Has elegido la edición de . Verás las noticias de esta portada en el módulo de ediciones locales de la home de elDiario.es.
Sobre este blog

Este blog es el espacio de opinión y reflexión de elDiario.es en Galicia.

Financiamento autonómico: de Peter Pan a Carlos Marx

El presidente de la Xunta, Alberto Núñez Feijó (c) preside la reunión con otros siete presidentes autonómicos.

0

Oito presidentes autonómicos teñen cita estes días en Santiago de Compostela coa intención de facer avanzar a reforma do modelo de financiamento, caducado en 2014. É unha boa nova, por motivos varios. Así, no fondo trátase de elevar o monto dos recursos destinados ás funcións de gasto que definen, aínda que non en exclusiva, o noso sistema de benestar. Pero tamén porque o funcionamento actual do modelo constitúe un dos alicerces do equilibrio territorial en España. E, por último, a procura pluripartidaria de solucións non está sobrada de exemplos.

Un primeiro acordo será doado de acadar: as autonomías de réxime común precisan recursos adicionais -certo- e debe ser a Administración central a que faga o esforzo de provelos -non tanto. Matizo isto porque as comunidades contan xa desde hai anos con instrumentos impositivos que lles permiten axustar os seus ingresos ás decisións de gasto (IRPF, Sucesións, Patrimonio, Transmisións Patrimoniais…). E a facenda central vai estar nunha situación tensa nos vindeiros anos, cando deba facer fronte ás demandas crecentes de gasto ocasionadas polo avellentamento poboacional afrontando un imprescindible proceso de consolidación do déficit. Nos últimos anos, ademais, asumiu boa parte da carga financeira da débeda autonómica (desde 2012), ou a propia débeda (durante a pandemia). Caberán tamén as demandas das comunidades autónomas de réxime común? Si, sempre que saia adiante unha reforma tributaria que amplíe a base fiscal e produza rendementos serios, cunha distribución adecuada entre os diversos niveis de goberno.

Os oito presidentes autonómicos deberían deixar de ver na facenda central a única autoridade tributaria relevante e superar o seu particular síndrome de Peter Pan para explicar como obterían os recursos que demandan, usando os instrumentos de que xa dispoñen ou facéndose responsábeis dos axustes no sistema impositivo.

Un ámbito adicional de reflexión, a priori máis controvertido, será o da distribución dos ingresos totais asignados ao nivel autonómico entre as diferentes comunidades de réxime común. Carlos Marx fabricou, na súa Crítica ao Programa de Gotha, unha fórmula maxistral para a equidade: que cada un aporte segundo as súas capacidades, que cada quen reciba en función das súas necesidades. O resultado suporá que o goberno de cada territorio disporá da mesma cantidade por unidade de necesidade, con independencia das capacidades tributarias respectivas. Partindo de realidades económicas e sociais moi diversas, establece un poderoso mecanismo de nivelación entre comunidades, que atende ademais á influencia sobre o gasto das características da poboación (a idade, por exemplo) ou do poboamento (a dispersión, verbi gratia). Esto xa existe, aínda que con manifestas imperfeccións. As decisións sobre a intensidade da nivelación practicada (total ou parcial) ou sobre as variábeis que aproximen mellor custes unitarios e necesidades de gasto para cada función (sanidade, educación, incluída a universitaria, política social ou o coidado do territorio) farán posible optimizar o funcionamento do modelo, partindo do actual.

Agora quizais entendamos mellor porque Madrid, Catalunya e Balears non están entre as comunidades convocadas: son aquelas que gozan de maior capacidade tributaria por habitante e polo tanto as máis reactivas fronte á nivelación total. Pero tampouco están convocadas Murcia, Andalucía ou a Comunidade Valenciana -seguramente os territorios peor tratados no modelo actual. A aposta pola equidade que algún defendemos non debería ser un pretexto para protexer posicións de privilexio herdadas sen xustificación presente. Por máis que o realismo político aconselle que os axustes nas favorecidas teñan lugar mediante un proceso demorado.

En fin, a defensa da igualdade plena grazas a unha nivelación eficaz e un cálculo correcto de capacidades e necesidades é compatible coa asunción responsable do deber de todo gobernante: explicar á cidadanía que non hai comidas gratis, e que unha administración que coida ben das persoas esixe un sistema fiscal poderoso. Por aí debería transitar a fórmula para desbloquear unha reforma imprescindible.

Sobre este blog

Este blog es el espacio de opinión y reflexión de elDiario.es en Galicia.

Etiquetas
stats