Has elegido la edición de . Verás las noticias de esta portada en el módulo de ediciones locales de la home de elDiario.es.
Sobre este blog

Este blog es el espacio de opinión y reflexión de elDiario.es en Galicia.

Esquerda versus dereita ou democracia versus totalitarismo?

El líder del PP, Pablo Casado (d), pasa junto al ministro de Sanidad, Salvador Illa, durante la primera sesión de control al Ejecutivo.

Xosé Manuel Beiras

1

O titular que rotula esta miña matinación expresa o interrogante que suscita no meu caletre a proposta de Pacto de Estado que, ao parecer, pretendería acadar o presidente do actual Goberno de coalición progresista español coas forzas conservadoras, arestora posicionadas de facto nunha executoria de extrema dereita fascista. Porque me pregunto: a dialéctica política en curso durante esta gravísima crise do coronavirus ten o seu eixo primordial na confrontación entre a esquerda e a dereita, cousa normal, con diversa intensidade, en todo rexime democrático, ou ben encerra no seu seo o conflito entre dúas concepcións antitéticas do poder político, e pola mesma entre dous antitéticos modelos de Estado, a saber, a democrático-republicana e a totalitaria-fascista?

A cuestión non me parece menor porque atinxe á índole mesma da contradición en xogo, e por tanto condiciona o plantexamento mesmo da estratexia e os métodos acaídos para afrontala e resolvela. Se o conflito contrapón entre si ideoloxías e intereses sociais progresistas e conservadores, politicamente representados por forzas que asumen, respectan e practican todas elas os valores democráticos -e, a poder ser, republicanos- cabe que, en circunstancias excepcionais, nas que están en xogo as condicións vitais de existencia do conxunto da cidadanía, poñan unhas e outras o valor sobranceiro do ben común por riba dos seus respectivos intereses peculiares e acorden remar xuntas para superaren e resolveren esa situación social e politicamente crítica. Unha vez resolta, reanudarán o normal combate democrático entre elas.

Mais se o conflito confronta entre si unha concepción democrática e outra antidemocrática, ou sexa, larvada ou explicitamente fascista-totalitaria, calquera negociación para un acordo de Estado resultará ser un xogo trucado, porque para un dos interlocutores o obxectivo encuberto non será o ben común cidadán, senón a remuda do poder democrático polo poder totalitario, o derrube ou a subversión das existentes institucións democráticas constituídas. A non ser algo pior: que esas institucións resulten estar xa baleiradas de contido -e que uns e outros xoguen á pita cega con elas, e cos dereitos e necesidades dun inxenuo ou alienado común cidadán.

En cal deses tres supostos encaixa a actual confrontación política no Reino de España? Descartemos o terceiro, malia que, como levo dito e escrito reiteradamente dende hai uns anos, os gobernos e maiorías absolutas do PP levan derrogado na práctica, coa connivencia do Tribunal Constitucional, boa parte das normas constitucionais do Título I relativas aos dereitos e liberdades dos cidadáns, mediante prácticas de goberno e inclusive leis que as conculcaban, nun auténtico proceso deconstituínte operado dende o propio poder político. Descartémolo porque é unha evidencia que as forzas que integran o actual goberno de coalición, e mais todas as que lle prestan apoio parlamentar, non só non están a vulnerar aquelas normas constitucionais, senón que pola contra tentan aplicalas en defensa do común cidadán, e nomeadamente dos segmentos sociais máis desvalidos nesta atroz situación que constitúe un verdadeiro estado de necesidade.

Mais as outras, as da dereita, están a poñer a defensa do común cidadán fronte ao andazo do coronavirus e a grave agresión que conleva ás súas condicións materiais e sociais de existencia por riba dos seus intereses partidistas -incluídos os espurios? Amostran tan sequera sensibilidade moral ou humanitaria perante a desgraza e o sufrimento das xentes, dos seus concidadáns? Ou utilizan e manipulan esa tráxica situación social e humana, mediante un verdadeiro proceso 'sedicioso' -este si- para tentaren provocar o caos e derrubaren o goberno que está a afrontar a crise sanitaria e social como millor sabe e pode nun auténtico estado de sitio político? A inequívoca resposta está a dala a ruín executoria -mesmo 'antipatriótica', por empregar a inversa do concepto que eles invocan arreo en falso- da parella siamesa pepero-vociferante.

Tento comprender semellante conducta antipolítica e anticívica. Tento comprendela alén das banais motivacións do sectarismo partidista, da pitoña egolatría dos aspirantes a duce ou führer de farsa de monifates, da súa ignara estulticie, da súa abisal e pluridimensional incultura, de todas as eivas que se fan visíbeis na epidermis dese abraiante fenómeno. Tento abesullar as causas profundas. Procuro luces máis diáfanas e penetrantes que as escasas e vacilantes miñas propias. E revisito a Hobsbawm, un dos meus grandes mestres. O derradeiro volume da súa magna historia política e social da Europa moderna, o referido ao século XX. E reencóntrome con esta pasaxe: “O que está en crise son as crenzas e os principios nos que se baseaba a sociedade moderna des que os Modernos gañaran a súa famosa batalla contra os Antigos no amencer do século XVIII: eses postulados racionalistas e humanistas, comúns ao capitalismo liberal e ao comunismo, que fixeron posíbel a súa breve e porén decisiva alianza contra o fascismo, que os rexeitaba”.

Precoz e insólita diagnose dunha das causas xerminais da grande crise sistémica que levamos decenios a padecer. Precoz porque foi enunciada hai preto de trinta anos xa, aló polo 1993. E insólita porque, cando os focos da análise se proxectaban primordialmente na crise económica e social, Hobsbawm alumea con eles o nivel axiolóxico da realidade, o sistema de valores da cultura cívica, social e política dos modelos de sociedade nacidos da Revolución Francesa. A crise, alén das súas dimensións económica e política, é a crise dos valores da modernidade que desprazaran aos do Antigo Rexime. As crenzas, principios e postulados “racionalistas e humanistas” que os Modernos, os Ilustrados e os revolucionarios do século XVIII, fixeron trunfar daquela. Principios que Hobsbawm considera “comúns ao capitalismo liberal e -ollo- ao comunismo”, e que, no século XX, “fixeron posíbel a súa decisiva alianza contra o fascismo, que os rexeitaba”.

Noutras verbas, alianza de demócratas conservadores, progresistas e revolucionarios. Alianza anti-fascista, xa que logo. No pasado, claro é. E no presente? Quen foi que dixo aquilo de que a historia dános leccións, mais son poucos os que as aprenden? Aprenderémolas nós? Aprenderánas as forzas que integran o goberno no Reino de España e máis as que o investiron? Se cadra outro día prosigo coas miñas matinacións -se me aturades, abofé-.

Sobre este blog

Este blog es el espacio de opinión y reflexión de elDiario.es en Galicia.

Etiquetas
stats