Este blog es el espacio de opinión y reflexión de elDiario.es en Galicia.
Altri non ten licenza social
Altri, empresa portuguesa titular de tres fábricas de celulosa de pasta de papel, é unha empresa de mediano tamaño en Portugal, de mediano tamaño na Galiza -aquí non sería das grandes empresas do noso tecido-, pequena para as dimensións estándar da economía española e cunha composición accionaral de dominio familiar. De feito, non se pode chamar multinacional polo só feito de ser exportadora e non se pode pretender que sexa portadora de nengún tesouro de tecnoloxía ponteira. Só diriamos que é grande ou moi grande en uso de recursos renovábeis e non renovábeis, en contaminación, en tamaño das instalacións, en ruídos, en cheiros e tamén en necesidades de transporte, ocupando un espazo non proporcional aos beneficios privados e aos sociais da instalación.
Nen sequer ten sabido facer os procesos de novo investimento como sería de esperar dunha empresa de certa envergadura: ten provocado un certo asombro entre a cidadanía galega a celeridade da Xunta declarando o posíbel investimento nunha factoría na Ulloa como de interese e estratéxico, xa que é rechamante que antes de ter un coñecemento sopesado e fiábel do contido da proposta empresarial dada a coñecer á opinión pública, un goberno estexa en condicións de declarar o seu interese, ese futuríbel. O interese gobernativo, neste caso, leva asociado un trato con condicións especiais: exencións fiscais, administrativas e mesmo expropriacións a favor, que, en termos de competencia da Unión Europea, falsean as condicións de funcionamento do mercado interior comunitario, lesionando os intereses doutros actores empresariais do mesmo campo.
Desde que no ano 2021 Altri fixo a primeira aparición como posíbel investidora na Galiza até hoxe, non deixaron de se producir novas en prensa intentando colocar, na opinión pública, unha bandeira favorábel á instalación dunha factoría de produción de pasta celulósica como se chegara a formar parte dun proceso industrial, dunha creadora de postos de traballo ou como parte dun futuro lustroso. E, case desde ese ano referido, comezou a se dar unha contestación social en toda Galiza con inicio na comarca de Ulloa e rematando na ría de Arousa, dando forma a un conflito social. É dicer, neste momento, ante a evidencia de conflito social, Altri ten que asumir o risco social de se enfrontar a unha comunidade, a un país, neste caso Galiza, que se considera afectada como parte interesada por esa instalación.
Ás características dubidosas dun investimento interesante para un país coma o noso, súmase unha outra autenticamente novidosa -no sentido de mala nova-: Altri busca 250 millóns de euros para poder emprender o seu investimento: si, certamente din, sen nengún tipo de reserva, que precisan a fondo perdido 250 millóns de euros para un proxecto de 800 en total. O eufemismo ‘fondo perdido’ só usamos para resaltar que para a empresa son de total disponibilidade e para nós son fondos saídos en última instancia dos nosos impostos, xa que son fondos públicos. Non son escrupulosos: poden ser do Estado, da Xunta ou da UE; a fonte é indiferente, sempre que sexan subvención. Neste século, aínda non viramos conduta destemida semellante. Antes de comezar a actuar, antes do primeiro xesto inversor, xa se precisan fondos públicos por unha cantidade nada pequena. Por exemplo, o gasto orzamentado (Xunta de Galiza, 2025) para axencia de vivenda e infraestruturas é de algo máis de 226 millóns de euros, e para Sergas de Lugo e Ourense 250 millóns.
Este proceso de busca de oportunidades con privilexios inclúe unha serie de anomalías nun Estado democrático: a defensa do proxecto con portavocía incluída do presidente da Xunta, ou da conselleira de Economía (ou todo aquel membro do goberno a quen lle pasen o asunto) da empresa privada portuguesa, ou o exame interno dos proxectos da empresa para ser aprobados pola mesma institución, anuncio de concesións de subvencións directas e outras indirectas con trato discriminatorio para as empresas do mesmo segmento, mofa dos habitantes da comarca, das limítrofes e das restantes afectadas, declarando falsías a respeito do nível de vida dos ulloáns e veciños, irrisión da intelixencia de todos os galegos que ben sabemos o que é unha fábrica de celulosa aínda que a chamen bio-factoría como a de Pontevedra...
Como diciamos máis arriba, hoxe Altri enfrontase a un risco engadido: o risco social creado e non resolvido coas súas pretensións. Certo é que chegados a este ponto das relacións cos galegos, tan deteriorado, a única maneira posíbel de solucionalo é desistir dese proxecto por non acadar licenza social. Altri non ten licenza social para se instalar porque non ten lexitimidade, nen reputación, nen credibilidade nen, por certo, confianza.
O consenso social, ou o plan de xestión social para lograr a eliminación do risco social, enfócase -teoricamente- en cada un dos casos como mecanismo interno de obrigado cumprimento nas empresas para cumprir cos Principios Reitores sobre empresas da ONU. A licenza social indica os níveis de aceptación ou aprobación dun proxecto por parte dos denominados stakeholders e que son, traducidos ao noso idioma, os grupos de interese. A aceptación existe cando os grupos de interese, logo dun seguimento e do estudo do proxecto con casos prácticos incluídos, aceptan que é viábel, que utiliza as mellores técnicas disponíbeis e que é conforme co respeito aos dereitos humanos dos que os ambientais forman parte. A licenza social está ligada, por tanto, á consecución por parte da empresa nos tempos previos ao seu investimento, lexitimidade entre a comunidade para se instalar, reputación recoñecida e garantía de salvagarda dos principios de cautela e desenvolvemento sostíbel. No mundo externo á UE e nos países cun grau de desenvolvemento semellante ao europeo -como é Australia- tense determinado que a confianza é clave para obter a licenza social como paso previo para aceptar e aprobar un proxecto con certo risco social. Sucede, como en todos os procesos de interacción social, que a confianza non se pode comprar, e unha vez defraudada é imposíbel de recuperar. Neste caso os grupos de interese non son os veciños da Ulloa senón todo o país galego e a perda de confianza, a deslexitimación de Altri diante de todo o país, é unha evidencia.
Deducimos que non teñen adquirido moita experiencia en trato cos grupos de interese. No seu relatorio do ano 2023 no apartado “envolvimento cos stakeholders” inclúe as accións desenvolvidas coas comunidades e ONG: doazóns financeiras, apoio solidariedade social, voluntariado, relacións cos bombeiros, doazón de material informático, apoio a escolas, academia de verán e publicar ‘Altrinews’, ter website e realizar o relatorio. É moi mellorábel. E máis, se se pretende gozar de lexitimidade, reputación e confianza nunha comunidade de intereses como é a galega.
Sobre este blog
Este blog es el espacio de opinión y reflexión de elDiario.es en Galicia.
0