para a xanela”, canta Pedreira. O ritmo acelérase e emerxe un baixo eléctrico. Son apenas tres minutos e medio pero avisan do que aí vén: un ecléctico tratado de xínea folk e pouco respecto polas fronteiras. De ningún tipo. “Levo unha vida crúa, intensa e concentrada. Así é o disco”, resume a artista para elDiario.es.
Ugia Pedreira (Foz, 1970) entrou por primeira vez nun estudio en 1995. Foi cando Chouteira, o proxecto do que facía parte como vocalista e que practicaba auténtico e tenro folk de verbena, rexistrou o seu primeiro disco. Vintesete anos despois, asina por primeira vez co seu nome. Explícase. “Unha vez tiven unha conversa con Eliseo Parra [investigador e renovador da musica tradicional castelá], que se encargou de producir Folla de lata, o terceiro disco de Chouteira. El sempre me deu moi bos consellos. E díxome: 'Non teñas présa musical, Pedreira'. Fíxenlle caso”, ri. O traxecto ate chegar a Segmento Cantábrico (2022) foi demorado e pródigo en aventuras.
“Lieime con moitos músicos. Nunca me vin líder de nada. Nin son de poñer o meu nome en grande sobre o escenario, como faría Janis Joplin. Interesoume compartir”, relata. Amais de Chouteira, que deixaron tres obras entre o máis sinalado e popular do boom do folk galego dos 90, Pedereira cantou con Marful, en que a tradición se arrimaba ás primeiras bandas de jazz de salón. O único elepé de Ecléctica Ensemble (2008), con Ramom Pinheiro ou Nacho Muñoz, queda para o canon como un dos primeiros e máis audaces cruzamentos entre músicas galegas de raíz e a experimentación electrónica. Con Nordestinas, xunto Guadi Galego e o pianista Abe Rábade, achegáronse ao son ECM co mar como núcleo temático. “Quizais desta vez sentinme menos nena”, asegura, “a gran diferenza é que, neste disco, todas as decisións tomeinas eu”.
Pedreira lembra que o estudio de gravación non era o seu lugar preferido do mundo. “Adoitaba padecer experiencias traumáticas”, di. Porén, en Segmento Cantábrico, converteuse nunha ferramenta máis. “Grazas a Pierre [Yves Rougier, responsábel dos arranxos do disco], useino de maneira máis experimental. Gustoume esta cociña”, engade. Co factor estudio, un regreso á pescuda na guitarra -“o meu primeiro instrumento”-, as tertulias musicais con Roger ou os gustos musicais da súa filla Lúa, construíu un disco dificilmente reducíbel a etiquetas, máis alá da súa propia voz, as sonoridades músicas do mundo, certa produción normativa e o “gusto pola declamación, polo recitado”.
“O meu disco de folk máis claro e transparente”
O que o cronista percibe como certa distancia co folk, talvez a maior de entre todos os seus proxectos, non é compartido pola autora. “É o meu disco de folk máis claro e transparente”, afirma sen dubidalo, “eu son a trobadora. Está inzado de pequenas estreliñas ou focos de luz. Harmonías, escalas, modos, de músicas do mundo: country, melodías do leste de Europa, por suposto a galega...”. Mesmo se atreve a elixir definición, folk progresivo. “Ten un punto de pensamento e análise. Pierre e mais eu somos moi pensadores sobre a música”, sinala. Esa reflexividade trasládaa ao directo. Un dos seus últimos concertos, en Vitoria-Gasteiz (Euskadi), adoptou a forma de repertorio comentado. “Segmento Cantábrico tamén se entende desde un punto de vista antropolóxico, arqueolóxico ou político”, sostén.
Pero nese laboratorio de variacións sonoras, en que os pés mollados no mar, o ruído do motor dun barco ou as ondas físicas emitidas por un tambor percutido fan parte do magma do disco, hai outro elemento fundamental para explicar o eclecticismo. “Abúrrome rápido de min mesma e das cousas que escoito”, afirma divertida, “no disco case non hai retrousos. Obedece á paleta emocional dun día na miña vida”. Que, ademais, adoita estar atravesado pola poesía. A maiores dos textos de confección propia, Pedreira apóiase en poemas de Rosalía de Castro, Curros Enríquez -o célebre Os teus ollos, con música de Castro Chané- ou Carvalho Calero. “Este traballo é tamén unha oda á palabra e aos seus estratos xeolóxicos, como nas pedras”, di. O libreto inclúe, ademais das letras, cinco poemas da súa autoría.
Ugia Pedreira, a súa parella Pierre-Yves Rougier e a súa filla Lúa residen en Castropol, nunha bisbarra galegofalante de Asturias. Con Galicia, Euskadi e a Bretaña, eis os puntos cardinais do que reivindica como Eixo Cantábrico e que considera fundamentais para enxergar a densidade de Segmento Cantábrico. “Entendo que para os galegos, o Eixo Atlántico sexa a espiña dorsal. Para min non. E preciso dese desprazamento para compoñer”, aduce. O centro do mundo é sempre relativo e ás veces é mellor carecer de compás. Pedreira, en todo caso, axuda a orientarse coa advertencia no inserto do disco sobre o que vai a seguir: “É a primeira travesía vinculeira do meu pensamento basal, unha proposta de arquitectura sonora feita poema, spoken e canción”.
0