Has elegido la edición de . Verás las noticias de esta portada en el módulo de ediciones locales de la home de elDiario.es.
Sobre este blog

Este blog es el espacio de opinión y reflexión de elDiario.es en Galicia.

A foto que falta na esquerda galega

La portavoz nacional del BNG, Ana Pontón, en la comparecencia tras cerrar las urnas el 23 de julio

Antón Baamonde

0

As eleccións do 23 de xullo perdéronas, sobre todo, os medios de propaganda e o consenso demoscópico de Michavila & co. Máis aló diso, “derogar o sanchismo” consistiu, como lema, en aplicarlle a plantilla da demonización a Pedro Sánchez, como antes se lle tiña aplicado a Pablo Iglesias e a Puigdemont. Ningún candidato de esquerda e/ou nacionalista tería sobrevivido a unha foto cun narco ou á sucesión de escándalos da charca de sapos madrileña, pero a dobre vara de medir está tan instalada no ánimo colectivo que xa nin se nota. Parece natural.

A Brunete mediática funciona de marabilla á hora de buscar chibos expiatorios nos que concentrar o medo, a ira e o resentimento tanto público como privado. Por iso, tal vez o máis positivo do resultado do domingo pasado sexa o fracaso do ben orquestrado asalto á razón. Esperemos que os argumentos e a moderación do espírito teñan unha oportunidade, máis aló da política das emocións que é o campo de batalla no que se dirimen as batallas políticas de hoxe.

En Galicia, no entanto, os resultados son alentadores para o PP. E un sinal de alarma para os que desexan un cambio de ciclo. PSdeG, Sumar e BNG mantiveron os seus resultados. Non perderon votos. Pero o PPdeG non só sumou os votos que perdeu VOX e os dos desaparecidos Ciudadanos. Cun incremento notable da participación conseguíu que eses votos adicionais fosen para o partido da dereita. Redondeando, cen mil votos. Resumindo: na hipótese dunha convocatoria anticipada das eleccións, o PP tería pouco que temer dos seus antagonistas. Nese sentido, as elecións do domingo son un respiro para o PP e mostrou a súa capacidade de mobilización en circunstancias críticas.

Son evidentes, e veñen de moi lonxe, os problemas para que se produza o sorpasso das esquerdas en Galicia. A dereita está unificada nun só partido e o bloque opositor concorre en tres candidaturas. A lei electoral favorece ao PP. O consenso mediático no seu favor en Galicia é granítico e fabrica derrotismo en cantidades industriais. As raíces do PP, moitísimo menos fortes entre os electores do que foi o caso no pasado, mantéñense firmísimas entre as elites locais.

Todo iso non quita o evidente: que o pobo galeguista e/ou de esquerdas ten un problema coas organizacións que o representan. A diágnose das súas fallas fundamentais está clara. O PSdeG ten un desempeño considerable na esfera municipal e na estatal. Pero o ámbito galego é para os socialistas como un océano profundo no que non queren navegar. Son incapaces de estruturar un partido sólido nese ámbito. No que coñezo, só a etapa de Antón Louro como secretario de organización e Pérez Touriño como secretario xeral buscou conscientemente crear un forte partido galego. Besteiro é mellor candidato que Formoso, pero os socialistas teñen un traballo de fondo que algunha vez terán que abordar.

O BNG, pola súa banda, ten unha líder intelixente e competitiva, pero a organización aínda agarda por un aggiornamento profundo que permita o recoñecemento do BNG como partido de goberno, tanto en Galicia como na gobernación do Estado. O BNG é un partido do sistema, coma calquera outro. Un partido que, ás veces, faino mellor e outras peor. Mellor sería que asumise ese dato, o da súa normalidade, para obrar con intelixencia e despexar todas as incertezas e ambigüidades que, en definitiva, non serven máis que para favorecer o monopolio do PP sobre o poder autonómico.

PSdeG e BNG teñen moito que facer se de verdade queren gobernar. Non poden presentarse as eleccións con ánimo de burócrata ou a ver se toca a lotería. Teñen que merecer a vitoria electoral. Todo o mundo sabe isto. Todo o mundo. Pero o mínimo é isto: elaborar un programa común; mostrar complicidade, mostrar que os seus recursos humanos están calificados para gobernar. Mostrar que Galicia pode saír do seu marasmo e devalo para iniciar unha nova xeira de progreso. Os electores demandan confianza, e hai que darlla. Sería bo que os que aspiran a gobernar a Xunta de Galicia fixeran a foto: esa que os evidenciara unidos e confiables. Estamos esperando por ela. Para gobernar España vimos a complicidade entre Pedro e Yolanda: por que non podemos vela entre Xosé Ramón Besteiro e Ana Pontón?

Sobre este blog

Este blog es el espacio de opinión y reflexión de elDiario.es en Galicia.

Etiquetas
stats