Has elegido la edición de . Verás las noticias de esta portada en el módulo de ediciones locales de la home de elDiario.es.

Colectivos en defensa do idioma claman en Santiago ante a situación de “emerxencia” do galego

MAnifestación en defensa do idioma galego

Gonzalo Cortizo

17 de mayo de 2024 13:37 h

2

O idioma galego está en situación de “emerxencia”. Así o denuncian os colectivos convocantes da manifestación celebrada en Santiago con motivo do Día das Letras Galegas. O debate sobre o idioma aséntase en documentos como o informe elaborado pola Real Academia Galega a finais de 2021 cunha conclusión alarmante: Os rapaces entran na escola falando a lingua propia e saen dela castelanizados. A Xunta réstalle gravidade á diagnose. O novo conselleiro de Cultura, José López Campos, ofreceu esta semana dende o Parlamento un pacto polo idioma que una a tódalas forzas políticas. Dende o Consello da Cultura Galega recibiron a proposta con bos ollos pero o escepticismo aparece sempre que é a administración gobernada polo Partido Popular a que propón plans de coidado do idioma concidindo con días como o que se celebra cada 17 de maio.

Na memoria de todos está a participación e impulso que Alfonso Rueda deu ás manifestacións en defensa do castelán impulsadas porla extremista Galicia Bilingüe na durísima campaña electoral de 2009. Pero non hai que remontarse tan atrás para ver xestos no PP tendentes a continuar coa ruptura dos consensos asentados durante os gobernos de Manuel Fraga a prol da defensa do idioma. Na última campaña electoral o propio Rueda apostou por axitar a teses máis ultras en contra do idioma. Outro dato máis: en setembro do pasado ano, o PP votou en contra de que o galego fora vehículo de expresión no Congreso dos Deputados. De todo iso, o resquemor e o medo que un 17 de maio máis percorreu as rúas da capital de Galicia.

O voceiro de Queremos Galego, Marcos Maceira, lembrou ante os xornalistas que se cumpren 20 anos do Plan Xeral de Normalización Linguística e esixiu á Xunta o seu cumprimento. A portavoz nacional do Bloque Nacionalista Galego, Ana Pontón, pediu da administración gobernada polo PP “unha marcha atrás en todas as súas políticas en contra da lingua”. En concreto referiuse ao “decreto da vergoña”, aprobado por Alberto Núñez Feijóo en 2010 e que fixou que a ensinanza repartiría por metades o uso de galego e castelán na escola para concluir co seguinte argumento: “Se o PP realmente quere dar pasos para un gran pacto polo idioma o primeiro que ten que facer é deixar atrás esta política de imposicións contra o galego que está a privar aos máis novos da liberdade y da oportunidade de poder usar a nosa lingua”.

Etiquetas
stats