Has elegido la edición de . Verás las noticias de esta portada en el módulo de ediciones locales de la home de elDiario.es.
Sobre este blog

Este blog es el espacio de opinión y reflexión de elDiario.es en Galicia.

Ucraína e a síndrome do personaxe principal

Un teléfono móvil con la aplicación de TikTok.

0

Diante de min dúas pantallas. No telexornal do mediodía sucédense as novas sobre refuxiadas ucraínas que chegan a Galicia en autobuses que marcharon cheos de provisións á zona de conflito; historias de taxis que antes traían e levaban emigrantes a Suíza e Alemaña e que agora transportan unha, dúas familias, que durmirán con sorte en casas nas que se preparou para elas con esmero un cuarto de convidados con sabas limpas, paredes cálidas onde a lingua na que se murmura polas noites é de todo inintelixible, onde só prevalecerá a fatiga de horas de viaxe e días de medo; aparecen autocaravanas particulares que percorren Europa de estremo a estremo sen parar ao bordo de ningún lago, coa présa de quen sabe que non hai tempo...

Estou confinado e, mentres todo iso acontece na pantalla da televisión, miro o móbil con desgana, botando a conta dos días e das historias anónimas de solidariedade. E leo tamén unhas vinte veces: “Estamos cansxs de vivir acontecementos históricos”. A mensaxe está escrita con ironía, que é un xeito de dicir a verdade sen que a todo o mundo lle pareza mal ou, mellor dito, sen que teña por que parecerlle ben a todo o mundo. Supoño que haberá moita xente á que ese comentario lle resultará censurable nunha situación coma esta: son outros os que se exilian, os obrigados a fuxir. Porén, quizais sexa o aburrimento ou a sensación de irrealidade que trae o encerro, pero sinto que os entendo, entendo ese cansazo.

Habito un contexto onde, quen máis quen menos, sofre de main character syndrome. En Google din que se trata dun problema millennial. Eu creo que non todos os problemas que carrexa consigo internet son millennials, quizais si occidentais, capitalistas... Pero eses son adxectivos perigosos. A síndrome do personaxe principal fainos crer que todo xira ao noso redor, que todo nos afecta. E, mátenme por pensalo, pero cada vez estou máis convencido de que iso é certo.

Se busco o suficiente en redes, posiblemente poida atopar unha explosión diaria, algún tipo de inxustiza, algunha imaxe con rastros de sangue e un ou varios corpos inmóbiles guindados no chan. Falo de vítimas novas cada vez, en puntos distintos do mapamundi. Días antes de que a guerra en Ucraína ocupase o noso día a día, por exemplo, cargamos aínda co peso dunha nena palestina de 12 anos e das carreiras dun grupo de civís que foran brutalmente agredidos polas forzas de seguridade israelís en Xerusalén. No último lustro, son varios os mortos erixidos como símbolo dun conflito, varias as fotografías icónicas, os lemas. Pero isto non sempre foi así.

A saturación de imaxes violentas, escoitamos durante anos, conduciríanos á insensibilidade. Quizais o fixo xa. Non é nada novo. Etiquetamos como millennial problemas dos 90. Imaxino que cando algo non se resolve, hai que ir facendo que desapareza, que se transforme ata que semelle algo distinto. A saturación, dicía, o bombardeo de bombardeos, quizais nos estea levando agora da insensibilidade á fatiga. Acontecen hoxe en día máis desgrazas no mundo que fai tres décadas ou é só que estamos mellor conectados, que hai máis xente á espreita?

En calquera caso, as redes obrígannos a escribir unha narrativa. Todas as redes: de Instagram aos grupos familiares de Whatsapp. Fagamos o que fagamos, unha vez coñecemos o que acontece fóra, estamos tomando posición. Podemos ser solidarios ou non. Pero saberemos que o estamos sendo. Entendedes agora que iso canse? Que canse tanto acontecemento histórico, tanta participación pasiva na historia, tanto problema superposto, tanta opinión ou silencio deliberadamente escollido.

Ademais, ser personaxe principal ten os seus riscos. De novo, dúas pantallas. Ao principio do meu confinamento, a miña parella ensíname no móbil as imaxe dunha rapaza botando unha man nun campamento de refuxiados en Polonia. As fotos das súas stories, o xeito en que están feitas, suxiren que esta guerra forma parte da súa experiencia Erasmus. Falamos un anaco sobre como o podería ter feito dunha maneira máis elegante. Debatemos se nós teriamos subido esas fotos, se é lexítimo. Perténcenos un conflito do que somos espectadores?

A outra cara da moeda, ten nome e apelidos: Valeria Shashenok. Quizais a estas alturas, xa saibades de quen falo. Grazas a ela, escribiuse que esta guerra —sexa ou non a Terceira Guerra Mundial— é a primeira retransmitida por TikTok. Valeria emprega o humor e a ironía (non sería esa a verdadeira arma cargada de futuro?) para falar dos refuxios antiaéreos ou as evacuacións masivas. Ela tamén é personaxe principal do conflito: tan cansa do mundo no que vive e dos seus altibaixos coma todos os que damos like nos seus vídeos. Valeria aproveita o aburrimento, a fatiga, para crear arte dende un lugar onde quizais a arte, e aínda menos o humor, non teñen cabida. Pero insiste en crear a súa narrativa, creando o discurso da vítima que non claudica, daqueles que insisten en que a guerra non arrasará, por exemplo, coa súa actividade nas redes, coa súa queixa orixinal. E faino porque a hiperconectividade e a exposición traen por veces algo bo: a artista nunca está soa.

Sobre este blog

Este blog es el espacio de opinión y reflexión de elDiario.es en Galicia.

Etiquetas
stats