Has elegido la edición de . Verás las noticias de esta portada en el módulo de ediciones locales de la home de elDiario.es.
Sobre este blog

Este blog es el espacio de opinión y reflexión de elDiario.es en Galicia.

Una pandemia reveladora

Personal de la residencia San Carlos en Celanora atiene a dos usuarios.

Antía Pérez Caramés

0

Nun país distante e nun tempo que cada vez nos resulta máis afastado xurde un novo virus que, como un furacán varrendo as compoñentes máis superficiais alí por onde pasa para deixar exposto o esqueleto, destapa, para que quede á vista de todo o mundo, a nosa verdadeira osamenta social. Esta pandemia é, antes que calquera outra cousa, profundamente reveladora.

Unha das súas primeiras revelacións é sobre a mesma natureza humana. A quen crera que o realmente constitutivo da nosa condición de humanidade é a autonomía e a individuación, o virus deulle dúas cuncas: unha de vulnerabilidade, e outra de interdependencia. Porque o que realmente nos define como integrantes da mesma especie é precisamente que somos fráxiles, dependentes, que necesitamos coidados e que, precisamente por todo isto, somos en relación con outrxs.

Unha segunda achega do elocuente virus prodúcese cando a mediados de marzo se decreta un confinamento que supón unha certa suspensión do social, unha quebra dos lazos que se fundamentan na copresenza, na proximidade física e na interacción no espazo público. Nunha sociedade alerta e en suspenso, a vida pública restrínxese a excepción de todas aquelas actividades que permiten, precisamente, a reprodución da nosa existencia. Cando chega o momento de ter que establecer unha distinción entre as actividades económicas que nutren o IBEX e as que nos nutren a nós, as primeiras serán as accesorias e as segundas, as esenciais. Emerxe, entón, a verdadeira contradición: a que confronta a este modelo de capitalismo neoliberal coa sustentabilidade da vida.

No terceiro episodio das revelacións pandémicas comprobamos tamén que a vulnerabilidade, alén de constitutiva da nosa especie, está distribuída de maneira desigual. Co estado de alarma manifestouse unha nova fractura social, unha divisoria que se articula no eixo entre as persoas confinadas e as non confinadas. As confinadas fomos a maior parte da poboación, quen puidemos repregarnos nas nosas casas e, mal que ben, enfrontar o teletraballo, o coidado e educación das crianzas, a atención ás persoas en situación de dependencia, o mantemento da casa... Entre as non confinadas estiveron (e están) todas aquelas persoas que se ocupan de responder a esa emerxencia dos coidados da que falamos: obviamente o persoal sanitario, pero tamén as traballadoras nos supermercados e tendas de alimentación, as empregadas do fogar, as do servizos de axuda a domicilio e das residencias, o persoal do sector do transporte e da distribución, quen traballa no sector primario e na produción de alimentos... en fin, todas as traballadoras e traballadores que están sustentando esa vida que nestes meses máis que nunca amosou a súa cara máis fráxil. Ese estrato de poboación está significativamente feminizado e, nalgúns casos -pensemos no emprego no fogar-, está tamén racializado. Poderíamos considerar tamén outra capa desta nova fractura social formada pola poboación que xa viña confinada de antes, que vivía recluída antes de que todo isto comezase. Pensemos, por exemplo, nas persoas maiores que viven nas residencias, pero tamén quen están nos cárceres, en centros de acollida, en espazos de atención colectiva á diversidade funcional, ou nos CIE (Centros de Internamento para persoas Estranxeiras).

Como desgraciadamente tivemos a ocasión de comprobar, tanto a poboación non confinada como aquela que xa vivía confinada con anterioridade, foron os sectores sociais máis expostos á infección, ao contaxio e, en consecuencia, nos que o virus máis se cebou. Agora ben, estas persoas, tan humana e intrinsecamente vulnerables como calquera das que puidemos pasar a corentena nas nosas casas, foron, ademais, socialmente vulnerabilizadas. Á consideración económica (ou desconsideración, máis ben) que teñen os traballos de coidados -o que incide na súa desvalorización e invisibilización-, súmase a precarización das condicións de traballo das ocupacións sinaladas, mesmo o seu exercicio en condicións irregulares. E tamén a moitos, demasiados anos xa, dun xiro neoliberal das políticas públicas que fixeron das privatizacións e os recortes os seus sinais de identidade. A engrenaxe da produción dunha vulnerabilidade desigualmente repartida é, pois, o que queda ao descuberto co paso do vento furacanado do virus.

A desescalada devolveunos progresivamente a unha normalidade que, aínda que lle digan nova, garda máis semellanzas co estado anterior das que quizais quixéramos conservar, alén dun panorama que, no social e no económico, se presenta devastador. Por riba, a prioridade na activación progresiva de certos sectores económicos (deporte profesional, comercio e hostalaría, turismo...) faise ao descompás da apertura de escolas infantís e centros de día, reforzando aínda máis as fendas entre as fráxiles e inequitativas condicións da sustentabilidade da vida e os intereses do capital.

A un tempo, o virus abrolla aquí e alá, amosando máis unha vez a súa virtude para desvelar o que impudicamente perseveramos en agochar. O mapa da produción social da vulnerabilidade segue a sinalar ás residencias de maiores, pero tamén ás empresas de procesamento cárnico e o seu traballo en condicións de condensación humana e ambiental, ao sector de recollida da froita por parte de temporeirxs migrantes que viven baixo plásticos e sen acceso a auga potable ou en infravivendas, aos lugares de atención á diversidade funcional, aos centros de acollida a persoas migrantes... A cartografía dos brotes non é máis que a representación gráfica das nosas vulnerabilidades diferenciadas.

Sobre este blog

Este blog es el espacio de opinión y reflexión de elDiario.es en Galicia.

Etiquetas
stats