Has elegido la edición de . Verás las noticias de esta portada en el módulo de ediciones locales de la home de elDiario.es.
Sobre este blog

Este blog es el espacio de opinión y reflexión de elDiario.es en Galicia.

Fraude da Xunta de Galicia con 1.200 traballadoras

Protesta de trabajadoras del Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar

1

As profesionais das escolas infantís, dos centros de día e das oficinas de Inclusión do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, están en folga indefinida dende o pasado xoves día 18. Son, todas, traballadoras que accederon a postos estruturais de traballo segundo as vías legais polas que a Administración optou no seu día. Unha folga lexítima en defensa dos seus postos de traballo que levan ocupando nos últimos 14 anos e que convoca a CNT.

O xerente do Consorcio recoñece, en sede parlamentaria e en contestación a preguntas do PSdeG, o abuso e a fraude cometida con estas traballadoras durante tantos anos nunha Administración cunha temporalidade moi alta. E para corrixir e resolver esta situación, explica, a Xunta de Galicia convoca unha oferta pública de emprego (OPE) de 1.200 prazas.

Aplaudiríamos á Xunta de Galicia e aos seus sindicatos se cando din ofertar, despois de 14 anos, 1.200 postos de traballo, estes fosen realmente 1.200 novos postos de traballo para os que se pedira acceder por un proceso de concurso-oposición. Non parece isto nada desmedido, despois de mais dunha década e unha pandemia sen convocar nin unha soa nova praza no Consorcio. 14 anos.

Aplaudiríamos, e parecería incluso razoable, que as organizacións sindicais da Xunta de Galicia traballasen na defensa de mellores servizos públicos coa creación de 1.200 novas prazas de traballo. Sería bo que fixesen isto coa mesma dilixencia coa que traballan en enfrontar as traballadoras do Consorcio, na disputa de quen ocupa prazas xa ocupadas e de quen queda na rúa.

Con todo, o xerente do Consorcio intenta esconder a falta de solución á fraude cometida contra 1.200 mulleres con unha OPE. Ningunha oferta pública de emprego dá resposta nin é solución á fraude cometida pola Administración durante 14 anos. Por máis que queiran vendernos e mendigarnos como gran solución que nesa OPE nos terán en conta o tempo traballado. Só faltaría!

É importante salientar a magnitude da fraude cometida e silenciada durante anos pola Xunta de Galicia: pola súa prevalencia co 93% de temporalidade, pola súa magnitude, que afecta a mais de 1.200 profesionais, pola súa persistencia no tempo durante 14 anos e polo colectivo afectado, mulleres que hoxe se atopan nunha media de idade de 45 anos.

As empregadas do sector público nesta situación son vítimas desta fraude. Porén, dende o Congreso e dende diferentes parlamentos autonómicos se están propoñendo iniciativas lexislativas que dean resposta xusta ás profesionais afectadas. Asemade, os gobernos autonómicos están implementando instrumentos legais para regularizar a situación das traballadoras da maneira menos lesiva para elas. En todos os casos, os gobernos autonómicos están actuando baixo o principio intelixente da prudencia paralizando, por exemplo, as posibles OPE convocadas. Seguramente, non o fan só porque sexa o mais xusto, senón tamén porque non facelo pode traer unhas consecuencias económicas en indemnizacións millonarias moi gravosas para as Administracións, como xa se lles ten advertido dende a Unión Europea.

Neste marco da Unión Europea, e toda vez que en España non sen ten trasposta a Directiva Europea 1999/70/CE de obrigado cumprimento dende 2001 por todos los Estados membros, esténdese cada vez máis o consenso entre xuristas e administracións de que a solución máis xusta e barata para as arcas públicas é a fixeza dos contratos en situación de fraude. E nisto están traballando as administracióna máis sensatas, que saben que aquí non se debate sobre como se accede á función pública, senón como se desagravia as vítimas dunha fraude e abuso por elas cometido.

Neste contexto, o presidente da Xunta, nunha fuxida cara adiante e co suposto apoio dos seus sindicatos, apura un proceso para ocupar 1.200 prazas xa ocupadas por mulleres dende hai 14 anos, que pode deixar sen emprego a profesionais capacitadas e experimentadas.

Se isto non fose suficiente, a Xunta causa este conflito en plena pandemia, cando as profesionais do Consorcio están traballando en primeira liña coas persoas máis vulnerables, crianzas e maiores. Traballando, por exemplo, coas persoas maiores nos centros integrados de COVID, e nas nosas residencias, nas que, por se non o sabe o señor presidente, temos a fortuna de poder celebrar que o número de persoas maiores falecidas por COVID foi cero.

Sorprendente modo de agradecerlles ás traballadoras a súa dedicación e o seu extraordinario e impecable traballo.

Sobre este blog

Este blog es el espacio de opinión y reflexión de elDiario.es en Galicia.

Etiquetas
stats