Este blog es el espacio de opinión y reflexión de elDiario.es en Galicia.
Política económica viciada
Viciada porque non serve ao fin para o que foi proposta senón que mesmo pode ser contraria.
A política económica do goberno español desde a pandemia a hoxe desenvolve unha serie longa de medidas que estimamos contraditorias cos fins perseguidos de crecemento con redución do paro, procura de redución (ou só control?) da débeda pública, axuste do déficit público e, agora, para rematar o cadro sinistro, control dunha inflación engallopada. Tomar medidas racionais de política económica en España, vistos os antecedentes, os débitos imperativos, as marxes de disposición que permite a política da UE, e as tensións (ou hipertensións) intragoberno, é realmente moi complicado.
Para comezar, o PSOE ao igual que o PP non asumen que o Estado español é plurinacional, e de non consideralo pásase a resolver as tensións con concesións ou con tensións políticas permanentes e irresolúbeis por esa vía. Cremos que habería que mudar unha longa serie de cousas para o reconducir, cando menos as accións de política económica, xa que os elementos estruturais da economía española non son abarcábeis (nen hai vontade de facelo) no prazo dunha lexislatura. Referíndonos, por tanto, só á política económica, observamos unha serie longa de problemas que farán máis difícil a saída da crise sen complicacións maiores.
A primeira contradición notábel é entre a necesidade de paliar o paro, cos seus efeitos sobre o total da economía, e a procedencia -natureza- das axudas concedidas a modo de subvencións. Se non hai fontes novas de xeración de emprego, por incremento da capacidade produtiva, e o capìtal reproducido non é reinvestido en actividades directamente creadoras de emprego na economía española, non queda outro remedio que subsidiar os cidadáns na marxe de exclusión social, os atinxidos por paro de longo duración, os dificilmente empregábeis... para non incorrer en accións desalmadas. Unha política económica de paliativos, de curto prazo e indispensábel. Reiteramos: paliativo. Atacar en plena post-crise pandémica os problemas do paro só con paliativos é miope e pode se converter nun destrago en lugar dun gasto útil. Os cidadáns non temos dereito a subsidios, senón a unha vida digna con traballo ídem: é función da política económica se orientar a conseguir a mellor maneira de cobrir este obxectivo. Dar subsidios paliativos non é acción de goberno eficaz, xa que os paliativos son só para enfermos terminais e queremos pensar que esa non é a concepción dos dereitos dos traballadores que ten o goberno de coalición.
Á vez que apuradamente se palía o conflito social e a ausencia de salarios para cobrir as necesidades básicas, someteuse a outra forte tensión a realización de investimento industrial creador de crecemento e emprego. Os fondos Next Generation EU aínda non naceron á realidade industrial. A maquinaria da burocracia ten fagocitado unha boa cantidade de enerxía merecente de mellor uso. Emprego novo e emprego para desempregados está agardando polo feliz desembarco do investimento industrial con fondos europeos. E os meses van pasando e gastando fondos en subsidios, fatigando un pouco máis a débeda pública.
Porén, a gama de subsidios e axudas ten alcanzado neste último tempo o cénit do dispendio: axudas para abaratar o combustíbel (1.150 millóns de euros); axudas (bonos) de cultura para os mozos; axudas para pagar (fogares vulnerábeis) a electricidade (450 millóns); axudas para libros, para viaxar gratis -practicamente- no tren (700 millóns), axudas a vivendas para mozos, axudas para xubilados até para ir de vacacións... O que case é gracioso é que un xubilado noruegués (do mesmo país que lle nega os dereitos de pensión a ex-traballadores nosos) ou calquera turista, pode comprar un bono de tren, encher o depósito de gasóleo do seu coche cunha bonificación de 20/30 céntimos por litro, viaxar en autobús cun bono de residente, receber asistencia médica e pagar os seus impostos todos en Noruega, aínda que viva aquí, de forma intermitente, a maior parte do ano. Eses millóns de turistas que tiveron a ben visitarnos este verán usaron case todas esas axudas finalistas e sen distinguir máis que a moeda en que se paga, que son euros. Tamén usaron esas axudas -porque non ían dicer: eu pago máis que son poderoso- os cidadáns percebedores das rendas máis altas coñecidas, os de rendas un pouco menos altas e os de salario mínimo -calcúlase que en Galiza son arredor de 400.000 persoas, maioritariamente mulleres- , é dicer, unha gloria de política redestribuidora e xusta.
E agora vén a pergunta apropriada: que se pode facer se non se dan estas axudas? Pois algo tan sinxelo, e que fan noutros países europeos, como regular, controlar, inspeccionar, e impedir que se den condutas calificábeis, suavemente, como de estafa colectiva. Só examinando os expedientes que acaban en multas nun organismo público de control e vixiancia como é a CNMC (Comisión Nacional de Mercados y de la Competencia) se pode inferir que unha moi boa parte dos problemas que afloran nese organismo e que deben ser só a ponta do iceberg, serían resoltos con regulamentación das actividades de relación mercantil cos usuarios e consumidores. Nunca como neste momento presente campou a banca polo seu carreiro privado, cobrando cada día de forma abusiva e disparatada sen orde nen control: comisións até por falar por teléfono. Os recibos de consumo de enerxía eléctrica semellan redactados directamente por un experto en estafas con nome de ‘timo de la estampita’. Teñen poder real as empresas eléctricas e saben exercelo.
Logo, o Estado crea subsidios a conta do orzamento público, mais non impede os abusos. Nas relacións mercantís coas empresas de telefonía está presente de maneira habitual o abuso de poder de contratos de adhesión, ademais realizados por teléfono (nesta sección tamén hai multas da CNMC). As posibilidades de contratación controlada dos alugueres son nulas: non é que sexa un mercado libre, é unha especie de subhasta entre desesperados. E das relacións Estado-empresas enerxéticas, só sabemos que gañan sempre as enérxeticas por ampla goleada. Como se pode admitir en razón que, debido á guerra de Ucraína, costen 65% máis os combustíbeis cos insumos subindo moi lixeiramente? Si se explica: os bancos levan gañado no primeiro semestre cifras astronómicas comparadas coas do ano anterior; dos oito grandes, seis gañaron desde un 33% máis que no exercicio anterior; as enerxéticas tamén, as eléctricas rebosan; os fondos donos de milleiros de vivendas andan na procura de aumentaren o parque posuído; e as de telefonía tiveron estes últimos 18 meses o mellor exercicio da década. Agora non vale pensar nos impostos, haberá que atacar a fonte de xeración ilexítima deses ingresos extraordinarios e deses beneficios nunca vistos: exercer como poder soberano.
Viciada porque non serve ao fin para o que foi proposta senón que mesmo pode ser contraria.
A política económica do goberno español desde a pandemia a hoxe desenvolve unha serie longa de medidas que estimamos contraditorias cos fins perseguidos de crecemento con redución do paro, procura de redución (ou só control?) da débeda pública, axuste do déficit público e, agora, para rematar o cadro sinistro, control dunha inflación engallopada. Tomar medidas racionais de política económica en España, vistos os antecedentes, os débitos imperativos, as marxes de disposición que permite a política da UE, e as tensións (ou hipertensións) intragoberno, é realmente moi complicado.