Has elegido la edición de . Verás las noticias de esta portada en el módulo de ediciones locales de la home de elDiario.es.
Sobre este blog

Este blog es el espacio de opinión y reflexión de elDiario.es en Galicia.

Están abertas as eleccións?

Antón Baamonde

0

Está o resultado das eleccións máis aberto do que deixan translucir as enquisas? É unha pregunta que cabe por moi distintos motivos. Primeiro, e sobre todo, porque non hai experiencia previa dunhas eleccións no verán e, menos, no medio dunha pandemia. Segundo, porque hai un elevado número de electores indecisos, o 31,6% segundo o CIS. Terceiro, porque o incremento dos rebrotes, ou das noticias sobre os rebrotes, pode prexudicar a participación do baluarte máis firme do PPdeG: os electores de máis de 60 anos.

Hai que lembrar o contexto previo: o ano pasado o PPdeG levou tres trompazos seguidos, dous nas eleccións ao parlamento español e outro nas eleccións locais. Nas eleccións xerais, cousa inédita en Galicia, a diferenza entre as opcións de esquerda e/ou nacionalistas e o bloque de dereitas -PP, C´s, VOX- foi de 8 puntos porcentuais. Nas eleccións locais, Arteixo é a vila máis grande gobernada polo PP. Ata en Vilalba perdeu as eleccións. Iso da idea do cerca que está, ou estivo, do precipicio.

Convén dicilo con todas as letras: o PPdeG está moi lonxe de ser o partido que foi en Galicia con Fraga e Cuíña. O feito de que Feijóo esconda as siglas do seu partido e intente identificarse con Galicia é un recoñecemento de como están as cousas. Hoxe o PPdeG é un partido coma outro calquera. Non é aquel partido-réxime, de outrora, nin o PNV de Galicia, de tan forte raíz. O seu peso vai empequenecéndose conforme pasa o tempo. Antes das últimas eleccións municipais un alcalde popular dunha vila media indicaba melancólico: “Morréronnos seiscentos votantes”. Os resultados confirmaron o pesimismo das súas expectativas.

A evolución comparada dos resultados das distintas eleccións dende o cambio de século, con algunhas idas e vindas debidas aos ciclos políticos, mostra esa liña xeral. Como mostra o mapa electoral, pouco ten que facer nas cidades do país. O que lle dá o seu plus, e o que fai que apareza ante os ollos dos cidadáns como a mesma natureza das cousas, é o feito de reter o poder da Xunta durante case corenta anos e, a través dese poder, focalizar recursos e influencia.

Que a prensa sexa case unanimemente de dereitas e lle faga o xogo contribúe a dar esa impresión que se desfai nas conversas no traballo e na rúa. A prensa galega tende a ser moi didáctica: se o fai Feijóo está ben e, se non, está mal. É moi acérrima, a prensa. Hai moito conservador en Galicia, e moi fero, quen pode negalo, pero a outra metade, a progresista e nacionalista tamén existe.

Antes da pandemia, de feito, as enquisas indicaban que a súa maioría absoluta pendía dun fío. Non lle beneficiaba ao PPdeG a división da dereita en tres opcións nin o clima irrespirable da política española inducido por Casado. Por iso a súa liña de conduta, razoable, foi poñer no recanto da irrelevancia a VOX e Cs para concentrar o voto da dereita e, ao mesmo tempo, abrir xogo ao centro e á esquerda, buscando a ese votante cauto que quere estabilidade e que o último que desexa é unha sociedade encabronada, como neste momento o é a sociedade española.

Se un se atén ás enquisas, o primeiro obxectivo está logrado. VOX e C's móvense apenas entre o 1 e o 2% das expectativas de voto cada un. Está claro que vai a haber voto útil na dereita polo horror que lles causa a posibilidade dun goberno de coalición. Para o segundo aspecto véxase o estraño caso do programa do PP. Se o len, comprobarán que, para unha persoa non experta en matices, e mesmo para unha clarividente, resultaría ben difícil de distinguir dos programas dos seus adversarios. O Feijóo-Xano ou bifronte é unha constante.

Polo demais, non é por azar que o PP de Casado teña reducido nos últimos días a belixerancia para abrir paso a unha atmosfera máis apracible. É, sen dúbida, porque esa atmosfera de polarización prexudica as opcións de Feijóo. O control dos tempos é a primeira materia do curso en política. E en Galicia, polo menos de momento, non gustan eses excesos retóricos que poden ser xerme de conflito social. O elector galego soe ser moderado e liberal, no vello e nobre sentido da palabra.

Iso non quere dicir que Feijóo non puidera beneficiarse da atmosfera de radicalización inducida polo PP. Escribe Ignacio Sánchez-Cuenca que os datos confirman que a estratexia de crispación da dereita tivo certo éxito, “coa peculiaridade de que é a clase alta a que mostra maior irritación co Goberno”. Os datos do Eurobarómetro mostran, que “en España nin a educación, nin o xénero, nin a educación, nin a idade, nin o feito de vivir con fillos na casa, producen grandes diferenzas na valoración do goberno. Pero a clase social si que produce cambios importantes”.

Feijóo capitalizou tanto o enfado da dereita túzara como a percepción, para ánimos máis mornos, de que foi eficiente a resposta ante o virus, a pesar de que a xestión nas residencias privadas e as consecuencias na taxa de mortalidade dos recortes sanitarios abra un grande espazo para a crítica.

Pero, en definitiva, a xestión da pandemia deulle, diso non cabe dúbida, aire a Feijóo. Sucedeu en toda España: a valoración da acción das administracións sanitarias das comunidades autónomas foi ben avaliada, pero non así a xestión do goberno central. A positiva evolución da crise explica a mesma convocatoria do 12 de Xullo. Ningún goberno convoca eleccións para perdelas.

Iso non quere dicir que non poda haber imprevistos. O pobre debate electoral do luns, cunha cota de pantalla do 15'8%, mostrou unha certa sintonía entre as forzas chamadas a formar un goberno de coalición se o PP resulta, finalmente, perdedor. Esa é a liña que interesa máis a PSdeG, BNG e Galicia en Común. Non pode haber cambio político se o elector non recibe dúas mensaxes: a primeira, que o resultado non está decidido de antemán, a segunda, que é posible e desexable un goberno alternativo para encarar os retos futuros de Galicia. Tal vez chegan un chisquiño tarde a esa estación, pero nunca se sabe.

Sobre este blog

Este blog es el espacio de opinión y reflexión de elDiario.es en Galicia.

Etiquetas
stats