Has elegido la edición de . Verás las noticias de esta portada en el módulo de ediciones locales de la home de elDiario.es.
Sobre este blog

Este blog es el espacio de opinión y reflexión de elDiario.es en Galicia.

A moratoria ao eucalipto: un mellor futuro para o monte galego

0

Desde os anos 50 do pasado século, a expansión e xestión das plantacións de eucalipto mudou nun problema de primeira orde no eido forestal, con gran intensidade en Galicia, mais tamén noutras comunidades autónomas do Estado e en Portugal. A historia da expansión desta especie contén algúns episodios ben tristes de afectación a espazos naturais de alto valor para a conservación e contribuíu á diminución da integridade ecolóxica nalgunhas comarcas de Galicia. Máis aló do grave impacto ambiental orixinado en moitos enclaves e especies, as políticas celulósicas provocaron conflitos sociais e deron lugar a iradas discusións técnicas e políticas, constatando a incapacidade da planificación forestal de equilibrar os usos e funcións do territorio, aplicar a racionalidade ambiental e económica á produción de madeira de eucalipto e de minimizar os impactos destas plantacións.

Nas últimas décadas foron moitos os traballos de investigación que recomendaron que a planificación forestal debía xogar un papel modulador entre a produción e a conservación do medio natural, incluíndo o principio de precaución e enfoques propios da ordenación territorial. Obvia dicir que a planificación forestal fixo caso omiso dos expertos. O enorme fracaso do Plan Forestal de Galicia de 1992 é un exemplo do que nunca debería volver pasar.

As deficiencias na planificación forestal provocaron a cronificación do conflito, en cuxo debate séguese a abusar de olladas reducionistas, sexa para estigmatizar o eucalipto como árbore maldita, causante dos lumes e daniño sempre e en todo lugar; sexa para cualificalo como árbore inocua, negar os seus impactos, atribuírlle funcións ambientais das que carece ou esaxerar os seus rendementos económicos e o seu papel no desenvolvemento rural. Máis recentemente, chegouse mesmo a negar que esta especie expándese e naturalizase onde ninguén a plantou e hoxe habita en leiras, gabias, ribadas ou a contorna dos núcleos de poboación, algo que permite que se comporte como fachos de lume cando chegan as ondas incendiarias. A árbore, o eucalipto, non ten a culpa, mais pagou os pratos rotos do enorme poder do sector celulósico e a falta dunha correcta xestión forestal que amortecese os impactos sobre a biodiversidade ou minimizase o perigo da súa presenza en áreas poboadas.

Nesta polarización entre detractores do eucalipto e negacionistas da súa problemática, óbviase, por unha banda, o papel que xogan estes cultivos forestais na economía rural, no tecido industrial e en toda a cadea de valor do sector da madeira. Por outro, rexéitase a literatura científica e a extensa casuística que ilustra os impactos ambientais negativos destas plantacións sobre a paisaxe, a biodiversidade ou o seu magnífico comportamento como combustíbel durante os lumes forestais.

Porén, a semana pasada produciuse un punto de inflexión nesta discusión que supón un raio de esperanza para o monte galego. O Conselleiro de Medio Rural anunciou durante o debate do Plan Forestal a proposta de suspender temporalmente a autorización de novas plantacións de eucalipto, algo confirmado polo Presidente da Xunta de Galicia o pasado xoves. O feito de que o anuncio chegase de xeito trapalleiro, formando parte do mesmo paquete que o máis que polémico Plan Forestal aprobado en solitario o Partido Popular, non debe embazar que podemos estar diante dun cambio de tendencia. Un debate, o do Plan Forestal no Parlamento Gallego, que se cadra nin sequera reflicte acaidamente os novos aires no sector forestal galego.

A moratoria ao eucalipto é unha demanda histórica e recolle parte do espírito da proposta da sociedade civil galega, que durante 2018 promoveu unha iniciativa lexislativa popular que recibiu o apoio de 42.000 sinaturas e na que se pedía un novo modelo forestal onde as plantacións de eucalipto non seguisen a ampliar o seu dominio do territorio. Esta proposta seguía os pasos de Portugal, cuxo goberno decretara unha moratoria ao eucalipto en 2017 para pular por unha planificación forestal e económica máis racional. Tamén é coherente coa posición lanzada en 2011 por máis de 20 organizacións ecoloxistas e de conservación de todo o Estado español, declaración que foi denominada Unha visión común sobre o problema das plantacións de eucalipto. E, por último, a demanda dunha moratoria ao eucalipto aparece reiteradamente no discurso ecoloxista ibérico e vai contando cada vez cun maior grao de comprensión por parte dos actores económicos e políticos.

Non chegamos a ningures, mais ábrese unha porta.

Sobre este blog

Este blog es el espacio de opinión y reflexión de elDiario.es en Galicia.

Etiquetas
stats