Este blog es el espacio de opinión y reflexión de elDiario.es en Galicia.
A mutilación dos sistemas públicos de sanidade polas políticas 'de austeridade' resultou ser homicida
A feroz pandemia do coronavirus pon descarnadamente ao descuberto a índole criminal da mutilación dos sistemas sanitarios públicos e universais a prol da cobiza do capital privado. Criminal, por homicida nas súas consecuencias, agora evidentes, e mesmo subxacentemente xenocida. Porque esa constante e progresiva mutilación dos sistemas públicos de saúde, e máis da provisión dos demais bens e servizos públicos e sociais ofrecidos como gratuítos ao común cidadán polas anteriores políticas do welfare-state, coincidíu coa 'grande depresión' que exacerbou as desigualdades sociais, a expansión dos continxentes de 'traballador@s pobres' na poboación ocupada, e non só na desempregada, da cidadanía situada por debaixo do 'umbral de pobreza', do desamparo de xentes anciáns, dependentes e/ou 'sen teito', e así seguido: é dicir, precisamente cando era máis necesario ca nunca afortalar e ampliar a oferta de bens e servizos sociais gratuítos ás empobrecidas xentes do común.
Os máximos e primordiais responsábeis dese crime son os reaccionarios poderes financeiros do capital transnacional especulador e expoliador que controlan o FMI (Fondo Monetario Internacional) e as máis altas institucións, non-democráticas, da UE (Unión Europea) que impuxeron esas políticas ultraliberais, e mais os gobernos que servil ou conniventemente as executaron, agredindo aos cidadáns no canto de defendelos, 'gobernando' contra a cidadanía do común no canto de facéreno a prol das suas necesidades e os seus lexítimos dereitos constitucionalmente consagrados.
Primordialmente, no Reino de España e na Comunidade Autónoma da Galiza, os respectivos gobernos do Partido Popular, presa dunha brutal corrupción xeneralizada en complicidade coa piratería máis desalmada do capital especulador privado. No poder central, Aznar primeiro, saqueando o patrimonio do Estado, a empezar polas máis florecentes e rendíbeis empresas públicas -Telefónica, Endesa, Repsol, banca publica, etc.- e logo Rajoy, saqueando os fondos da Seguridade Social, patrimonio das clases traballadoras, levando ao paroxismo o desmantelamento de servicios públicos e sociais indispensábeis, en maridaxe corrupta co grande capital, protexendo ou amnistiando aos grandes evasores de impostos refuxiados en paraísos fiscais, e baleirando de contido o Título I da Constitución (que regula os dereitos e liberdades básicas dos cidadáns), dende o rexime laboral ou o dereito á vivenda deica as liberdades cívicas de manifestación e expresión, coa connivencia da cúpula do Poder Xudicial, incluído o denominado Tribunal Constitucional.
E na Galiza, os sucesivos gobernos de Núñez Feijóo, que levan once anos a baleirar de contido o Estatuto de Galicia, a destruír os recursos, os ecosistemas e o tecido produtivo do noso país, fontes de vida e sustento da cidadanía, a expoliar os aforros das clases populares, e a mutilar o Sergas a prol de empresas de 'sanidade' privadas que se nutren de fondos públicos e agora desenténdense impertérritas do azoute da pandemia, ou até instigan @s traballador@s a interrumpiren o seu labor de atención aos pacientes, disque colléndose 'vacacións'.
Para culmen da impudicia, eses exgobernantes no poder central, e aínda gobernantes na Galiza, acosan, difaman e calumnian, no Estado, ás forzas políticas progresistas que, no goberno e nas Cortes, están a combater o millor que poden e saben a pandemia, coa precariedade de ferramentas e recursos herdada de aqueles criminais gobernantes do PP. E, na Galiza, tentan facer o equivalente coas organizacións sociais e as forzas políticas que, actualmente na oposición, denuncian e critican, con inmerecida mesura, a estulticie dos gobernos de Núñez. Para os capataces do PP, os cidadáns non son seres humáns: só obxectos, cifras e votos que se compran ou furtan con cartos e estupefaciente. Lévano demostrado abondo nas súas práticas como goberno ou agora, no Estado, como oposición caníbal.
Ningún deses responsábeis todos dos crimes contra o dereito dos cidadáns á saúde e demais bens e dereitos sociais, e mais os seus 'cans de presa' mediáticos, ningún deles debe nin pode ficar impune. Depende de todas e todos nós, cidadáns libres e inmunes á intoxicación polas súas vesánicas patrañas, depende que sexan cívica e politicamente castigados como merecen. Cívica e politicamente, dixen, porque nós, a diferencia deles, non queremos praticar o homicidio, nin sequer cando se opera mediante o 'brazo da xustiza'. Nós, si, somos seres humáns, e non alimañas.
Sobre este blog
Este blog es el espacio de opinión y reflexión de elDiario.es en Galicia.
2