Has elegido la edición de . Verás las noticias de esta portada en el módulo de ediciones locales de la home de elDiario.es.

4

Etiquetas

Por primeira vez na enteira historia da humanidade hai máis xente vivindo na cidade que no campo. O ano 2007 foi o punto de inflexión. O século XXI será o tempo das grandes conurbacións, megacidades que serán espazos de oportunidades pero que acumularán enormes problemas de contaminación, salubridade, xestión de residuos, seguridade, etcétera. Esas megacidades poden ser unha das formas dantescas do inferno distópico futuro.

O sistema urbano galego é, pola contra, amable. No borde atlántico, o seu clima é benigno fronte, por exemplo, a Madrid, que se prevé que pode alcanzar en 2050 a temperatura de Marrakech. A onda de calor que os días pasados asolou o sur da península é un exemplo do que pode vir. O tamaño das cidades galegas é aínda humano e depara calidade de vida, aínda que os galegos, que somos de natural atravesados e pasámonos de listos, poñemos moito da nosa parte para deteriorar o medio ambiente e complicarnos a existencia. Sería bo, por exemplo, do punto de vista da sustentabilidade, que as vivendas estivesen menos esparexidas ao chou e que as cidades medrasen con xeito. Os consumos que xera un hábitat periurbano disperso son enormes, en termos de perda de tempo, parque automobilístico, gasto de enerxía e auga e das súas canalizacións, contaminación, etcétera.

Os centros comerciais –o mesmo que o comercio electrónico- prexudican a vida dos centros das cidades. Nos Estados Unidos, os malls -grandes superficies situadas xeralmente na periferia- marcan o estilo de vida. Moitos deses centros comerciais están morrendo. Tamén en España, na Coruña, por exemplo, algúns están quebrando, despois dos primeiros momentos de ofuscación e pasmoneo. Unha visión culta e informada do urbanismo ten moito traballo por diante en Galicia, como en toda España, na que segue imperando unha mentalidade de novos ricos, consumista e destrutiva.

Inverno demográfico

É sabido que o futuro de Galicia preséntase baixo a forma de inverno demográfico. A causa, obvia, é a falta de traballo e de expectativas de futuro. Se algunha cidade está marcada por esa ausencia de horizonte é Ferrol, que leva décadas en crise. A súa contorna é marabillosa, e o know-how dos seus traballadores importante, pero dende os anos oitenta, nos que se levou a cabo a reconversión industrial, ningunha iniciativa conseguiu callar. Nos últimos corenta anos a súa historia é a historia dunha decadencia. En 1981 tiña 91.762 almas, en 2020, 65.560. Ningunha outra cidade galega sufriu unha contracción semellante nestes anos, e talvez tampouco en toda España. A crise do sector naval determinou a súa depresión. Destruíse, dende 1975 ata 2015, o 85,77% da ocupación no sector, uns 13.446 postos de traballo. Se a cidade vai a depender de Navantia non parece que vaia ir moi aló.

A primeira vez, por certo, que fun a Ferrol foi por un premio. Acción Católica deunos a unha morea de nenos unha Cruz de Santiago de plástico para colgar no peito e meteunos nun autobus. Era o período precámbrico da miña vida, alí onde a infancia loce coma un xeranio. Ferrol foi, nesa ocasión, os pavos reais do parque co luxo das colas despregadas; unha pelicúla de vaqueiros no cine Avenida e o brillo do sol quentando as ondas cortadas pola quilla do barco que nos deu un paseo pola ría. A cidade era espléndida.

Un 10 de Marzo, pode que en 1975, xa no instituto e viaxando pola xenerosidade das monxas ursulinas que nos levaban de excursión (pero en realidade era Xosé Lois Ledo co seu 134 amarelo e o que faciamos era ir de manifestación en manifestación e tiro por que me toca) a memoria dá conta das mulleres das Casas da Bazán que nos indicaban, dende os balcóns, por onde tiñamos que escapar da policía que era gris e temo que non moi delicada.

Si, Ferrol é, ou podería ser, un premio espléndido. Paseando polas súas rúas, sentando na Praza do Marqués de Amboage, vénse á mente Cádiz, coa que garda certa afinidade na tremoia urbana, tan cálida e chea de vida. Por que Ferrol non podería ser como ela? Non podería pasarse da Semana Santa urbana ao Carnaval? Os edificios modernistas de Rodolfo Ucha son unha xoia, pero a enteira trama urbana, incluída a arquitectura militar, merece ser unha nave novamente botada. Unha miga de optimismo non é ningún delito que se saiba.

Para iso, claro, hai que atopar a fórmula, que non pode ser máxica. E evitar a degradación da ría, que é unha das máis contaminadas de Europa, asolada por verquidos varios. Ferrol reclama a berros que alguén teña imaxinación e recursos abondo como para evitar a súa degradación. E para iso ten que evitar o monocultivo e diversificar os seus medios de vida. Toda cidade que dependa dun único sector de produción para florecer pende sempre dun fío.

A escala é importante e a estas alturas debería estar claro que a ordenación do territorio e a planificación pública ten que facer da Coruña-Ferrol –a Cidade das Rías de Albalat- unha única área urbana harmoniosa complementando as funcións respectivas. É incomprensible que unha axeitada comunicación por ferrocarril non sexa un obxectivo prioritario. Parece coma se se quixese ter a Ferrol nunha burbulla separada por unha fronteira invisible.

O Ferrol que non volverá

Hai un Ferrol que nunca máis tornará a ser. Ferrol é filla da política naval borbónica, que quería defender as costas das incursións británicas e protexer a carreira de Indias, o tráfico comercial con América e as colonias. A cidade foi construída por enxeñeiros militares –Cosme Álvarez, Jorge Juan- con trazado hipodámico, racionalista e xeométrico, na liña do urbanismo da Ilustración, coma un asteleiro e un arsenal. En Ferrol fíxose a botadura do primeiro barco a vapor de España en 1858, a do primeiro barco con casco de ferro en 1881 e en 1912 Alfonso XIII asistiu á botadura do primeiro acoirazado.

Non cabe dúbida, en fase máis recente, da capacidade dos asteleiros para construír buques cun I+D+i notable. Pero a industria naval ten límites evidentes no mundo global. A industria da construción naval mostra unha competencia global a nivel mundial, con China, Corea e Xapón á cabeza en cota de mercado. Por iso, nas últimas décadas, a industria naval europea tivo que transformarse nun sector moi competitivo en tecnoloxía punta, claramente orientado a obter produtos moi innovadores, pero con menor peso do capital humano.

É certo, con todo, que os gobernos centrais ou a mesma UE poden favorecer outros asteleiros instalados en lugares con maior capacidade de presión política. A capacidade de incidir da Xunta e, posiblemente, as ganas de facelo, son escasas, pero con todo a longo prazo habería que pensar noutras industrias e non dar por perdida a batalla dunha reindustrialización diversificada. As fragatas F-110 darán traballo a partir do ano que ven ás auxiliares do naval de Navantia, e ben está, pero a longo prazo hai que ampliar o foco.

Nunha conferencia de 2011, Ferrol, ayer y hoy. De la urbanización inicial del siglo XVIII a la actual ciudad del XXI, o xeógrafo Enrique Clemente, xa desaparecido, subliñaba o eterno problema de Ferrol, a súa excesiva especialización:

“Este grave problema estructural ya fue advertido a finales del siglo XIX por el prestigioso geógrafo francés Eliseo Reclus, cuando visitó Ferrol en uno de sus frecuentes viajes por el mundo: según el estado de la Hacienda española y el desarrollo de sus escuadras, El Ferrol ha aumentado o disminuido de población, siendo tan pronto una colmena desbordante por la muchedumbre de sus trabajadores, como viendo crecer la hierba en sus calles desiertas”.

Certamente, Ferrol tivo momentos de esplendor. O historiador da Arte Alfredo Vigo Trasancos no excelente traballo Esta Obra Sublime é o sinal dun Gran Rei narra como foi durante o mandato ministerial do Marqués da Ensenada, coa aprobación do rei Fernando VI, que se comezou a construír o porto de guerra máis importante de España: “Foi un proxecto arquitectónico e hidraúlico de carácter excepcional que debe ser considerado entre os máis importantes no seu xénero entre os levados a cabo na Europa do século XVIII”. Don Zenón, por certo, comenta Trasancos, “manifestou sempre unha extraña fascinación polo luxo desmedido, produto tal vez da crenza de que a imaxe é unha cuestión cargada de símbolos que non pode ser desprezada” e do que dá boa conta este curioso texto:

“Pero por una anomalía o contradicción extraordinaria del espíritu humano, este hombre [Ensenada] religioso, modesto y desinteresado, gustaba de la magnificencia y del lujo en su persona y trato; hasta un punto que ya tocaba en extravagancia. Sus camisas se cosían y planchaban en Paris. El día de corte o de gala se presentaba en Palacio con más cruces, diamantes, conde- coraciones y cordones que ningún Grande de España. Valuábase entonces en 500.000 duros lo que llevaba en su persona. Cuéntase que en cierto día le manifestó el rey su sorpresa al ver el subido precio de sus adornos, y que el Marqués le contestó: «Señor, por la librea del criado se ha de conocer la grandeza del amo»”.

Martín Fernández de Navarrete,

Estado general de la Armada del año 1829

Os barrios da Magdalena e de Esteiro representaron a dualidade social aparellada a ese destino. A fronteira entre os dous barrios era o límite entre dous universos segregados, o dos oficiais da Armada, e o dos traballadores da construción naval. José María Cardesín en Historia de dúas Cidades. A Memoria de Ferrol, entre a Mariña de Guerra e a clase traballadora, dá conta dos esforzos decimonónicos para buscar alternativas a esa segregación e á dependencia da Armada que continuaron despois da transición democrática e do impacto da reconversión naval. Con todo, non se debe incorrer no erro de pensar que a Armada é sinónimo de reacción. En 1872, Bartolomé Pozas proclamou en Ferrol, catro meses antes que no resto de España, a República federal. En 1936 o xefe do Arsenal ferrolano, o contralmirante Azarola que se mantivo leal á República, foi fusilado por dous subordinados. Outros 185 militares acompañárono no seu tráxico destino.

Con todo, Enrique Clemente facía, na conferencia aludida, máis que establecer unha diagnose: entraba no terreo da proposta e intentaba imaxinar un Ferrol futuro propoñendo un sistema de coordinación e planificación estratéxica aplicado á xestión directa da necesaria e urxente renovación urbana e funcional de Ferrol similar ao aplicado en Bilbao e que vai moito máis aló do famoso efecto Guggenheim. Claro que o PNV ten un nivel e un grado de eficiencia na xestión que distan dos que caracterizan ao PP galego.

Nun traballo de máster, Shrinking cities. El caso aplicado de Ferrol, a tamén xeógrafa Alba López intentaba abordar o problema da contracción da cidade ao tempo que facía unha Proposta de boas prácticas para a xestión do shrinkage. Unir administrativamente Ferrol cos concellos circundantes -Narón, Fene...-; diversificar a actividade económica; abrir a cidade ao mar e promover o turismo, son algunhas das propostas, sobre as que cabe dicir que son evidentes por si mesmas.

A cenoura dos Next Generation

Dende os tempos da reconversión, iniciada en 1983 por Solchaga, ministro de Felipe González, Ferrol foi inundada por acrónimos –GAEI: grandes áreas de expansión industrial, ZUR: zonas de urxente reindustrialización; ZID: zonas de industrias en declive- pero, en definitiva, nada consistente naceu da logomaquia nin dos fondos usados sen criterio. Agora Feijóo anuncia o seu Pacto de Estado por Ferrol que está sendo recibido coa natural incredulidade que dá a experiencia. Os oito eixos que propón o plan son, de feito, un novo remix acompañado da nova cenoura dos fondos da Next Generation.

Pero, en realidade, non hai moitas ideas, ou as que hai insisten en considerar a bisbarra coma un pozo no que ensaiar novas formas de degradación ecolóxica. As eólicas están ben dentro dunha orde pero poden ser a nova versión dos pantanos de Franco con escaso retorno para Ferrol ou para Galicia. Producir enerxía para que a consuman xa sabemos onde sen que o territorio produtor nin tan sequera goce de prezos diferenciados non é de recibo.

Outro exemplo de aparente mirada estreita. A construción do porto exterior de Ferrol fíxose para levar carbón para a súa combustión na central térmica das Pontes. Sucede que a central pechou por inviable. Tampouco era viable nin económica nin do punto de vista medioambiental a alternativa da queima de lodos e biomasa para sostela. A pregunta é: tiña sentido facer unha infraestrutura tan careira para unha empresa de caducidade previsible? E tamén: con que criterios planifican os planificadores? Realmente saben o que fan? Cal será a súa función agora? Claro que o porto exterior da Coruña, situado a dez millas naúticas, bate todas as marcas planetarias do absurdo. Mil millóns de euros de investimento e 300 de débeda. Pero todos os problemas que se apuntan sabíanse perfectamente antes da súa construcción.

Os gobernos teñen algo que achegar ao futuro da bisbarra. O primeiro, xa o dixemos, algo nada fácil: crear unha miga de optimismo. O segundo labor é definir opcións económicas viables, non baseadas na degradación do medio ambiente. As ideas son importantes, e a súa falta ten consecuencias. A reindustrialización da UE, agora que a pandemia acentuou unha inflexión nos esquemas da globalización, e puxo en evidencia os problemas da cadea de subministros, pode ter un avatar en Ferrol. Xerar un crecemento intelixente, sostible e inclusivo está entre os obxectivos a alcanzar. Se a nova ministra de Transportes se decide a impulsar un tren do século XXI que una Ferrol e A Coruña habería que facerlle un monumento.

Etiquetas
stats