Alfonso, convócame aí unhas eleccións!
A campaña! Señoras e señores! Hoxe comeza unha campaña electoral. Por que? Pois porque o pobre do Alberto Núñez Feijóo perdeu as eleccións do 23 de xullo. E claro, o home quere desquitarse da derrota. É comprensible. Así que lle dixo a Alfonso: “Alfonso, convócame aí unhas eleccións, que seguro que en Galicia non nos damos un trastazo”. “Ademais ti, aínda que leves de escudeiro meu e de vicepresidente da Xunta dez anos longos, tes que estrearte”.
Xa se sabe que o PP é un partido moi da escala funcionarial, Feijóo ascendeu a candidato despois de ter sido o segundo de Manuel Fraga e Alfonso Rueda, despois de chupar roda, valga a redundancia, máis de dez anos detrás. Detrás de Feijóo, concretamente. E entón foi nomeado como substituto. Non é que rasquen moito a cabeza, a verdade.
O caso é que Alfonso, sucesor designado, lle diría a Alberto: “Alberto, por supuesto!”. E Alberto: “Tenemos que derogar el sanchismo o Ayuso me va a derogar a mí”. “El sanchismo es malísimo, sube el colesterol y se apoya en el porno para confundir a los españoles”. “Y encima pacta con Puigdemont, que tiene flequillo y parece un San Francisco, en vez de ser un calvo honrado como nuestro Miguel Tellado”.
E aquí estamos, metidos en campaña. Non sei se Alfonso as ten todas consigo. As campañas cárgaas o demo. Ata os medios da dereita máis conspicua dubidan.
Leo en El Confidencial: “O PP encara a campaña con enquisas que ameazan a maioría absoluta”. Como son! Con estes amigos para que queres inimigos! E por riba afirman que o da amnistía á maioría do electores de por aquí sópralla, e que Alfonso non convence nin os fans! E ata contan que Feijóo levou ao seu equipo para Madrid e que aquí quedaron os maletas. Como son estes xornalistas! Que cousas contan! Para iso, case mellor leo elDiario.es!
Claro que ler El Debate, xornal ligado á Asociación Católica Nacional de Propagandistas e dirixido por Bieito Rubido, antigo director de La Voz de Galicia, tranquiliza e facilita a dixestión: unha manzanilla, por favor! El Debate informa de que Alfonso Rueda vai gañar as eleccións e destaca que o programa do PP inclúe “loitar contra a resistencia aos antibióticos”. O titular aconsella, de todos os xeitos, consultar o programa completo do PP para as eleccións de Galicia, que inclúe 183 paxinas e 870 medidas. Pero do programa xa falaremos. Onte quedei durmido, enfebrecido e poseso, na 323 cando xa comezaba a clarexar a mañá.
0