Has elegido la edición de . Verás las noticias de esta portada en el módulo de ediciones locales de la home de elDiario.es.
Sobre este blog

Este blog es el espacio de opinión y reflexión de elDiario.es en Galicia.

Galicia, elitismo, esencias e derrotas

Alberto Núñez Feijóo y representantes de la oposición
18 de julio de 2020 09:49 h

1

A esquerda galega volveu perder de forma clamorosa unhas eleccións autonómicas. Quizais non pensamos tanto niso na noite electoral, baixo a emoción das novidades, algunhas vizosas e outras catastróficas. Porén, pasada a inxesta de números e sensacións, a resaca deixounos con dúas realidades indiscutibles. A dereita gaña con comodidade, Feijóo arrasa e xa é como Fraga, só que as súas partidas de dominó son de hípica en Casas Novas. A outra vez derrotada esquerda, iso si, sementou unha enorme esperanza para 2024.

Con todo, o xornalista que isto asina ten un problema con 2024. Se a saúde resiste, nesas eleccións terá 50 anos. E do medio século, só teria vivido seis anos cun goberno galego de esquerdas. Só seis anos. Pouca cousa. Non é un drama persoal, máis ben un fastidio colectivo que nos atinxe a centos de milleiros de persoas da mesma posición política -en sentido amplo- ás que nos resulta entre inverosímil e deprimente constatar o inalcanzable unha e outra vez do noso goberno máis querido namentres no chanzo municipal ou estatal contamos xa cun repertorio de hits máis ou menos aprezados, pero sempre bailables. A que se debe tamaña descompensación?

Abondan as análises sobre o ocorrido o pasado 12 de xullo. Moitísimas delas atinadas (o nivel xornalístico de Galicia é bárbaro) así que cómpre mergullarse no fondo. Sabemos que Feijóo é un mestre en facer que fai e conta cun enorme aparato mediático afecto; que o BNG ten agora a mellor candidata e un equipo que sabe comunicar fantástico; que o PSdeG ao revés e que a dinámica fratricida e os fracasos locais de Galicia en Común/Mareas parecían buscar a debacle que acabou chegando. Pero os do equipo de veteranos sabemos que, no cómputo global da Liga Galega, os de hoxe pasan polo mesmo que os de onte. Talvez toca mirar ao terreo de xogo.

A esquerda goberna seis das sete cidades, tres das catro deputacións, infinidade de vilas e, ademais, está no goberno central. Na suma das súas tres forzas, venceu con claridade as dúas últimas eleccións xerais hai uns meses. Xa pasou antes. Pero cando chegan as autonómicas, pouco. Seica non toca analizar tan só o contido, senón tamén o continente.

Tamaña diferencia no electorado duns comicios a outros debería facer pensar. A min me saen dúas razóns que, entre outras, poden axudar a explicar -e sobre todo a cambiar- o que pasa coa esquerda no chanzo autonómico. Unha é certo elitismo. Outra, a médula conservadora que sostén o noso autogoberno tal e como se creou e coñecemos.

Sen querer recuperar a estas alturas unha teoría da C.A (Cultura da Autonomía) equiparable á C.T. (Cultura da Transición) que tanto éxito tivo en España hai lustro e moito, o certo é que o autogoberno galego polo que tanto loitou o progresismo ergueuse sobre alicerces moi conservadores. E o alcance desa decisión (totalmente transversal) chega ata hoxe. Cando toca votar pola Xunta, os e as galegas apostan -ou se absteñen- porque é unha disputa que se xoga sobre as regras dunha Galicia que xa non é así na actualidade. A autonomía segue fiel ao mesmo edificio sobre o que se construíu: esencialista e historicista. A hexemonía do actual Feijóo escribiuse sobre un ministro de Franco levando luz eléctrica a Soutomaior, a mesa camilla de Piñeiro, as danzas de Rey de Viana e as Misas do Apóstolo, só que agora se chaman Intermodal, Consellería de Cultura, Arcade Fire no Monte do Gozo e promoción xacobea. Así, a Xunta é campo fértil para a dereita porque, ao contrario que o ocorre cando hai que elixir concellos ou inquilino da Moncloa, existe un enorme sector de poboación que vota en relación a ese marco e que só lle pide ao autogoberno caricias e agasallos. Perfecto para Fraga e, sobre todo, Feijóo. Facilítalles erixirse como unha grande Deputación que encadra ás catro menores, sen responsabilidades políticas, as culpas para outros, en definitiva, unha administración sentimental, case apolítica. O soño de calquera ‘xestor’, o impostado apelido composto que se puxo Feijóo.

Contra esa institucionalidade na que non acaba de poñer o pé, a esquerda segue sen ofrecer un programa distinto, que se adapte á actual Galicia (o que, por certo, non significa renunciar ao rural ou ao -vostedes perdoen- volksgeist, senón simplemente lembrar que hai empresas na Ribeira Sacra que se fartan a vender por internet) e segue aferrada ao escenario que non lle convén. A estas alturas xa é absurdo abrir debates sobre a capitalidade, pero a esquerda segue vendo como tabú falar de descentralización, por iso aos dous triunfadores das eleccións non hai quen os saque de Compostela un 25 de xullo, outra confirmación do marco que se adoita auto-rendabilizar nas urnas autonómicas. Pero se as esquerdas queren implantarse en San Caetano, non pasar uns anos por aí, haberá que asumir a Galicia existente, coas súas cidades e comarcas, sen ghettos moi listos á vez que afastados do común dos mortais. Facer ver que a Xunta ten competencias, que a súa función é gobernar, non botar balóns fóra. Que ten máis importancia que os concellos e o goberno central. Que non é un logotipo.

E se dicimos que ese constructo conservador é o que percibe a maioría que ten o costume de ir ás urnas nas autonómicas, tamén é para que a esquerda galega pise o campo de xogo, non intente voar por riba, máis birretista que os birretes. Talvez ao país real non se lle pode ofertar só dialéctica e perpetuas candidaturas de profesores de Económicas. Algún estudo indica que os sectores máis populares votan masivamente nas autonómicas ao PP. Non sabemos se dá para falar da Galiza Redneck (#EuSon), pero se fose así era ben ter en conta que eses poden e deben ser os nosos. É máis, en gran medida xa o son, en municipais e xerais. Por desgraza, o discurso elitista que aniña en moitas bases da esquerda galega faino complicado. Calquera que tivese cinco conversas en certos ambientes sabe que chamarlle a Galicia “impaís” computa favorablemente. Que dicir frases tan desafortunadas como “que marabilla de país e que carallo de xente” recibe aplausos. Un delirio. Convencer a un país a base de menosprezalo nin entra en ningún manual politólogo e moito menos dos do sentido común. Pero aí estamos, con ataques de superioridade moral que converteron a saída do desconfinamento na gran feira de “inadmisible que se permitan verbenas e non as aulas”, “vaian ás librerías e non ás terrazas” e semellantes, como se unha cousa impedise a outra e, o que é peor, amosando nula solidariedade cos milleiros de camareiros e camareiras, de guitarristas de orquestra, que as están pasando putas pero seica meréceno por non ser tan elevados. Un horror. Alguén imaxina ao PP dicindo tal cousa? Pois non. Mais hai parte da esquerda galega que non o ve, ao tempo que descoñece que hai xente que non quere ir ao mar por moito que lles fales -desde universidades- de “sectores produtivos” porque ese traballo é durísimo. Igual prefiren poñer un restaurante. Significa iso que hai que defender unha Galicia só turística? Non. Pero hai formas de comunicar e dirixirse á base deste país que moita esquerda ten que nivelar, polo menos se queren que non lles chamen clasistas (que ese o gran debate global no campo político, tomémolo en serio porque hai farsantes ultras que se aproveitan desa eiva da esquerda, como sabemos).

Isto é, reformular o marco simbólico do autogoberno para politizalo sen agobiar e ver máis o marabilloso Luar por moito que logo leas a Chomsky. “Ser á vez a cola do paro e a exposición modernista”, que dicía Greil Marcus sobre o punk. Eu quero selo con cincuenta anos. Sen PP na Xunta.

Sobre este blog

Este blog es el espacio de opinión y reflexión de elDiario.es en Galicia.

Etiquetas
stats