Un pacto contra a débeda
A Autoridade Portuaria da Coruña ten un gran problema coa súa débeda. Mais esta está lonxe de ser unha cuestión que afecte so á entidade que administra as dársenas. Pola contra, esta débeda aféctanos a todos os coruñeses e coruñesas. É ben sabido que o camiño trazado no seu momento incluía sufragar estes máis de 300 millóns de euros cos fondos a obter pola venda dos terreos portuarios de Calvo Sotelo, Batería e San Diego. Un total de 450.000 metros cadrados e unha altísima edificabilidade, segundo o plan urbanístico vixente.
Porén, durante os últimos anos na Coruña veuse construíndo un consenso arredor doutra forma de entender a anexión destes terreos á cidade. Este novo sentir común avoga polo desenvolvemento dos espazos portuarios a través dun consorcio de administracións que traballasen xuntas na procura de espazos abertos e zonas verdes, tan necesarias na nosa cidade; que avogasen por manter no porto unha economía produtiva, sostible e moderna, vinculada ao mar; que aproveitasen para mellorar a mobilidade dos cidadáns e cidadás, para abrir A Coruña á súa área metropolitana. E ademais que o fixesen sen mudar a titularidade pública dos terreos, a través de principios baseados no ben común e na participación democrática e a transparencia.
Dende logo, este plan ten os seus detractores. Hai quen mantén a aposta para que a privatización e a explotación inmobiliaria destes terreos non se saia do guión previsto en 2004. Dirannos que é por pragmatismo, porque hai que financiar o porto exterior, e isto non vai poder facerse simplemente acudindo aos rendementos económicos que este xenere -e moito menos se non se lle dota axiña dunha conexión ferroviaria, vital para o seu futuro-. A débeda, polo tanto, será a chantaxe utilizada para impoñernos un plan distinto, pola vía do presunto “realismo”. Pero a verdade é que o único realista é librar á cidade da hipoteca colectiva que supón a débeda, condonar esta ou compensala polo Estado a través de achegas económicas equivalentes ao futuro consorcio público. Porque xa sabemos como rematan as operacións urbanísticas centradas na obtención das plusvalías inmobiliarias. Acabámolas pagando entre todos.
Por iso é preciso que o consenso cidadán se transforme nun pacto de cidade. Un pacto contra a débeda. O único realista e posible hoxe, porque se é factible e Valencia, é factible na Coruña tamén, só é cuestión de vontade política. E de esixencia cidadá. A Coruña ten que gañar o seu porto.
0