Has elegido la edición de . Verás las noticias de esta portada en el módulo de ediciones locales de la home de elDiario.es.
Sobre este blog

Este blog es el espacio de opinión y reflexión de elDiario.es en Galicia.

Teño 28 anos e estoume extinguindo

En la imagen de archivo, una mujer camina por el paseo marítimo de A Coruña.

2

Cando cumprín 6 anos meus pais mudáronse á Coruña dende A Picota, en Mazaricos, o lugar onde nacín. Ía escribir que “decidiron mudarse”, pero xa aprendín que poucas desas eleccións son realmente libres: mamá e papá tiñan 26, 27 anos e precisaban buscar traballos novos, gañar máis cartos. Velaí de novo o éxodo rural, que non é novo porque non rematou nunca, nin rematará (por moita pandemia que nos caese enriba, por moito urbanismo deshumanizado). O caso é que nos instalamos na cidade durante o verán. Lembro que mamá era a encargada de buscar unha escola nova para min. Visitamos varias. Non sei se aí houbo tampouco moita elección. Finalmente fun ao CEIP de Prácticas, coñecido popularmente como Aneja. Alí, naquel colexio, na Coruña, con 6 anos, confeso que fun máis triste ca en ningún outro lugar.

No ano 2000, no novo milenio, a unha hora en coche do sitio onde eu nacera, as nenas, os nenos e a mestra non falaban a mesma lingua ca min. E non só iso, burlábanse do meu acento: uns con maldade e outras con finxida dozura. Por suposto, eu sabía falar castelán, aprendérao sobre todo da televisión, dos libros (foi o idioma no que, coma case todos aquí, comecei a ler) pero non era a miña lingua. Aínda así, facía un esforzo, camuflaba o meu seseo, a miña gheada... E en lugar de facer pan, a miña boca cuspía fariña e vomitaba auga. Tardamos poucos meses en marchar da cidade: meu pai decidira emprender, miña nai era tan infeliz coma min ou máis (camareira de hotel, limpando bares en Riazor dende as 5 da mañá) e Noia era unha vila de tamaño medio e ínfulas maiores que quedaba máis preto do lugar que nos vira medrar aos tres, do noso fogar.

Hoxe, vinte e dous anos máis tarde, teño unha sensación parecida á do patio de recreo de Aneja. O Instituto Nacional de Estatística pechou o ano informando de que por primeira vez o castelán é a lingua de uso maioritaria en Galicia. Ademais, case un 30% dos menores de 20 anos afirma que, pese a entender o galego, fálao e escríbeo con dificultade. Hai xa moito que sabemos que a transmisión interxeracional da lingua está en vías de extinción, que as cifras avanzan en negativo. Pero trátase de que nos entendamos? De que nos respectemos na diferenza? Discutindo con meu pai, el emprega sempre ese argumento de: “faleille en galego e entendeume perfectamente”. E, nesa frase, hai orgullo pola incursión do noso idioma nun hospital ou nuns xulgados, por exemplo, pero tamén resentimento, un resentimento difícil de ver: ninguén quere formar parte da resistencia, é mellor finxirnos libres, actuar coma se nada. A propia frase é a proba de que “falar galego” neste ou naquel lugar non é normal.

Teño 28 anos e estoume extinguindo. Dentro de dez anos, a poboación galega terá caído un 5%, e dentro de vinte, eu e os meus amigos estaremos cada vez máis sós, comidos pola nostalxia que devora aos nosos avós (que non souberon sobrepoñerse en moitos casos á transformación do rural) e perdidos no medio de todas as crises que asoballaron e desfixeron a conciencia de clase dos nosos pais (traballadores precarios da segunda ou terceira onda do capitalismo salvaxe). Aínda que quizais o proceso non sexa tan rápido e só esteamos vivindo unha aceleración, un aproximarse da morte que non chega, coma un boneco que sae disparado nunha casa de terror sen chegar a tocarnos nunca.

Os culpables directos de todo isto son aqueles que establecen as nosas políticas lingüísticas: de Feijóo, tan absurdo e retorcido que nos fixo estrañar o rexionalismo postfranquista e folclórico de Fraga; ata aqueles que quixeron instrumentalizar sen éxito popular a causa da lingua. Tantas cousas arruinou a política de partidos neste país. Porque máis alá do etnocidio, está a tendencia a desaparecer, a ser devorados pola masa: cada día, en cada lugar. Sería eu o mesmo se tivese permanecido máis de dous meses naquel colexio da cidade? Que é un rapaz falando só no medio da xente? Un corpo ten que poder máis ca unha porcentaxe.

Sobre este blog

Este blog es el espacio de opinión y reflexión de elDiario.es en Galicia.

Etiquetas
stats