Este blog es el espacio de opinión y reflexión de elDiario.es en Galicia.
Vacinas na Unión Europea
Tendo interese en aprender nas novas situacións, resulta evidente que esta pandemia con forma de guerra está dando moito de si. Mesmo no campo da competencia entre xigantes. Os actores intervinientes no escenario europeo/comunitario son as compañías multinacionais do sector químico-farmacéutico, en concreto Pfizer, AstraZeneca e Moderna, acompañadas de actores secundarios que poden chegar a adquirir papel protagonista. Non obstante, un dos contendentes, AstraZeneca, non figura entre os dez primeiros espadas do mundo neste segmento industrial, xa que entre elas aparentemente só Pfizer aspiraba -inicialmente- a un anaco do negocio (Roche, Bayer, Pfizer, Abbot, Merck, Sanofi, Novartis, Celgene, GSK e Abbvie serían, segundo unha listaxe convencional, as primeiras). Mesmo se dá o caso de que nesta representación os apuntadores (os do vello teatro) saiban mellor o papel que os actores de cuadro e pasen a ocupar persoalmente o escenario. Antes de analisar as relacións Comisión Europea-vendedoras de vacinas, é interesante reseñar cuestións que todo o mundo -con certa responsabilidade política- sabe ou debería saber.
A enfermidade producida polo coronavirus foi declarada pandemia pola OMS o 11 de marzo de 2020. Semella que as industrias farmacéuticas antes do final do 2019 non tiñan noticia de transmisións en humanos do virus. É tamén moi probábel que non tiveran encetado nengún traballo de investigación conducente a unha vacina dunha enfermidade inexistente. É coñecido o empeño político e de achega de meios -mesmo financeiros- que a UE fixo para as investigacións e demais accións precisas conducentes á obtención dunha vacina para a nova enfermidade. En concreto, AstraZeneca recebeu 336 millóns de euros con esta finalidade. Previamente, na vida anterior á pandemia, todas as empresas químico-farmacéuticas que están presentes na Unión Europea participaron de financiamento con recursos en especie e mais financeiros, para levar a cabo os seus proxectos de investigación básica, aplicada e industrial. Por tanto, a colaboración pública coas empresas é unha vella práctica, moi favorábel certamente ao desempeño comercial das mesmas no mercado único europeo. Tamén quedou posto de manifesto que non existe correspondencia, na UE, entre a produción farmacéutica e as necesidades do mercado interior. É dicer, non hai equivalencia entre un servizo público de sanidade e as achegas da industria comunitaria neste terreo.
Por outra banda, a vida económica que as empresas multinacionais desta industria desenvolven nun mercado mundial, está guiada polos obxectivos de crecemento sen limites, para, tendo o máximo beneficio, sobreviveren. Unha das formas adoptadas para cumprir ese obxectivo foi deslocalizar as plantas de fabricación de Europa, e mediante acordos con industria xa existente noutros países (nomeadamente asiáticos), fabricar os medicamentos. Estes procesos son moi diversos e van desde o proceso total até a segmentación en varias fases, que a súa vez se realiza en varios países do mundo. Por exemplo: Singapur-Canadá-UE, India-Canadá-UE, ou China-UE, China-USA e calquer combinación posíbel coas distintas combinacións e componentes. Hai xenéricos que fan ese primeiro circuíto e as vacinas actuais en espera van ser casos máis do segundo tipo.
A semana pasada deuse a coñecer un documento-vergoña do acordo comercial (contrato?) entre a Comisión Europea e AstraZeneca. A Comisión asinaba en agosto de 2020 un acordo comercial (non nos atrevemos a chamalo contrato porque non coñecemos as cláusulas), polo que a compañía se comprometía a entregar (cando?) 300 millóns de doses de vacinas á UE. Amosouse -despois da desfachatez de dicer que era secreto- un documento con máis liñas censuradas que letra interesante: nese intre, inteirámonos de que as normas de boa práctica institucional comunitaria son só para os entes menores e para os cidadáns particulares, porque a Comisión compra, vende e usa fondos públicos comunitarios fóra da regulamentación e sen submeter a nengunha das normas de publicidade, transparencia e concurso entre candidatos con igualdade de oportunidades: quer dicer, contravindo flagrantemente a praxe esixíbel en contratación pública.
A UE sabe, ou debería saber, que AstraZeneca non posúe capacidade fabril no seo da UE para responder ao seu compromiso. AstraZeneca fabrica principalmente medicamentos para as ramas oncolóxicas, cardiovasculares, renais e metabólicas, respiratorias e inmunolóxicas; no territorio UE máis Reino Unido, ten catro factorías: dúas no Reino Unido, unha en Bélxica e outra nos Países Baixos. É evidente, tamén para calquer, incluida á Comisión Europea, que sen mudar dun mes para outro de dimensión, é imposíbel cumprir os compromisos previos adquiridos nas subministracións indicadas e, ao mesmo tempo, fabricar e proporcionar doses de vacinas para o mercado mundial, empezando polo de 400 millóns de persoas na UE. Por estas razóns, ao mesmo tempo (agosto 2020) que se asinaba o acordo coa UE, asínase un acordo de exclusividade coa empresa chinesa BioKangtai para fabricar a futura vacina de AstraZeneca nun monto de 400 millóns doses/ano, e non foi até febreiro de 2021 (02-02-2021) que BioKangtai inaugura unha nova factoría para poder -aumentando a súa capacidade- producir as vacinas encargadas pola anglo-sueca. É case normal (do ponto de vista do pundonor na xestión política) que as condicións do contrato non se fixeran públicas porque a UE fixo de colaborador necesario no tanto que se apontou AstraZeneca na guerra con outras farmacéuticas para lograr unha boa parte do mercado mundial, recén criado, de vacinas. Parte interesante, non só polo tamaño do pedido, senón polo que ten de expresión de poder nos sentidos económico, financeiro e de prestixio. Foi un tanto sobre todo no xogo dos valores cotizados, á vez que unha sobreexposición no mesmo mercado, unha vez dados a coñecer todos e cada un dos pontos problemáticos da súa actuación, coa conseguinte caída de cotización.
Pero a guerra non fixo máis que empezar, e estas son as primeiras batallas. Están por chegar as fusións/absorcións, os novos acordos entre antigas rivais, o xurdimento de empresas procedentes de Asia -agora coas súas marcas- nomeadamente en mercados europeos e americanos. E finalmente, pero non o último, apareceran tamén apoios inquebrantábeis de gobernos a empresas que se di son parte estratéxica do seu tecido industrial. Ficou en evidencia que a escolla da UE no caso desta empresa pecou de precipitación, dunha dose de propaganda incríbel nun órgao supraestatal de goberno, que non só non cumpriu coa finalidade de atender unha necesidade senón que amosou ás claras que a ausencia de regulamentación nunha industria imprescindíbel como é esta, converteuse nunha grande pexa á hora de resolver problemas de saúde, de vida. E, o que pode ser pior, que a aposta comunitaria provoque problemas económicos non desexados noutros segmentos da produción interior da Unión.