Has elegido la edición de . Verás las noticias de esta portada en el módulo de ediciones locales de la home de elDiario.es.

Luísa Villalta, a poeta que escribía a cidade en tinta de mar

A poeta Luísa Castro co mar da Coruña ao fondo

Daniel Salgado

2

Os catro libros de poemas que publicou en vida recollen unha viaxe. A que vai de certa abstracción conceptual a un expresionismo urbano e nostálxico. “Dos meus beizos caen palabras desmaiadas / como soños que xerase o movimento”, escribe. Morreu dunha meninxite en 2004 na Coruña, onde nacera. Tiña 46 anos. Pensar é escuro, título extraído dun verso con ecos heraclitiáns -confesa o editor-, reúne por primeira vez nun só volume a poesía édita de Luísa Villalta. Autora ademais de narrativa, teatro e ensaio, a súa obra densa pero ingrávida, sostida nunha sintaxe estrañada, respiraba como río subterráneo. “Tinta do mar, escrebo”, di nun endecasílabo de Música reservada (1991), a súa estrea.

Ningún dos seus libros estaba localizábel en librarías. Malia que no seu día recibiron atención crítica e un premio daquela tan prestixioso como o Espiral Maior, a súa morte temperá difuminou, dalgún xeito, o seu rastro literario. “Non creo que a súa escritura estea esquecida”, matiza o editor de Pensar é escuro (Galaxia, 2023), Armando Requeixo, “pero si que só agora comezamos a dimensionar a súa figura, unha das máis completas da literatura galega dos últimos anos”. A da poeta de fin de século, engade, que se inicia no medio ambiente culturalista da xeración dos 80 -nos termos críticos usuais- pero que evolúe cara a posicións máis próximas ás escritoras que, nos 90, eran novas.

“Parece mentira o vento / o santo Sampedro que se levanta do mar / acaneando sobre a gadoupa cravada nas Illas / e vén vendarnos o Pé encetado pola Rata”, di en Oeste (céfiro), un poema de En concreto (2004), o libro que anunciaba unha viraxe na súa obra, celebraba a Cidade Alta -A Coruña- con poemas de alento amplo e visionario e que saíu ás poucas semanas da súa morte. Foi o xurado que lle outorgou o Espiral Maior quen mencionou o “carácter expresionista” dunha poética que ía deixando atrás a claridade opaca e metafísica de Música reservada ou as meditacións en non lugares de Ruído (1995).

“A miña lectura é que se trata dunha poeta da Xeración dos 80 que evoluciona en converxencia coa dos 90, pero o núcleo central son visións dos 80”, sintetiza Requeixo. O que indica un culteranismo que por veces roza o hermético, vinculado ás músicas académicas e as súas linguaxes -Villalta era, ademais de filóloga e profesora, violinista de primeiro nivel, membro da Xove Orquestra de Galicia e de varios grupos de cámara-, do que aos poucos comezaba a despoxarse. Así e todo, mantívose más ben afastada da corporeidade e o coloquialismo que identificou a parte central das autoras e autores que viñeron despois dela. “Para min é un exemplo paradigmático de que o esquema xeracional habitual non sempre se axusta ás poetas. Luísa Villalta foi unha creadora de fin de século, de tránsito de milenio, que foi mudando a súa estética”, asegura, “non lle acae ben etiqueta ningunha”.

O mutismo editorial non impediu, porén, a pegada da súa obra, considera o tamén crítico Armando Requeixo. El percíbea en “poéticas conceptuais, transcendentes ou ontolóxicas” da poesía galega actual. Villalta era explícita ao respecto de incorporar “pensamento denso” no poema: cita a Adorno, Nietzsche, Hegel, Sartre ou Lukács. Tamén a forma se metamorfosa. Se Música reservada empeza cunha serie de sonetos, En concreto esténdese en versículo libre. Por caso, en Sul (austro): “Que foi da Meniña das Trenzas / boneca afogada no meio do día anacrónico / Que foi que se faría / daquela branca vellés grosa e lúa colapsada nos quince”.

Ao editor de Pensar é escuro. Poesía reunida (1991-2004) precupáballe, en todo caso, o acceso dos novos lectores a Luísa Villalta. “Probabelmente infiltre ou permee novas voces. Moitas estéticas encontran unha avanzada na súa creación”, especula. A reivindicación comezara anos atrás. En 2016 o Concello da Coruña aprobou dedicarlle unha rúa e o pasado ano a agrupación crítica A Sega dedicoulle o Día das Galegas nas Letras. O Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidade da Xunta de Galicia -que dirixe o propio Requeixo- garda o legado da escritora, cedido pola familia. “Hai moito material poético inédito, bosquexos ensaísticos, unha peza teatral e moita escrita diarística”, revela, agora sometida a estudo e ordenación. “Tiña unha brutal forza interior e unha escritura magmática”, resume. “Os nomes somos nós / e cando acenden os seus rótulos atávicos / as aspas dos muíños derrubados / marmullan o farelo afirmativo do futuro”, din, de feito, os últimos versos do seu derradeiro libro.

Etiquetas
stats