Este blog es el espacio de opinión y reflexión de elDiario.es en Galicia.
Picaresca
Se cadra porque estudei nas monxas, cando lin o Lazarillo de Tormes en BUP, parabamos máis nas pasaxes nas que Lázaro ou o cego enganaban a alguén e moito menos nas partes anticlericais da obra, nas que cregos e frades vivían afastados dos preceptos da igrexa e maltrataban o pobre cativo. A base de episodios cómicos, metéronme no subconsciente a idea de que o pícaro é o pobre, e nunca ao revés. Foi tanto así que na miña vida adulta me sentín mal sempre que tiven conflitos laborais, unha cousa era ter problemas cun xefe, pero se os tiña con todos, como Lázaro, non sería eu a que proviña de vil estirpe? Tardei moitos desgustos e moitos patróns en comprender o que debería ser obvio: que non é un problema de estirpes senón de intereses contrapostos.
A semana pasada, os informativos da TVG dedicáronlle parte da crónica sobre a COVID ao novo protocolo para as baixas laborais, un protocolo que, máis que a motivos sanitarios, obedece a unha imposibilidade de facer máis probas PCR porque, dous anos despois do inicio da pandemia, a atención primaria ten menos persoal ca nunca. Non foi a cidadanía quen pediu ese cambio de protocolo, e desde logo ninguén nos pediu opinión aos traballadores. Porén a primeira conclusión dos informativos da CRTVG era que ía haber “picaresca” na comunicación dos casos de COVID por mor dos autotest. Asumiu a redacción, seguramente sen o debater demasiado, que o primeiro que iamos facer os asalariados ante esa situación imposta era tentar aproveitarnos dela. O curioso é que este prexuízo veña da mesma televisión pública que só uns días antes fora condenada pola xustiza por vulnerar dereitos fundamentais dun traballador, a mesma que picaramente silencia as mobilizacións dos seus traballadores todos os venres negros.
Na reportaxe en cuestión a ninguén parecía estrañarlle a pregunta. Perante unha vaga máis contaxiosa da enfermidade que deixou en evidencia as carencias da sanidade pública, decidimos que o principal problema ía ser a cacarexada picaresca. Malia estar os nosos intereses nas antípodas dos intereses dos nosos patróns e dos patróns da CRTVG, teimamos en presupoñerlle a picaresca ás clases subalternas, e se alguén pon isto en dúbida, sempre hai quen contribúe co conto daquel compañeiro que se zafaba do traballo case todos os días ou da curmá que sisaba das contas da empresa. Elevamos a categoría de idiosincrasia a anécdota e desbotamos por anecdóticos os datos que nos falan da fraude empresarial, mesmo que nolos metan diante dos fociños.
Só no primeiro ano de pandemia, a Inspección de Traballo multou 5.500 empresas por cometeren fraude nos ERTE, nomeadamente por obrigaren os seus empregados a traballar a xornada completa mentres estaban en ERTE e percibindo só o 70% do seu soldo, aboado polo estado.
O sindicalista estadounidense Bill Haywood adoitaba dicir nos seus discursos que se unha persoa ten un dólar polo que non traballou, iso quere dicir que outra persoa traballou por un dólar que non cobrou. Só en 2018, no estado español fixéronse 2,96 millóns de horas extra non remuneradas. 376.000 persoas traballaron por unha morea de euros que non cobraron e, do outro lado da balanza, os seus patróns embolsáronse outros tantos cartos sen gastar un can en soldos e totalmente libres de impostos, pero iso non é picaresca, iso é know-how empresarial.
Mentres tanto, a nosa televisión pública mételle o micro na cara aos viandantes para lles preguntar que opinan da picaresca que vai levar o país á ruína, e eles contestan timidamente, apelando á responsabilidade colectiva (que parece recaer sempre no mesmo colectivo), mentres fóra de plano a camareira do bar da esquina serve os cafés con 39 de febre, porque sen contrato non hai baixa, e o cámara da tele se pregunta se para mañá terá seca a camiseta negra, porque o contador dos venres de folga xa chegou ao número 193.