Este blog es el espacio de opinión y reflexión de elDiario.es en Galicia.
A AP-9, escándalo e absurdo
Hai dez anos escribín un artigo, “Absurdos galaicos”, que comezaba así: “Ir a Madrid por autovía é gratis, pero para ir de Ferrol a Vigo hai que desembolsar unha cantidade de euros considerable que vai parar aos petos da concesionaria da autopista, unha das máis rendibles de España. Non existe alternativa a ese percorrido que non implique horas de ardua peregrinaxe polas entrañas de Galicia”.
Naquel tempo, estrañamente, a cuestión apenas si merecía atención salvo por un par de individuos da cáscara amarga. Os xornais non parecían considerar que o asunto merecese unha ollada e só de tanto en tanto lle dedicaban unhas liñas desamañadas. Non formaba parte da axenda política ou económica do país. Mentres, a explotación da autopista daba beneficios astronómicos aos investidores. A saber que complicidades explicaban o fenómeno.
Por fortuna, dez anos despois a conciencia dese absurdo é hoxe maior en Galicia. Maior, pero aínda non opera na mente dos galegos a magnitude do absurdo, nin as dimensións do escándalo. Para medilo faría ben o Parlamento galego en crear unha comisión que investigara as circunstancias nas que no seu momento se produciu a ampliación da concesión que fará que ata 2048 non retorne ao dominio público. De paso, alguén podería reflexionar sobre o porqué de que no seu momento unha cuestión tan decisiva non merecese ser posta entre os temas centrais do país.
Non debemos esquecer que Galicia é un arquipélago urbano que está intercomunicado pola AP-9. É na franxa atlántica de Galicia onde está o peso demográfico, o dinamismo económico, o cambio cultural e social máis intenso. Non hai dúbida de que as cidades son o laboratorio do futuro, nin de que é na espiña dorsal que constitúe a Autopista do Atlántico onde está o porvir do país.
Non ten sentido que existan autovías gratuitas a Madrid e que en Galicia o transporte por estrada signifique custes tan enormes. Pero non se trata só de mercadorías ou servizos. Son moitas as persoas que cada día están obrigadas a traballar nunha cidade distinta daquela na que residen -cada vez máis, todas esas cidades forman parte dun único organismo urbano- e teñen a autopista como única alternativa real. A AP- 9 é unha especie de muro que divide Galicia.
As economías de aglomeración favorecen ás grandes capitais ou o espazos nos que as interaccións de todo tipo se multiplican. Nos ámbitos conexos a Galicia, Porto e Madrid están dando pasos de xigante para aproveitar tanto a súa dimensión como a súa capacidade de conexión a unha escala global. A Galicia interésalle tamén unha mellor conexión exterior, en especial co Norte de Portugal -abonda con ver un mapa coa distribución da poboación na franxa costeira- pero resulta ridículo ou estúpido que cargue cun peso coma o da AP-9 nas súas costas.
España é o terceiro país do mundo con maior número de quilómetros de autovías e autopistas ( só por detrás de China e EE.UU.). Pero tanto o AVE como a rede de autopistas responden a criterios políticos centralistas, máis ben que a lóxicas de mercado. Todos os estudos de rendibilidade indican que é Madrid quen se beneficia deses investimentos. Mentres, en Galicia, para dicilo rápido e claro, facemos o parvo, neste asunto coma noutros.
Arredor do AVE hai moita barafunda pero o AVE non sirve para facer Galicia máis competitiva, nin para articulala internamente. Son máis ben os trens de velocidade alta -a distinguir do AVE- os que están chamados a facer ese papel. En todo caso, liberar a AP-9 ten moito máis sentido e significado para Galicia que o AVE. Se as contas non enganan, con corenta quilómetros de AVE podería financiarse a recuperación para Galicia da autopista que une a maior parte da poboación de Galicia por estrada.
Non creo, en definitiva, que poida caber dúbida de que a AP-9 é un obstáculo para a articulación interna de Galicia nin de que grava de modo inxustificado a economía e a sociedade galegas. Repito: de modo inxustificado. Foi no ano 2000 cando o ministro Arias Salgado ampliou o prazo de concesión da autopista ata 2048. A pregunta obvia é: por que? Ata Ana Pastor, cando era ministra de Fomento en 2014, cuestionou a prórroga do goberno Aznar.
Se pode poñerse entre nós algún exemplo de simpático capitalismo extractivo ligado á concesións do Estado a través do BOE -antes denominado Gaceta de Madrid- a AP-9 tal vez merece estar na parte de enriba da lista. (Por certo, nun exemplo máis de portas xiratorias, Arias-Salgado foi designado en 2005 membro do consello de administración de Itinere, a matriz de Audasa, a proposta de Sacyr).
Existía ou existe algunha xustificación económica consistente para unha ampliación do prazo tan desmedida? Segundo o previsto ao inicio, a AP-9, iniciada en 1973, tiña que eliminar as peaxes en 2012. De feito, tres autopistas coetáneas da AP-9 (AP-1, AP-4 e AP-7) finalizaron a súa concesión en 2019, o que sitúa a AP-9 como a autopista de peaxe máis vella de España.
A investigación sobre as circunstancias da ampliación da concesión tal vez axudaría a fundamentar a reversión ao sector público da AP-9. Certamente, a autopista ampliou o seu trazado nunha cuarta parte, chegando ata Ferrol e Tui e ademais liberou diversos tramos da peaxe. Pero parece moi dubidoso que os investimentos realizados pola concesionaria xustifiquen os prazos da concesión, ou os exorbitados prezos que cobra polo uso da vía, por non falar do mal servizo que presta. Ademais, eses cambios implicaron sempre o pago por parte de diversas administracións -Xunta, Fomento, etcétera- de subvencións á concesionaria. Para máis inri, a AP-9 segue sen pagar o IBI aos concellos polos que pasa.
Pero non só o prazo de concesión foi extendido. A autopista foi privatizada en 2003, sendo ministro Álvarez Cascos. Hoxe, Audasa ten no seu capital a dous fondos de investimento -Globalvía e Corsair- que disputan por seren os accionistas maioritarios. En 2019, antes da pandemia, os beneficios netos foron de 43 millóns de euros continuando unha liña pertinaz. Sempre o resultado da explotación deulle aos propietarios de Audasa beneficios magníficos, sensacionais: 216 millóns entre 2015 e 2019.
En todo caso, trátase dun asunto que non é conflitivo, ou que non debera selo, dado que non respecta a ningunha diferenza substantiva entre dereita e esquerda, ou entre nacionalismo e españolismo, salvo que se considere que regalarlle o diñeiro aos propietarios da concesionaria é unha opción política.
Por fortuna para os fondos de investimento e por desgraza para os seus usuarios, a AP-9, que é a columna vertebral do sistema de comunicacións do país, configura unha especie de monopolio que lle permite á empresa impoñer os prezos que lle dá a gaña aos seus clientes. Hoxe a AP-9 ten a dubidosa honra de ser a autopista de peaxe que máis subíu as tarifas en España os últimos tres anos.
Pero, árdelle o eixo, árdelle o carro!, parece que, finalmente, o Parlamento e os partidos políticos o entenden, e, por fin, o martes día 2 de Febreiro de 2021 acudirán ao Congreso a defender a transferencia á Comunidade Autónoma da autopista. Tanto o BNG coma o PSdeG desprazarán a Madrid aos seus respectivos líderes, Ana Pontón e Gonzalo Caballero. O PPdeG, no entanto, enviará a Diego Calvo, portavoz de infraestruturas.
É un paso adiante, pero debería ser o propio presidente Feijóo o que encabezase a delegación popular. A súa presenza axudaría a impulsar non só unha resolución favorable, senón unha rápida e efectiva transferencia da AP-9. Esa capacidade de decisión sobre a autopista, como mínimo, cambiaría os términos nos que está formulada a ecuación e non hai por que dubidar de que significaría un grande paso adiante, como mínimo para poder negociar o prezo das peaxes, evitar subidas abusivas e garantir un mellor servizo e renovación da vía.
Sexa coma for, hai que felicitarse por esa unanimidade pero tamén preocuparse para que non resulte outra cortina de fume máis. No pasado Rajoy vetou a transferencia en dúas ocasións. Ese veto foi levantado polo goberno do PSOE pero hai que recoñecerlle tamén ao BNG a insistencia en defendela. Agardemos que nesta ocasión a transferencia sexa efectiva e que, ao tempo, abra un debate en Galicia sobre a conveniencia de restituíla ao dominio público. Aínda que houbera que pagar peaxe polo menos que os beneficios serviran para mellorar as comunicacións e financiar os servizos públicos.
Sobre este blog
Este blog es el espacio de opinión y reflexión de elDiario.es en Galicia.
0