Este blog es el espacio de opinión y reflexión de elDiario.es en Galicia.
Ler a Homero con 'e', mascando chicle
A semana pasada, deixei que un alumno mascase chicle na clase. Era un grupo pequeno. El estaba ao fondo, á dereita. Nese grupo estamos lendo en voz alta unha versión adaptada da Ilíada. Ao pouco de comezar, alguén, outro compañeiro, acusouno: “Está mascando chicle, está mascando chicle...!”. Eu contestei que me daba igual. Calaron. O neno sorriu. Debo dicir que ao principio non había vontade ningunha de experimento naquela miña indiferenza, ao contrario. Pensei unicamente en todas as ocasión en que eu tivera que cuspir un chicle antes de entrar na clase ou durante a clase. En todas aquelas veces, sendo neno, en que pegara o chicle no padal, debaixo da lingua ou tras os dentes para escondelo. Púidome a alegría de mascar, o recordo de sabores artificiais enchoupando a saliva.
Dende que traballo no instituto, a miúdo sinto, vivo en directo, unha sorte de loita contra o avance dos tempos. Está o profesorado que lle di a unha rapaza que non pode expoñer un tema diante de toda a clase ensinando o embigo e o que intenta convencelos de que o problema non é o embigo da rapaza. E entón abrimos un debate sobre embigos. E case sempre é unha espiral. Non ten por que levarnos a ningures nese momento. A idea non é esa, só se trata de detectar que alí, nese exercer liberdades, hai algo que incomoda. Por suposto, hai casos incluso peores, como o dese instituto da Costa da Morte onde a un rapaz lle prohibiron directamente levar un top. Foi hai un par de meses. Por desgraza, o caso non chegou á prensa, pero unha procura rápida en Google fai que agromen ducias de novas e artigos sobre o código de vestimenta. E digo eu: un centro público non debera ser coma unha praza pública? O ideal da praza pública?
Chegou a quenda de que lese o mascador de chicle. No poema, Aquiles choraba sobre o cadáver perfumado de Patroclo, incorrupto grazas ao amor da súa nai, a deusa Tetis. Nada lles expliquei sobre ese amor, sobre ningún dos dous amores. Que vou dicir eu mellor ca Homero? Despois de dúas páxinas, pídolle que pare. Faise o silencio. Pregúntolle ao rapaz: “Estás cómodo co chicle na boca?”. Ten ganas de dicir que si, pero sabe que non. Mirámonos un intre e sorrío. El érguese, envólveo nun anaquiño de papel e tírao. Resulta que o chicle non atura ben a lectura dos clásicos.
Cando escribo aquí sobre temas que afectan á comunidade LGTB+, gústame empregar a palabra queer. Entón, nas redes sociais, de tanto en tanto, aparece unha señora -son sempre mulleres- que me di que esa palabra a invisibiliza. A min cústame pensar que unha palabra, que un xiro da lingua, poida invisibilizar a ninguén. O idioma é precisamente unha ferramenta que, empregada en liberdade, unicamente se expande, se estira. Coma o chicle.
E precisamente o e da palabra chicle -que, por certo, é un castelanismo que igual viña sendo hora de incorporar oficialmente ao galego- vén de ser prohibido o pasado venres nas escolas da cidade de Bos Aires. Ese e que, segundo sexa empregado, debe molestar ao oído, ir contra a moral establecida, os modais ou quen sabe cantas outras cousas. Eu penso que os clásicos soportarían mellor o e do que soportan o exceso de saliva. Que a lectura en voz alta da morte de Patroclo nunha clase de secundaria, toleraría ese e na boca duns e o o na lingua das seguintes. Trátase de ir probando, de deixar que na praza pública exista a liberdade de experimentar dentro dun espazo seguro. Independentemente de cal sexa, ao final, o resultado.
Esa mesma tarde, merco un paquete de chicles. Son de fresa, pero teñen un gusto acedo ao final. Hai dez anos, cando alguén dicía todas en voz alta e só todas, eu non me sentía identificado. Acababa de rematar o instituto e comezaba a universidade. Agora sei que quizais tiña medo, ou poida que fose só falta de costume. Aprendín sen querer, con naturalidade, que podo dicir todas e só todas cando me pete e se me peta. E gústame, aprendín a que me gustase ese sabor acedo no fondo da lingua.